Vilas e cidades claman contra o masacre de Melilla: "As vidas negras importan"

Concentración baixo o lema 'As vidas negras importan', na praza das Conchiñas da Coruña, este 1 de xullo, con participación de veciñanza de orixe senegalesa © Acampa pola Paz

Máis dunha trintena de persoas mortas, máis de 300 hospitalizadas, máis dun centro internadas nun centro para inmigrantes e un número indeterminado "devoltas en quente, práctica que vulnera a lexislación internacional en materia de dereitos humanos". Así resumen diversas entidades sociais o acontecido a pasada semana na fronteira de Melilla tras o intento de salto do valo e posterior masacre.

Ao berro de "as vidas negras importan", nove concentracións na Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Allariz, Ribeira e Vilagarcía (este sábado celébrase a décima en Ferrol) clamaron este venres contra o racismo, contra a "brutalidade policial e a militarización fronteiriza". Son case corenta entidades que tamén se quixeron "solidarizar coas familias das persoas mortas, vítimas das prácticas e políticas migratorias que se traducen en necropolíticas", na liña dun total de medio cento de protestas en todo o Estado.

Concentración 'As vidas negras importan' na praza do Emigrante de Vigo CC-BY-NC-SA BNG

Abondosa poboación migrante sumouse a unhas mobilizacións que quixeron tamén ir alén deste episodio concreto. "Denunciamos a vulneración da lexislación internacional" e "a lexitimación do racismo institucional que agride os corpos na fronteira", di o manifesto das protestas, que liga o acontecido aos acordos recentes entre o Goberno de España e Marrocos que, auguran, "contribúen a criminalizar as migracións".

"Denunciamos a vulneración da lexislación internacional" e "a lexitimación do racismo institucional que agride os corpos na fronteira", di o manifesto das protestas, que esixiron unha investigación independente do acontecido, "vías legais e seguras para as migracións e a derrogación da lei de estranxeiría

Alén da denuncia, as mobilizacións concretaron unha táboa reivindicativa encabezada pola esixencia dunha "investigación independente que esclareza as mortes" e inclúa a reparación das vítimas, "con identificación, repatriación e información ás familias". Non en van, advirten "os corpos están a ser enterrados en Nador sen realizar autopsias esenciais" para esa posible investigación.

É urxente tamén, resaltan, que as persoas feridas poidan acceder "a unha sanidade de calidade" e coidados "especializados". Alén disto, reclaman a fin das "devolucións en quente" e "a derrogación dos rexeitamentos en fronteira" que aínda recolle a Lei de Seguridade, a coñecida como lei mordaza. Cómpre ademais, abondan, a "protección da vixilancia dos dereitos humanos en toda a fronteira sur, respectando os acordos internacionais, especialmente o Estatuto das Persoas Refuxiadas" e atender á "particular vulnerabilidade" de menores de idade.

Por último, agregan, o Goberno de España debe ser "transparente" en relación coa denominada "nova etapa de asociación" con Marrocos e a respecto do destino "do diñeiro que recibe Marrocos da UE e de España". A todo isto engádese unha reivindicación máis ampla: o "establecemento de vías legais e seguras" ás migracións "e a derrogación da lei de estranxeiría". As concentracións tiveron o apoio de formacións políticas coma o BNG ou Podemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.