A cimeira de Madrid devolve o mundo á Guerra Fría: Rusia xa é inimigo oficial da OTAN

Pedro Sánchez, flanqueado polo secretario xeral da OTAN e o presidente dos EUA, Joe Biden, na cea oficial da cimeira este 29 de xuño © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

O nome da capital de España quedará vencellado de agora en diante a unha cita que atrasou cincuenta anos os reloxos da xeopolítica global: a cimeira de Madrid fixa como principal ameaza a Rusia e sinala ao seu presidente, Vladimir Putin, como inimigo número un. Un escenario que debuxa oficialmente o cambio de era nas relacións internacionais para asemellalas ás da Guerra Fría.

"Rusia é unha ameaza directa á nosa seguridade", proclamou o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, á súa chegada ao cumio. E ao redor desa realidade xira o novo Concepto Estratéxico rubricado por todos os países membros: "Rusia é a máis significativa e directa ameaza á seguridade dos aliados e á paz e estabilidade da área euroatlántica", reza o documento (íntegro ao final deste artigo) que responsabiliza a Putin dun intento de establecer esferas de influencia "a través da coerción, a subversión, a agresión e a anexión".

Mandatarios participantes na cimeira da OTAN en Madrid, no Museo do Prado (Madrid) antes da cea oficial deste 29 de xuño © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

O volantazo histórico enténdese mellor se se compara co anterior Concepto Estratéxico, asinado en Lisboa en 2010, e que sinalaba xusto a dirección oposta nas relacións entre a Alianza Atlántica e Rusia: "Unha verdadeira asociación estratéxica entre a OTAN e Rusia cunha colaboración de importancia estratéxica para crear un espazo común de paz, estabilidade e seguridade", sinalaba. Pero ese mundo xa pasou, polo menos de momento. 

Despregamento militar sen precedentes desde a Guerra Fría

Pero o paso á fronte da OTAN non fica nunha mera declaración de intencións. En Madrid, a Alianza Atlántica consumou o seu crecemento tras a sinatura dun memorando que abre a porta á histórica incorporación de Suecia e Finlandia despois de que Turquía levantase oficialmente a súa veto a ambos os países. E, sobre todo, o novo Concepto Estratéxico dá paso a un despregamento militar en chan europeo sen precedentes no últimas cinco décadas.

As tropas da OTAN pasarán de 40.000 a 300.000 militares

"Melloraremos os nosos batallóns na parte oriental da Alianza, transformaremos a Forza de Resposta da OTAN e aumentaremos o número das nosas forzas de reacción rápida a máis de 300.000", confirmou o secretario xeral. A día de hoxe, as tropas da Alianza contaban con apenas 40.000 soldados. O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, falou da cimeira de Madrid como "unha cita histórica" e asegurou que o seu país contribuirá a defender "cada centímetro da OTAN porque esta Alianza é máis necesaria que nunca". 

China, migracións, o flanco sur

Na resposta global ao desafío da invasión rusa de Ucraína a OTAN non esquece á China. Stoltenberg quixo deixar claro que "non é o noso adversario", aínda que alertou de que "non debe ser subestimada e debemos estar pendentes dos serios retos que representa". O novo Concepto Estratéxico saído do cumio español é moito máis explícito: acusa o país asiático de supor un "desafío aos nosos intereses, seguridade e valores" e condena a "opacidade" a respecto da súa "estratexia, intencións e desenvolvemento militar", destacando "a ampla gama de ferramentas políticas, económicas e militares" das que dispón para aumentar a súa influencia xeoestratéxica.

O secretario xeral da OTAN pon voz á cualificación de Rusia como "ameaza", na cimeira de Madrid

O documento oficial do cumio tamén fai mención expresa aos "veciños do sur da OTAN" e aos desafíos relacionados coa inestabilidade en África. Sobre o flanco sur, a Alianza menciona expresamente ao Norte de África e ao Sahel como representantes de "desafíos interconectados de seguridade, demográficos, económicos e políticos, un terreo fértil para a proliferación de grupos armados non estatais, incluídas as organizacións terroristas, algo que tamén permite a interferencia desestabilizadora e coercitiva por parte de competidores estratéxicos", en clara referencia a Rusia ou China. E non esquece o Concepto Estratéxico o flanco sur para referirse aos fluxos migratorios. A Alianza sinala directamente "os dirixentes autoritarios" que "instrumentalizan a migración". 

"Éxito" para o Goberno de España

No Goberno de España non dubidan en falar de "rotundo éxito" para o balance da cimeira. Alén do papel de anfitrión e do desenvolvemento loxístico da cita, na Moncloa móstranse especialmente satisfeitos coa implicación lograda do conxunto da Alianza cara a intereses estratéxicos claves.

O Goberno español considera un éxito que a OTAN se implique na defensa de Ceuta e Melilla e fale do Sahel como desafío estratéxico

É o caso, por exemplo, do chamado "enfoque 360 graos". O novo Concepto Estratéxico inclúe unha redacción explícita sobre a defensa da totalidade dos territorios soberanos dos estados aliados: "Ninguén debe dubidar da nosa forza e determinación para defender cada centímetro do territorio aliado e para preservar a soberanía e a integridade territorial de todos os aliados e prevalecer contra calquera agresor. Nunha contorna de competencia estratéxica, melloraremos a nosa conciencia global e alcance para disuadir, defender, impugnar e negar en todos os dominios e direccións, en liña co noso enfoque de 360 graos". Para o Executivo de Pedro Sánchez trátase dun indiscutible avance na implicación atlántica sobre Ceuta e Melilla.

Fontes do Executivo recoñecían a última hora do mércores estar "moi satisfeitos" co resultado dunha cimeira que cualifican como "a máis importante da historia". Entre os principais logros para España, na Moncloa enxalzan o paraugas defensivo para Ceuta e Melilla e que o Concepto Estratéxico inclúa a estabilidade do Sahel como un dos desafíos da Alianza

Novo Concepto Estratéxico da OTAN aprobado na cimeira de Madrid

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.