Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, Elisabeth II, tamén chamada Isabel II nos países de fala portuguesa ou hispana morreu este 8 de setembro de 2022. A oficialmente raíña do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte e dos seus outros Reinos e Territorios, xefa da Commonwealth e defensora da fe -como xefa da Igrexa de Inglaterra-, faleceu aos 96 anos como a persoa que máis tempo ostentou esa coroa, un total de 70 anos.
Con Isabel II morre a que posiblemente é a derradeira gran testemuña do poder no século XX, condición favorecida pola súa gran lonxevidade, mais tamén polo seu ascenso ao trono na mocidade en 1952, cando tiña apenas 25 anos tras a morte do seu pai, George VI, rei tras a abdicación do seu irmán Edward VIII. Con Winston Churchill como primeiro ministro, virou en raíña do que aínda era un imperio colonial cuxa descolonización se estendeu a finais do pasado século, cos acordos coa China a respecto de Hong Kong.
É habitual ilustrar a prolongadísima xeira na que reinou lembrando a longa lista de primeiros e primeiras ministras que encabezaron o que formalmente é o seu Goberno. Foron un total de quince, dende o devandito Churchill ata a actual Liz Truss, á que encomendou formalmente formar goberno o pasado 6 de setembro tras ser elixida sucesora de Boris Johson. Este sería o seu derradeiro acto oficial e xa non se celebrou no que sería o escenario habitual, o palacio de Buckingham (Londres), senón o castelo de Balmoral, residencia estival da realeza británica en Escocia, dende onde xa non se puido desprazar e onde morreu.
A descolonización, as tensións territoriais ou a entrada e saída do Reino Unido na Unión Europea son só algúns dos moitos fitos históricos acontecidos mentres Elisabeth II foi raíña, anos nos que a vida persoal dos membros da súa familia tamén ocupou abondosos titulares
A descolonización non foi o único avatar histórico que Isabel II viviu dende o seu posto. As fortes tensións territoriais en Irlanda do Norte, os acordos de Venres Santo chamados a frealas, o referendo de autodeterminación de Escocia en 2014, a entrada do Reino Unido na Comunidade Económica Europea (CEE) en 1973 ou a saída efectiva da Unión Europea tras o referendo de 2016 foron só algúns dos fitos aos que asistiu en décadas nas que os avatares persoais da súa familia protagonizaron titulares na prensa rosa, pero tamén axitaron a política.
A finais do pasado agosto non foron poucas as lembranzas no trixésimo aniversario dun dos momentos máis axitados do seu reinado, o falecemento da que fora a esposa do seu fillo Charles, Diana de Gales, Lady Di, nun accidente de tráfico en Paris acompañada por quen daquela era a súa parella, feito sobre o que seguen circulando múltiplas teorías.
É ao herdeiro e ata agora príncipe de Gales, casado con Camilla Parker Bowles dende 2005, ao que lle corresponde herdar o trono do Reino Unido con 73 anos. O seu fillo William, seguinte na liña sucesoria, ten xa 40.
O novo rei Charles -a Casa Real británica xa se referiu a el con tal condición no anuncio do pasamento- será o encargado de encabezar uns actos funerarios que se ensaian dende hai anos dentro da denominada Operation London Bridge (Operación Ponte de Londres), o operativo considerado segredo -pero comentadísimo nos medios nas súas principais liñas durante anos- que entra en xogo coa morte da raíña.
O protocolo para os días posteriores á morte da raíña británica está milimetricamente detallado e tiña prevista a posibilidade de que morrese en Escocia, como así sucedeu. Prolóngase durante máis dunha semana
Entre os detalles públicos da operación figura o feito de que, unha vez confirmada a morte, a Casa Real comunícaa á primeira ministra coa frase "London bridge is down" (caeu a ponte de Londres). O plan contempla, entre outros aspectos, a posibilidade de que Isabel II morra en Escocia, como así sucedeu. É por iso que o protocolo contempla que os restos mortais da monarca sexan trasladados ao Palacio de Holyrood (Edimburgo), considerada residencia oficial dos reis e raíñas do Reino Unido en territorio escocés. A continuación, fixa unha primeira cerimonia relixiosa na súa memoria na Catedral da capital escocesa.
Tras eses primeiros pasos, o plan estipula o traslado do féretro en tren ata Londres, ao palacio de Buckingham, primeiro ao Salón do Trono e despois a outra estancia para o velorio. Todos estes actos prolongaranse durante máis dunha semana, segundo as propias normas reais, ata culminar nun funeral na abadía londinense de Westminster. Será soterrada na capela de Saint George, no castelo de Windsor, onde en 2021 xa fora situado o féretro do seu home, Philip, falecido aos 99 anos.
Resta saber se agora, co seu pasamento, o nivel de aceptación da monarquía decaerá ou non entre o pobo británico, elemento básico para a supervivencia desta institución hereditaria. Máis aínda nun contexto internacional de forte convulsión pola guerra da Ucraína e o impacto da pandemia, mentres aínda continúan ben vivas as consecuencias do Brexit -entre elas, as voces a prol da reunificación irlandesa-, coas autoridades escocesas a apostar por un novo referendo de autodeterminación e coa primeira ministra, Liz Truss, acabada de chegar ao poder.