O Goberno uruguaio denuncia a última directiva da Casa de Galicia por estafa e a apropiación de 180 mil dólares

Alberto Iglesias, derradeiro presidente da Casa de Galicia, con Alberto Núñez Feijóo, nunha visita do daquela presidente da Xunta á institución sanitaria en xaneiro de 2020 © Casa de Galicia

As irregularidades denunciadas polo Ministerio de Saúde Pública inclúen a emisión de cheques sen fondos por valor de millóns de dólares, a adquisición de inmobles sen taxación previa ou a retirada de fondos por parte do seu presidente, Alberto Iglesias, que afirma poder "explicalo todo"

O pasado 4 de abril pechou as súas portas de forma definitiva a Casa de Galicia, a histórica entidade fundada en 1917  pola colectividade galega emigrada no Uruguai e que chegou a converterse nun dos hospitais máis importantes no país. Porén, anos dunha xestión nefasta levárono a acumular débedas millonarias, as que se sumaron denuncias de irregularidades. A finais de outubro, tras entrar en concurso de acreedores, o Goberno uruguaio decidiu a súa intervención, nun proceso que rematou co peche do hospital, a disolución da entidade e a distribución das súas máis de 43.000 persoas socias entre outras mutualistas privadas da cidade.

Un dos asuntos que quedou pendente co peche da histórica de Galicia foi o futuro do seu patrimonio cultural, en especial o da escultura da 'Santa' de Asorey, ademais dunha biblioteca e obras de Colmeiro e outros artistas galegos. O pasado mes de xullo coñeceuse que a Xunta está a traballar para adquirir este patrimonio cultural para asegurar a súa progtección e "coa idea de mantelo en Uruguai".

Directiva da Casa de Galicia de Montevideo que tomou posesión en 2018, nunha imaxe dunha visita do secretario xeral de Emigración da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Executivo cuestiona, entre outros aspectos, que a pesar das millonarias débedas que arrastraba a institución, a súa última directiva levou a cabo importantes gastos e investimentos, non sempre xustificados e que, dende logo, a entidade non se podía permitir

A outra cuestión que ficara no aire era a posibilidade de esixir responsabilidades aos últimos xestores da Casa de Galicia pola xestión económica que levou á intervención e peche da entidade, en especial pola posible existencia de irregularidades ou accións ilegais durante o mandato da derradeira directiva da institución. A pasada semana o Ministerio de Saúde Pública do Goberno uruguaio presentou unha denuncia contra as autoridades da Casa de Galicia, ás que acusa de graves irregularidades na súa xestión, que inclúen a emisión de cheques sen fondos por valor de millóns de dólares, a adquisición de inmobles sen taxación previa ou a retirada de 180 mil dólares sen xustificación por parte do seu presidente, Alberto Iglesias, que afirma poder "explicalo todo".

A denuncia céntrase na xestión de Alberto Iglesias, ao que se acusa de reitrar 180 mil dólares dos fondos da Casa de Galicia

A denuncia penal foi presentada xa o pasado mes de decembro, momento no que as autoridades do Ministerio de Saúde Pública comezaran a falar publicamente da posible existencia de "irregularidades" na xestión de Alberto Iglesias, unha vez que as interventoras da institución detectaran unha “serie de feitos de aparencia delitiva”. Gilberto Rodríguez, o fiscal de Delitos Económicos que traballa na causa, solicitou hai un mes agregar á denuncia penal a información contable produto de auditorías, ademais das conclusións ás que chegou unha consultora privada que analizou a situación económica da institución

O Goberno uruguaio acusa a Iglesias dos delitos de estafa, apropiación indebida ou da emisión de cheques sen fondos. O Executivo cuestiona, entre outros aspectos, que a pesar das millonarias débedas que arrastraba a institución, a súa última directiva levou a cabo importantes gastos e investimentos, non sempre xustificados e que, dende logo, a entidade non se podía permitir.

Entrada do hospital da Casa de Galicia © Casa de Galicia se mueve

Gilberto Rodríguez, o fiscal de Delitos Económicos que traballa na causa, solicitou hai un mes agregar á denuncia penal a información contable produto de auditorías

En concreto, o Ministerio afirma que "se liberaron cheques por millóns de dólares que non tiveron fondos”. Denuncia igualmente que “se pagaban xuros de usura a acredores financeiros”. Tamén se advirte de que aos poucos días de que se presentara a solicitude de concurso, Iglesias "asinou ordes irrevogables de pagamento a acreedores financeiros para ser abonadas por un Fideicomiso de Administración, o que implicou a cesión de créditos ata entrado 2024". 

Así mesmo, denúnciase que Iglesias solicitou en nome da Casa de Galicia un crédito por valor de 480.000 dólares para facer fronte a un pagamento de 300.000 dólares para completar a adquisición dun inmoble. Os restantes 180.000 dólares nunca foron ingresados nas contas da Casa de Galicia e en cambio foron cambiados a pesos uruguaios e retirados polo propio Iglesias. Finalmente, o Goberno acusa a Iglesias de ter adquirido varios inmobles sen taxación previa nin informes técnicos de ningún tipo, unha actuación de maior gravidade ao coincidir coa negativa situación económica da entidade.

O avogado de Iglesias afirmou que o seu cliente “quere ir declarar á Fiscalía” para ofrecer "información" sobre todos os puntos denunciados

O avogado de Alberto Iglesias afirmou que o seu cliente “quere ir declarar á Fiscalía” para ofrecer "información" sobre todos os puntos denunciados. Cómpre sinalar as conexións políticas de Alberto Iglesias, moi vencellado ao Partido Colorado (formación neoliberal que na actualidade forma parte, como socio minoritario, do Goberno conservador uruguaio). Iglesias foi deputado do Partido Colorado, director Nacional de Industrias, presidente do Banco de Seguros do Estado e mesmo precandidato á Presidencia da República no ano 2004.

Feijóo en xaneiro de 2020 na Casa de Galicia de Montevideo © Casa de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.