Traballar para o Estado: hai alternativas ás oposicións?

Oposicións da Xunta no recinto feiral de Silleda, antes da pandemia CC-BY-SA Xunta

O Goberno do estado traballa nunha reforma da administración que reduza o peso das probas memorísticas nas oposicións. O obxectivo é desenvolver un sistema de acceso á función pública máis flexible e que valore máis a experiencia e outras capacidades.

A imaxe dunha persoa enclaustrada durante anos preparando unha oposición está tan arraigada na conciencia colectiva que até o dúo cómico Pantomima Full lle dedicou un vídeo.

Pero o sistema de oposicións non é o único existente no noso entorno. No último episodio do podcast Té con Gotas, compárase o modelo español co británico, caracterizado este último por imitar ao sector privado na súa política de contratación. 

Por exemplo, en Inglaterra a responsabilidade de contratar profesorado recae directamente na escola, que é quen publica as ofertas de traballo e xestiona un proceso de selección baseado na experiencia, formación e capacidade da persoa candidata. Aínda que é posible esixir algunha proba práctica como parte deste proceso, non existen exames teóricos da complexidade do Estado Español.

Outra variante do modelo de contratación que se pode ver no Reino Unido é na selección de policías. A entrada nestes corpos faise a través dun programa de formación que pode durar entre dous ou tres anos, dependendo de se a persoa aspirante ten un título universitario ou non. Neste período, os estudantes xa exercen como policías e reciben un salario, pero teñen que compatibilizar o seu traballo con períodos de estudo. Para acceder a estes programas fanse unha serie de probas que avalían a capacidade dos candidatos de reaccionar en situacións complexas ou de comunicarse con corrección. Tamén vetan a aquelas persoas que tiveran unha militancia previa en organizacións de extrema dereita.

Tamén son interesantes as diferenzas no proceso de contratación de xuíces. Mentres que no Estado Español a oposición para a xudicatura é coñecida polo seu forte compoñente memorístico, no Reino Unido valoran moito a experiencia. De feito, para que unha solicitude sexa aceptada, cómpre demostrar un mínimo de 5 anos de experiencia profesional no mundo do dereito. A partir de aí, sucédense unha serie de probas e exercicios nos que un candidato ten que demostrar as súas habilidades para tomar decisións ou comunicarse con corrección. A decisión final sobre quen será nomeado xuíz ou xuíza tómaa unha comisión independente.

Exames de oposicións da Xunta no recinto feiral de Lugo o pasado marzo, coas distancias ampliadas por mor da pandemia CC-BY-SA Xunta

Unha reinterpretación da administración francesa

Serafín Pazos Vidal dirixe a oficina en Bruxelas da Convención de Autoridades Locais Escocesas, un organismo público con certas semellanzas coa FEGAMP que representa os intereses dos concellos de Escocia. Pazos Vidal ten unha dilatada experiencia no sector público británico e é un duro crítico do sistema de acceso á función pública española, á que considera “colonizada polo dereito administrativo”.

Nunha entrevista co podcast Té con Gotas explica que a administración pública española “é unha copia da administración francesa” pero mesturada cunhas tradicións preexistentes que a fan máis inflexible que a do país veciño. Comparando o caso español co do Reino Unido, destaca como vantaxes deste último modelo a “maior flexibilidade para recrutar e maior flexibilidade para promocionar, sen supoñer unha desvantaxe nas condicións laborais xa que os convenios colectivos do sector público británico son moi bos, moito mellores que no sector privado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.