Dubida Feijóo de Rajoy e Pastor por Angrois?

Rajoy, Feijóo, a daquela ministra Ana Pastor e outros cargos, visitando Angrois tras o accidente en xullo de 2013 CC-BY-SA Gobierno de España

O popular carga contra Sanchez polos accidentes ferroviarios con dúas cuestions relevantes no sinistro de Santiago, o peor da alta velocidade española, a xoia da coroa para Vox

"A rede ferroviaria era a xoia da coroa". A frase, de Santiago Abascal, caudillo de Vox, foi o limiar, talvez o felpudo, polo que se adentrou o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, no ámbito dos accidentes de tren no debate a catro deste xoves. Obviando que a xoia quedara mallada en 2013 con 79 mortos en Santiago, Feijóo reprochou a Pedro Sánchez dúas cuestións sobre os accidentes de Urda e Adamuz (69 e 46 falecementos en menos dun ano) que resultaron relevantes en Angrois, talvez non tanto nos novos sinistros.

O Goberno de España, dixo Feijóo, "non fixo caso aos maquinistas". Pero cando menos ata o momento non hai constancia de que ningún maquinista advertise antes de Adamuz de que alí había unha rotura dun carril que acabaría provocando o descarrilamento dun tren. Non apareceu tampouco aínda ningunha advertencia dun maquinista de que puidese suceder un accidente como o de Urda porque o centro de control emitise unha orde errónea. Onde si houbo advertencia previa dun maquinista de que podería pasar un accidente exactamente igual ao que acabaría ocorrendo foi en Angrois, por escrito e ano e medio antes.

Advertencia a Renfe do risco dun accidente en Angrois como o que acabou sucedendo realizada por un maquinista xefe un ano e medio antes do sinistro CC-BY-SA Praza Pública

Tamén responsabilizou Feijóo a Sánchez de que se filtrase aos medios de comunicación a conversa entre o centro de control e o tren accidentado en Urda para así poñer o foco no erro humano dun controlador. Exactamente o que pasou tras o accidente de Angrois, cando tamén se coñeceu ás poucas horas a primeira conversa que mantivo o maquinista do Alvia co centro de control admitindo que se despistara e non freara a tempo antes da curva.

Polo meu coñecemento do que pasou en Angrois, non creo que un presidente do Goberno de España, sexa Pedro Sánchez ou Mariano Rajoy, nin un ministro ou ministra, sexa Óscar Puente ou Ana Pastor, teñan que coñecer de cuestións de seguridade ferroviaria nin recibir en persoa advertencias de maquinistas. Si deben gobernar para mellorar o sistema ferroviario cando sucede un accidente catastrófico. E poñer o foco nun erro humano non parece ser a mellor idea, nin en 2013 nin en 2026, para que ese sistema en conxunto, as empresas públicas ou privadas, os técnicos, fagan exame de conciencia do que pode estar facendo mal cada un.

Acta xudicial levantada a man sobre o terreo tras o accidente de Angrois que deixa constancia de quen remitiu ao xuíz a conversa do maquinista co centro de control na que admite que se despistara e non freara a tempo antes da curva CC-BY-SA Praza Pública

Do accidente de Angrois sabemos polo sumario xudicial que a gravación do maquinista falando co centro de control e admitindo o seu despiste foi facilitada ao xuíz polo daquela secretario de Estado de Fomento, Rafael Catalá, número 2 de Ana Pastor, apenas catro horas despois do sinistro, preto da unha da madrugada, ao tempo que algúns medios tamén tiñan coñecemento dela.

Feijóo citou xusto eses dous elementos no debate, que o Goberno debera facer caso dos maquinistas e non filtrar gravacións co foco en erros humanos para evitar outras reflexións de fondo. Talvez teña máis información do que sucedeu en Angrois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.