15 anos para un trámite, silencio sobre as residencias ou atrasos sanitarios, entre as queixas ao Defensor del Pueblo sobre a Xunta

O Defensor del Pueblo, Ángel Gabilondo, entrega o seu informe anual de 2021 á presidenta do Congreso, Meritxell Batet © Defensor del Pueblo

O informe anual do Defensor de Pueblo presentado hai uns días [aquí o documento íntegro en PDF], no que se recollen as principais queixas formuladas á institución o pasado ano e a resolución que tiveron, permitiu coñecer os obstáculos que tivo na súa última visita ao hospital psiquiátrico de Conxo, que unha inspección interna da Xunta a ese centro obviou unha denuncia de agresión sexual, ou que o glifosato segue a empregarse sen control nas estradas galegas. Pero o documento recolle outras varias cuestións referidas a Galicia, xa que aínda que o Defensor del Pueblo, institución agora dirixida por Ángel Gabilondo, adoita centrarse en competencias estatais e a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, en competencias autonómicas, os límites entre ambas non sempre están claros.

Augas de Galicia tarda 15 anos en resolver sobre unha concesión

O Defensor del Pueblo afea a Augas de Galicia que tardase 15 anos en tramitar unha concesión: “resulta dificilmente xustificable”

Unha das queixas máis rechamantes recibidas e analizadas no informe é sobre a tardanza de 15 anos por parte de Augas de Galicia en resolver sobre unha petición de concesión de augas, que non identifica. Segundo o Defensor del Pueblo, foi aínda o pasado ano, 2021, cando ese ente agora dependente da Consellería de Infraestruturas resolveu “unha concesión de augas solicitada en 2007”.

Informe do Defensor del Pueblo correspondente a 2021 CC-BY-SA Praza Pública

O Defensor describe algúns factores que influíron na demora, como que no procedemento compareceu “unha posible cotitular do aproveitamento”, que despois de que a reclamante acreditase a propiedade da súa parcela Augas tardou “máis de dous anos” en pedir un informe ao servizo xurídico, ou que un informe sobre a compatibilidade da concesión co plan hidrolóxico da conca tardase outros dous anos. Pero o Defensor do Pobo conclúe dicindo que “aínda que esta institución ten en conta que Augas de Galicia non dispón de recursos ilimitados, un prazo de case 15 anos para ditar resolución resulta dificilmente xustificable”.

Silencio da Xunta sobre melloras para as residencias

A Xunta non comunicou ao Defensor que lle parecen as medidas propostas polo comisionado estatal para as residencias de maiores nin que medidas vai adoptar 

O informe tamén dedica un apartado ás actuacións do Defensor del Pueblo en relación ao impacto da COVID nas residencias de maiores. Esa institución quixo coñecer a resposta que deron todas as comunidades para establecer aspectos de mellora e fixar prioridades. Esa valoración foi enviada ás Cortes Xerais e a todas as comunidades “a fin de coñecer a súa posición” sobre as cuestións formuladas polo Defensor “e, no seu caso, as medidas previstas en cada comunidade autónoma”. Porén, o informe anual engade que ata a data do seu peche a Xunta era unha catro administracións que non contestara

Informe do Defensor del Pueblo correspondente a 2021 CC-BY-SA Praza Pública

Demoras sanitarias

O Defensor del Pueblo tamén se interesou polas demoras experimentadas en todo tipo de servizos sanitarios derivadas da priorización da pandemia da COVID. O informe anual sinala que a Consellería de Sanidade comunicoulle a implantación dun sistema de control das demoras para evitar prazos superiores a cinco días para consultas así como dun sistema telefónico para contactar cos pacientes cuxas chamadas non puidesen ser atendidas inicialmente. O Defensor tamén se interesou por casos puntuais como a demora dunha consulta programada con carácter preferente no hospital do Meixoeiro, en Vigo.

Problemas nas prisións

O Defensor del Pueblo, dentro das súas competencias como responsable do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, supervisa o funcionamento das prisións e os trato que reciben os internos. De xeito colateral, en Galicia logrou que a Xunta aceptase desviar o itinerario da liña de autobús Ourense-Esgos para que faga paradas de luns a venres na prisión do Pereiro de Aguiar, que carecía dese servizo, o que dificultaba as visitas aos presos e as súas saídas por reinserción laboral ou permisos.

A prisión da Lama foi en 2020 o centro penitenciario de todo o Estado con máis mortes de todo tipo, 11

O informe anual tamén reflicte como outra cadea galega, a da Lama, foi en 2020 o centro penitenciario de todo o Estado con máis mortes de todo tipo, 11, por diante da de Alxeciras con 10 ou de dúas prisións de Madrid, as dúas con 7 falecementos. O informe contextualiza que a análise específica que o Defensor fixo o pasado ano sobre a mortalidade nas prisións españolas recompilou un total de 204 falecementos, dos que 105 foron por causas naturais, 89 por causas violentas (das que 51 foron suicidios e 30 por abuso de drogas) e 10 por causas indeterminadas.

Problemas nos concellos

O informe tamén detalla algunhas queixas recibidas sobre concellos galegos, e reclama por exemplo ao de Valga que faga públicos máis datos en aplicación da lei de transparencia e que respecte a orde e o normal funcionamento que deben ter os plenos municipais. No caso da Merca, por exemplo, asúmese a necesidade de renovar as instalacións potabilizadoras da auga. E en Santiago o Defensor interesouse polos problemas que unhas obras provocaron nas conexións telefónicas en Lavacolla.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.