25 anos de estudos (e agora outro máis) para a saída sur de Vigo que condiciona o AVE ao Porto

Reloxo na estación de tren de São Bento no Porto e prórroga do estudo para a saída sur de Vigo CC-BY-NC-SA Imaxe: Islander61 | Montaxe: Praza Pública

O ministerio, que atribuíu 8 anos de parálise ao desinterese de Portugal, demora agora cando menos a finais de 2026 o remate do quinto grande estudo para conectar Vigo co Porriño, que debía estar hai un ano

En xullo de 2000 o Boletín Oficial del Estado publicaba a adxudicación do primeiro estudo concreto, máis alá das promesas e planificacións políticas, para "o acceso ferroviario sur de Vigo". Un cuarto de século despois o Ministerio de Transportes vén de adiar un ano máis o remate do que xa é o quinto grande estudo para o mesmo, a conexión directa baixo terra entre Vigo e O Porriño sen dar un rodeo por Redondela que resulta clave para unha futura liña de alta velocidade ao Porto.

Ao encargar o estudo agora demorado o ministerio atribuíu 8 anos de parálise previa ao desinterese de Portugal, que a finais de 2020 reactivou os seus proxectos ferroviarios coincidindo cunha nova aposta da Unión Europea polas conexións transfronteirizas. Porén, do mesmo xeito que Portugal segue sen ter un trazado concreto entre Braga e Valença, o ministerio tampouco o ten aínda entre Vigo e Tui.

Túnel do acceso norte a Vigo desde Redondela durante a súa construción en 2010, cando a saída sur tamén en túnel ata O Porriño xa levaba 10 anos en estudo CC-BY-SA Praza Pública

Hai apenas un mes que o ministerio adxudicou o estudo informativo para a alta velocidade entre O Porriño e o río Miño, contrato formalizado aínda este venres, mentres que entre Vigo e O Porriño o estudo foi contratado en xuño de 2023 cun prazo de execución de ano e medio. Debía estar rematado a finais do pasado ano, pero aínda agora, segundo avanzou esta semana Faro de Vigo, o ministerio vén de asinar unha modificación contractual que prolonga os traballos outros 11 meses máis, ata finais de 2026. 

Cando menos, porque a documentación reflicte que o groso do gasto da modificación -o contrato era por 900.000 euros e agora pasa a 1,25 millóns- desembolsarase en 2027. Unha demora que ten como única xustificación pública oficial "a variación significativa das condicións tidas en conta nas análises realizadas nos antecedentes".

Os antecedentes

Os antecedentes dos estudos para a saída sur ferroviaria de Vigo ata O Porriño son abondosos. Os primeiros "estudos técnicos relativos ao acceso ferroviario sur de Vigo" contratados en 2000, hai 25 anos, pouco efectos prácticos tiveron porque tres anos despois, ao presentar en 2003 o Goberno de Aznar o Plan Galicia en compensación pola catástrofe do Prestige, nada aparecía nel dunha hipotética conexión de alta velocidade con Porto. E iso que si se prometía o AVE do Cantábrico.

Foi nese 2003 cando a XIX Cimeira Ibérica, en Figueira da Foz, asinou un memorando para impulsar unha conexión Porto-Vigo. Pero o primeiro estudo informativo do treito Vigo-O Porriño como continuación do Eixo Atlántico que xa estaba en obras entre Vigo e A Coruña non se redactaría ata 2006. As alegacións á súa exposición pública en 2007 levaron o ministerio a parar e encargar en 2009 un "estudo informativo complementario" do mesmo treito.

Presentacion en outubro de 2020 do Programa Nacional de Investimentos 2030 de Portugal cunha nova liña ferroviaria Braga-Valença © Goberno de Portugal

En 2020 Portugal volveu amosar interese nunha nova conexión ferroviaria con Galicia, ante o que o ministerio encargou un "estudo de alternativas" que en 2023 levou a contratar o estudo informativo aínda non rematado

Pero tampouco desa volta os traballos seguirían adiante co seguinte paso, a redacción do proxecto de construción. Porque, segundo salienta o ministerio, "no ano 2012 o goberno luso paralizou a continuidade da súa liña de alta velocidade cara ao Porto polo que se decidiu non someter a información pública o estudo e aprazar o desenvolvemento da saída sur de Vigo". A cousa quedou paralizada oito anos ata que "desde o outono de 2020" o Goberno de Portugal comezou a manifestar "un anovado interese en impulsar unha nova liña" con Galicia.

Nese momento o goberno do socialista António Costa presentou o seu Programa Nacional de Investimentos 2030 cunha forte aposta polo ferrocarril, aposta que o actual executivo do conservador Luís Montenegro vén mantendo, aínda que con atrancos.

O ministerio baralla dúas posibles conexións entre Vigo e O Porriño de 573 ou 686 millóns con tuneis de máis de 10 quilómetros

Así que o ministerio encargou en 2021 a cuarta grande análise, un "estudo de alternativas da Saída Sur Ferroviaria de Vigo", cuxas conclusións se fixeron públicas en marzo de 2023. Nelas valoráronse dúas posibles conexións, unha ao norte do Porriño e outra ao sur, nos dous casos con lonxitudes de túnel superiores aos 10 quilómetros e custos estimados de 573 e 686 millóns de euros, respectivamente para aforrar 15 ou 16 minutos de viaxe.

Interior da estación de tren de Vigo, na que as vías non teñen saída cara ao sur Dominio Público Praza Pública

O estudo concluía as dúas alternativas eran "tecnicamente viables, sen que existan tampouco criterios funcionais, territoriais e ambientais que permitan descartar ningunha delas no momento actual". A elección deixouna en mans do quinto grande estudo, o novo "Estudo informativo da saída ferroviaria sur de Vigo" que contratou uns meses despois, en xuño de 2023, cun prazo de execución de 18 meses pero cuxo remate agora vén de ser adiado ata cando menos finais do vindeiro ano. Despois aínda haberá que facer a avaliación ambiental, redactar o proxecto e contratar e executar as obras dunha liña que todos os partidos presentan como prioritaria desde hai un cuarto de século.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.