2.600 millóns: as cidades da eurorrexión poñen cifras ao que falta para modernizar o tren en Galicia

O secretario xeral do Eixo Atlántico, os rexedores de Santiago e Lugo, esta última en calidade de vicepresidenta do Eixo, e o presidente do Consello Económico e Social de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

O Eixo Atlántico presenta un informe recompilatorio dos diversos estudos que vén encargando nos últimos anos para impulsar a mellora da rede ferroviaria 

2.652 millóns de euros. A cifra non ten en conta as expropiacións necesarias nin o IVE, nin a liña de vía estreita de Ferrol a Ribadeo, pero supón unha achega ao que faltaría por investir para modernizar a rede ferroviaria galega agora que o AVE está a piques de rematarse tras máis de 8.000 millóns de euros de custe. É a aproximación que fai un informe [aquí o PDF] presentado este xoves polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, elaborado polo catedrático enxeñeiro de Camiños Miguel Rodríguez Bugarín, primeiro director xeral de Mobilidade con Feijóo entre 2009 e 2013. Unha cifra que se pode comparar cos 3.500 millóns que o propio Adif considera necesarios para a modernización e efectiva integración do noroeste, non só de Galicia, no corredor atlántico de mercadorías, boa parte de cuxas actuacións, algunhas xa en marcha, serven tamén para o transporte de pasaxeiros e son similares ás agora propostas.

Principais actuacións propostas polo informe do Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

Nos últimos anos o Eixo Atlántico vén encargando a Bugarín estudos concretos sobre as melloras necesarias en distintas liñas con aproximacións aos seus custos. Agora o autor actualiza e reúne neste novo informe eses estudos que no pasado xa analizaron as actuacións requiridas para acometer a saída sur de Vigo e mellorar as liñas Ourense-Lugo, Lugo-A Coruña e A Coruña-Ferrol, ao que se engade as actuacións específicas para a integración no corredor atlántico de mercadorías que supón actuar especialmente no eixo Vigo-Ourense-Monforte-Ponferrada.

O estudo recompilatorio e actualizado non ten en conta o IVE ("o Estado paga e o Estado o recada") nin as expropiacións e limítase a facer unha estimación do custo de execución por contrata, unhas cifras que se dan no seu rango máximo e que variarían moi notablemente en función da envergadura das obras polas que finalmente se optase para cada treito. Isto é, non é o mesmo executar novas variantes de trazado con túneles na liña entre Ourense e Lugo como as analizados no informe que realizar a modernización do trazado actual que xa ten en marcha Adif.

Estimación do custo sen IVE nin expropiacións de diversas actuacións de modernización da rede galega de ferrocarril © Eixo Atlántico

Se a metade do investimento é cofinanciado con fondos da UE "son 150 millóns ao ano" durante dez anos e polo tanto "cuestión de vontade política", salienta o Eixo Atlántico

Este xoves, na presentación en Santiago do informe a axentes económicos e sociais, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, salientou que o informe pon “o foco nas mercadorías” con propostas “pragmáticas” e mesmo redondeou á alza a contía se se teñen en conta custos que o informe non contempla: “3.000 millóns”, dixo, para engadir que a metade poden ser cofinanciados con diversos tipos de fondos da Unión Europea. “Son 150 millóns ao ano”, dixo, tendo en conta que obras desa envergadura terían un tempo estimado de execución de dez anos. Eses 150 millóns ao ano, dixo, son “cuestión de vontade política”.

O informe será presentado a diversas administracións e colectivos para “establecer unha folla de ruta sen ser nós quen marquemos as prioridades"

Na presentación do informe o presidente do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, Agustín Hernández, ex-conselleiro de Infraestruturas, salientou o pouco peso do transporte de mercadorías por ferrocarril que aínda segue a rexistrarse en Galicia e avogou porque o debate “estea na axenda das persoas que toman as decisións sobre estes investimentos”.

Pola súa banda a vicepresidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, salientou o interese da asociación de cidades da eurorrexión por impulsar o debate das infraestruturas ferroviarias cun documento “aberto” pero “necesario para establecer prioridades”.

Reunión de presentación do informe con axentes económicos e sociais © Eixo Atlántico

“O que non fai este documento é numerar en orde as actuacións, iso terá que ser froito do consenso, o debate, e unha decisión política que terá que tomar quen a ten que tomar, que é quen ostenta a representación política de galicia”, engadiu o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

En próximas xornadas o informe será presentado ao ministerio de Transportes e Adif así como a diversos colectivos para “establecer unha folla de ruta sen ser nós quen marquemos as prioridades”, din desde o Eixo Atántico.

Hemeroteca

Nas seguintes novas da hemeroteca de Praza.gal pode afondarse nas propostas que en anos anteriores foi lanzando o Eixo Atlántico para as principais liñas de tren galegas agora recompiladas no novo informe e nas actuacións xa en marcha por parte de Adif:

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.