O Goberno galego subvenciona ata o 95% das obras ás empresas que rehabiliten vivendas para alugar ao seu persoal por ata 650 euros ao mes, pero só o 75% do custo no caso dos particulares en concellos pequenos
Dentro da súa recente aposta polas políticas de vivenda tras anos minimizándoas, a Xunta convocou por primeira vez o pasado maio unha liña de axudas dirixida a empresas que rehabiliten vivendas para alugalas ao seu persoal. Poden recibir ata o 95% do custo da obra en cada vivenda cun límite de 50.000 euros, condicións que contrastan coas das axudas á rehabilitación para particulares, limitadas ao 75% do custo cun límite de 30.000 euros. Ademais, as empresas poden despois alugar esas vivendas aos seus empregados por ata 650 euros ao mes en concellos moi turísticos como Baiona, Nigrán e Sanxenxo, con límites inferiores segundo o tipo de municipio pero que chegan ata os 450 euros na inmensa maioría de Galicia.
A nova liña de axudas para rehabilitar vivendas destinadas a alugueiro a persoas traballadoras en concellos de menos de 20.000 habitantes foi lanzada de xeito conxunto polas consellerías de Emprego e Vivenda. Con ela salientaron que pretenden "dar resposta tanto ás necesidades de man de obra do tecido produtivo como ás de acceso á vivenda das persoas traballadoras, ao tempo que se avanza na fixación de poboación e na vertebración do territorio". Isto é, reducir o problema dalgunhas empresas que en certos concellos non logran contratar persoal porque este non ten onde vivir.
As axudas a empresa pretenden reducir o problema das que en certos concellos non logran contratar persoal porque este non ten onde vivir
Segundo a convocatoria das axudas, as empresas teñen que destinar a alugueiro as vivendas rehabilitadas un mínimo de 10 anos e poden cobrar aos empregados ata 650 euros ao mes en Baiona, Nigrán e Sanxenxo, ata 600 euros en Sada, Mos e Poio, ata 550 noutros 43 concellos e ata 450 euros no resto de concellos de menos de 20.000 habitantes de Galicia.
As axudas teñen dous tipos de destinatarios: empresas e concellos que igualmente queiran rehabilitar vivendas para destinalas a alugueiro de traballadores, nos dous casos con partidas de 750.000 euros. No caso das empresas, estas poden obter ata o 95% do custo da obra de rehabilitación de cada vivenda cun límite de 50.000 euros por vivenda, mentres que os concellos poden recibir igualmente o 95% do custo cun límite de ata 75.000 euros por vivenda.
Como comparación, en xaneiro a Xunta tamén convocou axudas para particulares que rehabiliten vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes. Nese caso a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e con 5 millóns orzamentos que se repartirán cun máximo do 75% do custo da obra e 30.000 euros de tope por vivenda.
Pero hai tamén máis diferenzas entre as dúas convocatorias. Mentres que as destinadas a empresas e concellos son entregadas por concorrencia competitiva, ás mellores solicitudes recibidas cun proceso de valoración das mesmas, as destinadas a particulares repártense por concorrencia non competitiva, isto é, as primeiras solicitudes que se reciban ata que se esgoten os cartos con independencia da calidade ou necesidade de cada proxecto.
As axudas a particulares entréganse ás solicitudes máis rápidas que se reciban antes de que se esgoten os cartos, 5 millóns que se remataron nuns poucos minutos
Así, mentres que para repartir os 1,5 millóns destinados a empresas e concellos que rehabiliten vivendas para alugar a traballadores a Xunta deu de prazo para presentar as solicitudes entre o 16 de maio e o 15 de xullo, os 5 millóns destinados a particulares quedaron esgotados nos primeiros minutos da convocatoria. Esa convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia o 13 de xaneiro establecía que o prazo de solicitudes comezaría o 21 de xaneiro ás 9 da mañá e estaría aberto ata "o 1 de setembro". Porén, moito antes, o 12 de maio, a Xunta publicou outra resolución que pechaba o prazo por "esgotamento do crédito orzamentario".
Pero realmente as axudas esgotáronse moito antes. Segundo documentación á que accedeu Praza.gal, os cartos para as axudas a particulares esgotáronse aos poucos minutos de abrir o prazo o mesmo 21 de xaneiro. Dos 5 millóns totais, os 3 millóns previstos para este 2026 esgotáronse ás 9:08:31 horas, isto é, aos oito minutos e medio, mentres que 2 millóns previstos para 2027 esgotáronse ás 10:14:27 horas, nunha hora e cuarto. Agora queda por coñecerse que empresas son as destinatarias da súa liña de axudas.