A Audiencia de Ourense ratifica a condena á ex-alcaldesa de Melón do PP por desobediencia á xustiza

Cristina Francisco, alcaldesa de Melón polo PP ata 2019, nunha imaxe de arquivo coa conselleira de Medio Ambiente © Concello de Melón

Como o seu marido e antecesor, Alberto Pardellas, condenado hai unha década, outro pavillón ilegal supón a inhabilitación tamén de Cristina Francisco, investigada ao tempo polo Tribunal de Cuentas por un gasto de 156.000 euros sen xustificar

A Audiencia Provincial de Ourense vén de ratificar a condena a María Cristina Francisco Vílchez, alcaldesa de Melón polo PP entre 2011 e 2019, por un delito de desobediencia por non cumprir un mandato xudicial firme que a obrigaba a derrubar un pavillón levantado ilegalmente. Francisco Vílchez recibiu a alcaldía en 2011 de mans do seu marido, Alberto Pardellas, que gobernaba a vila desde 2002, cando el foi condenado por prevaricación por levantar outro pavillón deportivo distinto a carón do protexido mosteiro cisterciense da vila. Ademais a ex-rexedora está a ser investigada polo Tribunal de Cuentas por outro caso de pagos sen xustificar por 156.000 euros autorizados por ela. 

Cristina Francisco, alcaldesa de Melón polo PP ata 2019, nunha imaxe de arquivo coa daquela conselleira de Infraestruturas CC-BY-SA Xunta de Galicia

Cristina Francisco foi condenada en primeira instancia polo xulgado do Penal 2 de Ourense nunha sentenza con data do pasado 8 de outubro, recorreu e agora a Audiencia avala a súa condena. A rexedora, segundo ratifica a xustiza, negouse de xeito reiterado a cumprir cunha orde xudicial de repoñer a legalidade e derrubar o pavillón denominado Cruceiro Gordo. 

"Existía un mandato claro e terminante, ditado por órgano xudicial competente, revestido de todas as formalidades legais, mandato que ademais era firme, e sen embargo, non se procedeu por parte da autoridade, a alcaldesa, a darlle debido cumprimento, revelándose o propósito de incumprir pola súa parte, a partir do reiterado actuar oposto ao acatamento da orde que se lle dirixía", dicía a sentenza de primeira instancia agora ratificada.

Cristina Francisco é condenada a unha multa de 1.800 euros e un ano de inhabilitación por "comportamentos claramente vulneradores do que se lle ordenaba", que non foi cumprido ata que o PSdeG a reemplazou na alcaldía

A orde xudicial de derruba do pavillón "non se cumpriu en ningún momento ao longo dos máis de catro anos que transcorreron desde que recibiu o primeiro requirimento persoal para que cumprise o mandato ata que cesou no cargo" en 2019. Foi só tras a súa saída da alcaldía cando o seguinte alcalde, do PSdeG, atendeu a orde xudicial. "Non se concibe que o que o novo alcalde do Concello comprendeu de maneira inmediata tras acceder ao cargo non puidera advertilo a acusada nos máis de catro anos que transcorreron e nos que foi requirida ata en tres ocasións para o cumprimento", salientaba a sentenza.

Agora a Audiencia Provincial de Ourense desbota o seu recurso e insiste en que "lonxe de dar cumprimento ao ordenado, puxo en marcha un plan para tratar de legalizar as obras levadas a cabo, desoíndo mentres tanto os claros requirimentos que se lle facían, burlando de tal modo o cumprimento de sentenzas firmes". O tribunal desbota, como argumentaba ela, que se reducise a súa responsabilidade por contar con asesoramento xurídico, que se cualifica como "absolutamente erróneo" e "que non exclúe a responsabilidade persoal da recorrente, que como alcaldesa era a única obrigada e que por iso agora ha de responder penalmente". Por iso, a Audiencia, "compartindo as acertadas razóns xurídicas" da primeira sentenza, ratifícaa.

Condena por desobediencia a Cristina Francisco, ex-alcaldesa de Melón, agora ratificada pola Audiencia de Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Queda así avalada a condena de Cristina Francisco a 6 meses de multa con cota diaria de 10 euros, "o que supón un total de 1.800 euros", e a un ano de inhabilitación. No seu momento o seu marido, Alberto Pardellas, fora condenado a 8 anos de inhabilitación, pero seguiu sendo asesor da súa muller no Concello e mesmo seguiu a ser recibido por cargos da Xunta acompañando á rexedora. Cando a oposición pediu explicacións ao Goberno galego, o daquela vicepresidente e agora presidente Alfonso Rueda chegou a insinuar que o feito de poñer o foco nunha persoa inhabilitada que xa non estaba no PP pero seguía sendo atendida por cargos do PP, e non na súa muller que era formalmente a alcaldesa, era machismo.

Ademais desta condena por desobediencia, Cristina Francisco tamén está a ser investigada polo Tribunal de Cuentas por 156.000 euros pagados polo Concello "sen constancia das prestacións recibidas". O ente fiscalizador calculara incialmente en 340.000 euros a presunta ilegalidade pero despois rebaixouna a 156.000, aínda que rexeitou en varias ocasións arquivar o caso, que segue en curso.

Alberto Pardellas, ex-alcalde de Melón, condenado por prevaricación, nunha imaxe de arquivo con Baltar pai CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os Pardellas-Francisco gobernaron de 2002 a 2019: cando el foi inhabilitado seguiu sendo 'asesor' da súa muller, e cando superou a súa condena ela fíxose a un lado e el volveu ser o candidato do PP, pero sen lograr recuperar a alcaldía 

Cristina Francisco asumiu a alcaldía de Melón en 2011, cando o marido foi inhabilitado, e foi a candidata do PP e gañou as eleccións municipais de 2015. Pero xa non logrou facer o mesmo nas de 2019, cando toda a oposición se uniu nunha única candidatura contraria do PSdeG. Se antes os populares tiñan 5 dos 9 concelleiros da Corporación, por 4 dos socialistas, naquel ano a situación inverteuse e o PSdeG pasou a ter 5 edís, por 4 do PP. 

Catro anos máis tarde, nas municipais de 2023, Pardellas xa cumprira a súa condena de inhabilitación, así que a súa muller fíxose a un lado e el volveu ser o candidato do PP. E os seus resultados foron aínda peores que os últimos da súa muller, baixando de 4 a 3 edís e pasando dos 372 votos da última candidatura da súa muller a só 232.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.