O ente fiscalizador das contas públicas rexeita un novo recurso para arquivar un caso que abriu tras constatar gastos municipais "sen constancia das prestacións realizadas"
A popular María Cristina Francisco Vílchez, alcaldesa de Melón entre 2011 e 2019 tras suceder no cargo ao seu marido, condenado por prevaricación, foi condenada ela mesma por desobediencia á xustiza o pasado outubro polo seu "propósito de incumprir" durante catro anos unha orde de derruba. Pero ten pendente outro xuízo máis, este de tipo contable, por pagamentos de facturas con cartos municipais "sen constancia das prestacións realizadas". Nese caso o Tribunal de Cuentas estatal vén de desestimar un novo recurso para arquivar o caso e ratifícase na súa intención de levar a xuízo a rexedora, pero recalcula os importes supostamente pagados de xeito ilegal e rebáixaos de 340.000 a 156.000 euros.
Durante a instrución do caso o tribunal identificou como presuntos responsables directos dos pagos realizados polo Concello malia a "falta de evidencia da realización dos traballos correspondentes" a "dona María Cristina Francisco Vílchez" e a quen ocupou a intervención municipal no momento dos feitos. En outubro de 2023, tras cuantificar o Tribunal de Cuentas a presunta ilegalidade en 340.000 euros, os investigados "ofreceron bens para afianzar o importe provisional do alcance máis os xuros correspondentes". Pero ao tempo intentaron paralizar o procedemento alegando erros formais.
O Tribunal de Cuentas emitiu un primeiro auto en febreiro do pasado ano desbotando arquivar o caso pero admitindo que se debían volver calcular os importes que se atribuían a cada acusado. Así o fixo o instrutor do caso, que o pasado outubro formulou unha nova liquidación provisional. Nela fixou en 156.000 euros o importe total pagado de xeito ilegal atribuíndo a responsabilidade contable "directa e solidaria polo importe total" á ex-rexedora, mentres que responsabilizou de xeito "solidario" pero por unha menor contía a quen ocupaba a intervención municipal. Contra esa nova liquidación interpúxose un novo recurso pero agora, nun auto con data do 12 de decembro, o Tribunal de Cuentas volve desbotar arquivar o caso.
O ente fiscalizador rexeita entrar a analizar na fase previa de instrución cuestións como prescrición do caso alegada polos implicados que pertencen "ao fondo do asunto sometido a axuizamento contable". No proceso o Concello de Melón, gobernado hoxe polo PSdeG, opúxose ao recurso "por entender que a liquidación provisional é axustada a dereito, sen que se aprecie ningún vicio de procedemento que puidera xustificar a estimación do recurso". Tamén rexeitou que o procedemento contable puidese ter caducado nin prescrito.

Os Pardellas-Francisco gobernaron de 2002 a 2019: cando el foi inhabilitado seguiu sendo 'asesor' da súa muller, e cando superou a súa condena ela fíxose a un lado e el volveu ser o candidato do PP, pero sen lograr recuperar a alcaldía
Cristina Francisco Vílchez recibiu a alcaldía de Melón en 2011 de mans do seu marido, Alberto Pardellas, que gobernaba a vila desde 2002, cando el foi condenado por prevaricación por levantar un pavillón deportivo a carón do protexido mosteiro cisterciense da vila. Pero para a cidadanía de Melón, con menos de 1.200 habitantes, o alcalde de feito seguiu sendo Pardellas, que pasou a ser asesor dela e mesmo seguiu a ser recibido por cargos da Xunta acompañando á rexedora. Cando a oposición pediu explicacións ao Goberno galego, o daquela vicepresidente e agora presidente Alfonso Rueda chegou a insinuar que o feito de poñer o foco nunha persoa inhabilitada que xa non estaba no PP pero seguía sendo atendida por cargos do PP, e non na súa muller que era formalmente a alcaldesa, era machismo.
Co marido inhabilitado, Cristina Francisco foi a candidata do PP e gañou as eleccións municipais de 2015, pero xa non logrou facer o mesmo nas de 2019, cando toda a oposición se uniu nunha única candidatura contraria do PSdeG. Se antes os populares tiñan 5 dos 9 concelleiros da Corporación, por 4 dos socialistas, naquel ano a situación inverteuse e o PSdeG pasou a ter 5 edís, por 4 do PP. Catro anos máis tarde, nas municipais de 2023, Pardellas xa cumprira a súa condena de inhabilitación, así que a súa muller fíxose a un lado e el volveu ser o candidato do PP. E os seus resultados foron aínda peores que os últimos da súa muller, baixando de 4 a 3 edís e pasando dos 372 votos da última candidatura da súa muller a só 232.