A Coruña concreta co Estado a instalación da Axencia de Intelixencia Artificial en 2023 entre ecos dos receos de Feijóo

O delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, a ministra Nadia Calviño, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e Valentín González Formoso na súa calidade de presidente da Deputación da Coruña, ante o edificio que albergará a AESIA CC-BY-NC-SA PSdeG

Elementos como a situación poboacional de Galicia, o transporte, o inmoble, a lingua galega, as empresas do sector instaladas na contorna ou as alianzas coa universidade foron clave para que A Coruña lograse ser designada como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial fronte a unha ducia de competidoras. Unha vez ratificada a decisión, o Concello coruñés vén de comezar a concretar co Goberno de España os primeiros detalles da instalación do organismo coa previsión de que comece a operar en 2023.

Nun contexto no que a designación é lido no Concello como un éxito político, o goberno local que encabeza a socialista Inés Rey fixo ver este venres ese inicio das xestións coa visita de Nadia Calviño, vicepresidenta primeira e ministra de Economía. Rey e Calviño confirmaron que ambas institucións se dispoñen a "preparar" un convenio "para a posta en funcionamento da Aesia", organismo que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 contaba xa cunha dotación de 5 millóns de euros, lembrou Calviño. A previsión inicial constaba tamén duns 40 postos de traballo.

Rolda de prensa de Inés Rey e Nadia Calviño, este 9 de decembro no Pazo de María Pita © Concello da Coruña

Os tempos da instalación da AESIA no edificio da Terraza serán o centro dun acordo que tamén terá que abordar o futuro do persoal de RNE, que actualmente traballa no inmoble. A intención de ambas Administración é que a radio pública estatal continúe operando como ata agora na Coruña, pero noutro emprazamento.

A ministra Calviño e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, especifican que ambas administracións ultiman un convenio para a instalación da AESIA, que xa contaba con 5 millóns nos Orzamentos do Estado deste 2022

"A cidade estará á altura da responsabilidade que supón ser o primeiro país da UE que conte cunha Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial", asevera a alcaldesa coruñesa, que aproveitou ademais a visita de Calviño para un encontro conxunto con representantes empresariais e da universidade a respecto da AESIA e doutros proxectos do Estado na cidade. Dende María Pita, a ministra reafirmou a decisión do Executivo de Pedro Sánchez: "Responde -sinalou- ao potente ecosistema empresarial, económico, tecnolóxico e universitario que hai na Coruña e en Galicia".

Sobre a visita de Calviño pairaban, inevitablemente, as consideracións sobre a elección da Coruña como sede da Aesia lanzadas polo ex-presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, aos dous días da designación. Feijóo felicitouse pola elección, pero tamén deixou caer dúbidas sobre a transparencia do proceso e reclamou coñecer os "criterios" aplicados: "se os criterios se publicasen e se puidesen medir obxectivamente, pois estariamos todos moito máis tranquilos", dixo despois de que fosen publicados no Boletín Oficial do Estado, tal e como deu en lembrar o seu sucesor na presidencia da Xunta, Alfonso Rueda.

Xuntanza de Rey e Calviño con representantes empresariais e académicos, durante a visita da ministra ao Concello da Coruña, este 9 de decembro © Concello da Coruña

Esa reclamación de Feijóo lembrouna durante a visita de Calviño o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que recibiu á ministra xunto á alcaldesa na súa calidade de presidente da Deputación da Coruña. "Como galego -di Formoso- dá mágoa comprobar as palabras dun ex-presidente poñendo en dúbida o procedemento de adxudicación" da AESIA á Coruña.

Formoso: "Como galego, dan mágoa as palabras dun ex-presidente poñendo en dúbida a adxudicación á Coruña, só podemos enmarcalas no seu seguidismo permanente de Ayuso"

Coida Formoso que "como ex-presidente debería saber que esta cidade leva tempo apostando por un ecosistema empresarial e universitario vinculado á intelixencia artificial". "Só podemos enmarcar estas palabras na súa política de seguidismo permanente a Isabel Díaz Ayuso, que atacou o Goberno de España" por unha decisión que "beneficia a Galicia e satisface os galegos e galegas". O Goberno e o PP de Madrid considerou a designación da Coruña unha "traizón de Pedro Sánchez" a esa comunidade autónoma.

Mentres, por parte do PPdeG, a súa secretaria xeral, Paula Prado, sinalaba este venres en rolda de prensa que "a chegada da AESIA" é unha "boa nova" coa que "nos temos que conformar". Enfronte, defende, rexístranse "centos de malas novas" e "agravios" que provoca o Goberno do PSOE e Unidas Podemos en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.