A CRTVG afronta este venres o último dos catro xuízos tras as demandas presentadas por outros tantos traballadores por vulneración de dereitos fundamentais. Logo de ser adiado o pasado 19 de xullo, é na mañá deste venres cando se celebra o impulsado pola denuncia de Mayte Cabezas, xornalista de longa experiencia na TVG que foi trasladada do seu posto habitual durante décadas na aos poucos días de expresar unha crítica contra o ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas súas redes sociais.
A CRTVG afronta este venres o último dos xuízos tras as demandas de catro traballadores por vulneración de dereitos fundamentais
O caso desta profesional foi outro dos que sinalaron o comité intercentros ou o colectivo Defende A Galega como un dos "traslados forzosos" que tería levado a cabo a dirección da CRTVG en "represalia" pola súa posición crítica, neste caso contra o actual líder do PP e noutros contra o que consideran "manipulación informativa" e "persecución política" do persoal mobilizado. Sendo, ademais, un dos motivos das últimas xornadas de folga convocadas nos medios públicos.
Chega o xuízo de Mayte Cabezas, que fora previsto inicialmente para celebrar no mesmo día que o de Alberto Ordóñez, visto para sentenza xa o pasado mes de xullo. Naquel caso, o xornalista fora tamén trasladado do seu posto habitual durante décadas na Radio Galega, unha decisión que el atribuía á súa negativa a modificar unha peza para —tras ordes dos seus superiores— agochar que a suba do IPC en Galicia superaba a media estatal. Unha noticia reescrita, segundo denunciou o implicado no xuízo, que foi o que fixo estoupar o enésimo conflito na CRTVG e provocou un ronsel de demandas e procesos xudiciais contra os medios públicos.
Naquela vista, como acontecera na doutra xornalista, Mónica Rosas en xuño, a CRTVG sufrira para convencer a xuíza de que o seu traslado non foi unha represalia pola significación de Ordóñez no movemento de protesta dos venres negros ou pola súa negativa a modificar unha noticia. Foi nunha vista con moitas testemuñas e con relatos que deitaron luz tamén sobre esa presunta "manipulación informativa" sufrida polo xornalista, que acusa a dirección de facerlle agochar e relegar un dato económico peor en Galicia que no conxunto do Estado en contra do seu criterio profesional.
Logo das tres vistas anteriores, a CRTVG afronta o xuízo pola demanda de Mayte Cabezas, trasladada do seu posto na TVG durante décadas ao pouco de criticar a Feijóo nas redes
Se non hai sorpresas, as sentenzas dos xuízos de Alberto Ordóñez, de Mónica Rosas e de Mayte Cabezas chegarán axiña. A xuíza do Social número 1 de Santiago, Paula Méndez, será quen as dite logo de tres vistas onde os demandantes e a súa representación legal defenderon que os traslados foron empregados pola empresa como un "mecanismo de castigo" por seren activos na mobilización, críticos ou por negarse a intentos de control informativo. Será outra maxistrada a que dite a do caso de Nuria López, xornalista que reclama a restitución no seu posto de traballo na Radio Galega, no que acumulaba 26 anos de experiencia e praza propia, e do que foi trasladada á páxina web o pasado mes de febreiro.
No caso de Alberto Ordóñez, a xustiza dirimirá se houbo vulneración de dereitos fundamentais, pero non só do dereito á tutela xudicial efectiva ou á dignidade do traballador, como no resto de casos, senón tamén do dereito á liberdade de información, a comunicar libremente e a obter amparo sen represalias da cláusula de conciencia, recollido no artigo 20 da Constitución Española.
Xa que logo, a xuíza non só determinará se o seu "traslado forzoso" ten relación coa súa posición crítica coa xestión da Corporación e coa súa significación co movemento de protesta dos venres negros, que hoxe suma 279 semanas consecutivas de protestas. Tamén se foi debido ao uso da cláusula de conciencia e ao seu dereito constitucional de comunicar libremente información con rigor e imparcialidade ao negarse a acatar unha orde para modificar unha información xa elaborada.
A xustiza dirimirá agora se os traslados supuxeron un cambio substancial no labor do persoal e se foron debidos á súa posición crítica ou significación cos 'venres negros'
Sería, no caso se ser condenatoria, unha sentenza que sinalaría a CRTVG por represaliar un traballador crítico -como xa ocorreu no ditame pioneiro a favor do xornalista Carlos Jiménez- pero que engadiría o agravante de atacar un dereito constitucional e fundamental como o da liberdade de información, recoñecendo daquela a "manipulación" e o "control político" que comité de empresa e colectivos como Defende A Galega levan denunciando nos medios públicos galegos nos últimos anos.
En calquera caso, en todos os xuízos o fundamental e primeiro que se dirime é se o cambio de posto supúxolles aos afectados unha modificación substancial das súas condicións de traballo. Se así se considera, as maxistradas terán que determinar logo se hai indicios suficientes para establecer que eses traslados se levaron a cabo como represalia ou se se deberon unicamente a razóns obxectivas, proporcionadas e de organización. Determinarán, entón, se esas mudanzas vulneraron dereitos fundamentais e en que grao.
Desde a Corporación, o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, negou sempre calquera acusación de manipulación ou control político, virando as acusacións cara ao "carácter electoralista" das protestas que, como as últimas folgas, levou a cabo persoal da CRTVG.
Segundo fontes xudiciais, e á espera do que aconteza na vista pola demanda de Mayte Cabezas, o principal problema para a defensa da CRTVG é intentar convencer de que os traslados de persoal non foron represalias cando se cinguen a un grupo reducido de profesionais —todos críticos ou significados nos venres negros— e cando mudanzas anteriores foran voluntarias ou para acceder a postos de coordinación ou dirección.
As mesmas fontes destacan, ademais, que os traslados que agora se analizan en sede xudicial foron repentinos, de maneira forzada, sen buscar voluntarios e sen a formación necesaria para a adaptación ás novas ferramentas e medios.
Todos estes xuízos lembran aos que se derivaran do conflito que os medios públicos galegos mantiveran co xornalista Carlos Jiménez e que acabou coa primeira sentenza contra a CRTVG por represalias a un traballador crítico. Aquel ditame do Xulgado do Social Número 1 de Santiago, logo ratificado polo TSXG, condenara a compañía por sancionar este profesional en resposta ás súas mobilizacións nos venres negros e consideraba, precisamente, que foran vulnerados os seus dereitos fundamentais. Agora, a empresa volve facer fronte a unha lea xudicial máis no sempiterno conflito da Corporación, sinalada nos últimos días tamén polo trato que a TVG deu á aprobación do uso do galego de forma plenamente legal no Congreso dos Deputados.