A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo decidiu este luns reabrir o expediente sobre as rías galegas, pechado de facto hai xa anos logo de ser emitido en 2013 con importantes recomendacións para acabar cos problemas de contaminación, vertidos ou falta de dragado, nomeadamente nas do Burgo e na de Vigo, pero con escasos avances.
Cecilia Wikström: “Non se pode pechar ningunha destas peticións, hai que mantelas abertas até que contemos con explicacións fiables e actualizacións sobre a situación”
A presidenta da Comisión de Peticións, a liberal sueca Cecilia Wikström, decidiu reabrir este expediente tras escoitar de novo os peticionarios, o patrón da confraría de pescadores da Coruña e o presidente da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, en representación da expedición galega que se desprazou a Bruxelas, así como aos voceiros dos grupos políticos, entre eles Ana Miranda, do BNG, impulsora das demandas sobre as rías galegas desde hai anos. No grupo convidado por Miranda integrábanse tamén outros membros da confraría coruñesa e a plataforma viguesa, ademais da voceira municipal do BNG na Coruña, Avia González Beira, e os candidatos coruñés e vigués da formación, Francisco Jorquera e Xabier Pérez Igrexas.
“A Comisión non nos formulou unha resposta de fondo nin houbo unha confirmación totalmente transparente”, dixo Wikström sobre a explicación dada polos representantes da CE, que se limitou a advertir de que esperaría pola confirmación das denuncias feitas sobre eses escasos avances e dos problemas da ausencia de dragado ou de depuración. “Non se pode pechar ningunha destas peticións, hai que mantelas abertas até que contemos con explicacións fiables e actualizacións sobre a situación”, engadiu sobre a falta de datos fidedignos por parte do Estado e da propia UE.
Ana Miranda: "A reapertura é un grande éxito, permitirá achegar novos datos e probas sobre a situación real"
A Comisión de Peticións dirixirase agora ás administracións (Estado, Xunta e concellos) e á propia Comisión Europea para coñecer os avances desas recomendacións dadas xa en 2013 e, tal e como denunciaron os peticionarios e a propia Ana Miranda, sen “case avances”. No prazo dun mes ou mes e medio, recibiranse esas demandas, que serán analizadas de novo para decidir se a demanda se mantén activa como desde este luns.
“É un grande éxito”, declarou Ana Miranda ao rematar a sesión, ao entender que a reapertura desta petición permitirá achegar novos datos e probas sobre a situación real das rías. A reapertura chega, dixo, “porque non se cumpriron os obxectivos marcados no informe elaborado en 2013 despois da visita que realizou unha delegación de eurodeputadas e eurodeputados ás zonas afectadas”. “Cinco anos despois vénsenos a dicir á Comisión de Peticións que custa moito dragar unha ría, iso xa o sabiamos”.
Felipe Canosa, patrón maior da Coruña: "Mellorouse, pero noi foi dabondo; instouse a facer todas as obras, pero os resultados non chegaron"
“Escribiremos unha vez máis ás autoridades españolas e á Comisión Europea”, advertiu Wikström, que xa aclara que seguirán en “contacto” coas autoridades” para poder dar “carta branca” ás reivindicacións e ás demandas.
A decisión de Wikström chegou tras a intervención de Felipe Canosa, patrón maior da confraría de pescadores da Coruña, e de Serxio Regueira, presidente da Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo. O primeiro insistiu no problema no Burgo, que “segue desde anos atrás” e denunciou a “falta de vontade dos gobernos” para actuar contra a contaminación e os lodos. “Mellorouse pero non foi dabondo. Instouse a realizar todas as obras posibles pero os resultados non chegaron”, dixo, tras reclamar a “recuperación” da ría esixida e a reapertura do informe.
Serxio Regueira (Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo): "Se non temos as augas en condicións, isto desaparece"
Desde a plataforma viguesa fíxose tamén un repaso dos problemas da nova depuradora de Vigo e das problemáticas que seguen, por exemplo coas pluviais, malia as melloras achegadas, ademais de eivas nas tubaxes, nos pozos de bombeo e numerosos e denunciados vertidos. “Se non temos as augas en condicións, todo isto desaparecerá”, advertiron amosando imaxes da riqueza da ría viguesa.
Ana Miranda, pola sua banda, destacou que non se completaron os traballos que encargaba aquel informe de 2013, nin no ámbito financeiro nin de investimentos, nin por parte do Estado nin da Xunta para cumprir co “saneamento integral”. “Leváronse a cabo accións recomendadas pero seguen existindo problemas, algúns persistentes”, engadiu a eurodeputada do BNG.
Contrariedade de Blanco e Millán Mon
O tamén eurodeputado galego José Blanco, do PSOE, advertiu da “nova oportunidade” para as rías coa chegada do novo Goberno de Sánchez, malia que recoñeceu “luces e sombras” pero tamén que non son cousas que se cambien “dun día para outro”. Respecto da ría do Burgo, cre que son “necesarios esforzos serios” para poñer freo á súa “degradación” pero asegurou que a posibilidade de reasignar 24 millóns de euros de fondos comunitarios para cofinanciar o dragado e a consignación de 8 milóns nos orzamentos do Estado “permiten empezar a pensar nunha solución ao problema”.
Durante a sesión o socialista José Blanco quixo subliñar que el tamén "traballa" polos problemas galegos dende a Eurocámara entre unha obvia tensión con Miranda
José Blanco e Ana Miranda mantiveron unha batalla dialéctica que foi mesmo reprochada pola presidenta da Comisión, que pediu que non se convertese o debate “nunha farsa española”. O eurodeputado socialista presumiu da importancia dos Orzamentos para a ría do Burgo e a nacionalista retrucoulle advertindo da súa insuficiencia. O primeiro acusouna de “querer sempre ser protagonista” e asegurou que el tamén “traballa” polos problemas dos galegos desde Bruxelas.
Ademais, Francisco Millán Mon, eurodeputado do PP, asegurou, pola contra, que o balance “é positivo” aínda que “queden cousas por facer” e advertiu dos acordos e reunións entre Xunta e Estado dos últimos días. “Non houbo parálise”, dixo, tras intentar que non se reabrise o expediente e falar da “indubidable importancia da depuradora de Lagares”. As súas palabras foron apoiadas por unha compañeira de partido, Rosa Estarás, vicepresidenta tamén da Comisión de Peticións, que acusou o resto de grupos de “politizar” un tema medioambiental, ataques que rexeitaron outros eurodeputados, como Josep Maria Terricabras, de ERC, ou Eleonara Forenza, que reclamaron a necesidade de “apoiar as peticións e o informe de hai cinco anos” e de “seguir comprobando se hai unha aplicación adecuada das normativas comunitarias”.
“Os pasos foron demasiado lentos”, asegurou a eurodeputada italiana, que pediu dar un “pulo maior” ao tema porque as rías galegas son un recurso “a protexer e defender”.
Os representantes da confraría coruñesa e da plataforma viguesa manifestaron a súa ledicia coa reapertura: Sabemos que un traballo así non sei fai en quince días, pero tamén que non cómpren cinco anos"
Ao final da sesión da Comisión de Peticións, os representantes da confraría coruñesa e da plataforma viguesa manifestaron a súa ledicia pola reapertura dun expediente que, agora, lles permitirá achegar máis datos sobre a situación real das rías e que abre a posibilidade de que a Comisión Europea siga presionando ao Estado e á Xunta para que actúen de vez. Todos insistiron en que os avances argumentados por algúnns dos grupos políticos eran tan evidentes como escasos “logo de cinco anos”. “Sabemos que un traballo así non se fai en quince días, pero tamén que non fan falta cinco anos”, reflexionaron.
“Parece tempo máis que suficiente para ter saneada a ría do Burgo e retirados os lodos”, advertira á Eurocámara Felipe Canosa. "Os vertidos na ría de Vigo son os mesmos que hai dez anos”, insistiu Serxio Regueira. A Comisión de Peticións acabou recoñecendo a información adicional achegada polos peticionarios e reclamando, tanto ao Estado como á Comisión Europea, que aclaren de vez cal é a situación actual. De verificárense os escasos avances, a UE seguirá a poñer o foco nunhas rías galegas que volveron erguer a voz en Bruxelas.