A interferencia da voda de Martínez-Almeida na toma de posesión de Rueda axita o inicio da lexislatura

Martínez-Almeida e Rueda, nun acto do Xacobeo en Madrid en novembro de 2022 CC-BY-SA Xunta
  • Información actualizada ás 17:06 do 19 de marzo, tras a confirmación do calendario da investidura

O Parlamento da XII Lexislatura botou a andar este 18 de marzo nun clima de cordialidade xeral. Miguel Santalices foi reelixido como presidente do Parlamento grazas aos 40 votos do PP e entre o habitual xesto de cortesía polo que os dous grupos da esquerda, BNG e PSdeG, votaron en branco (o deputado de DO, pola contra, estreouse votándose a si mesmo). Entre nacionalistas e socialistas tamén se produciu un xesto de entendemento coa cesión por parte do Bloque dun posto na Mesa da Cámara aos socialistas.

Non obstante, nos corredores do Pazo do Hórreo corría un ruxerruxe que que este martes subiu de intensidade ao ficar reflectido nunha crónica do xornal La Voz de Galicia. Tratábase da posible interferencia da voda do alcalde popular de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, no calendario para a celebración da investidura e toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta.

Alfonso Rueda e outros membros do Goberno en funcións, na sesión constitutiva do Parlamento da XII Lexislatura, este 18 de marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A cuestión conflitiva, segundo puido confirmar Praza.gal, residía en que as datas manexadas oficiosamente pola contorna do actual presidente en funcións pasaran por desenvolver o debate de investidura nos primeiros días de abril, tras a Semana Santa. Así culminarían coa toma de posesión de Rueda o sábado, día 6

A contorna de Rueda manexara o 6 de abril como data máis probable para a súa toma de posesión, pero o risco de menor asistencia de cargos do PP por cadrar coa voda do alcalde de Madrid levounos a decantarse polo día 13, case un mes despois da constitución do Parlamento

Pero ese mesmo día Martínez-Almeida casa en Madrid e ao evento nupcial está prevista a asistencia da plana maior do PP. Polo tanto, dende o líder do partido e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ata cargos do partido noutras autonomías e outros representantes terían que elixir. E máis dun optaría por non viaxar a Galicia porque estarían de voda co rexedor da capital de España.

Daquela, para neutralizar este risco dunha menor asistencia de cargos do PP, foi medrando a posibilidade de que todo o proceso se atrasase cando menos unha semana, levando a toma de posesión de Rueda ao sábado seguinte, 13 de abril, como así sucederá finalmente. A argumentación oficial pasaría polas dificultades para completar todos os trámites parlamentarios -rolda de consultas, constitución dos diversos órganos da Cámara- antes dos días festivos da Semana Santa.

Vista do pleno do Parlamento durante a sesión constitutiva da XII Lexislatura, este 18 de marzo © Parlamento de Galicia

A posibilidade de que a toma de posesión de Rueda se demorase por esta razón suscitou comentarios entre o malestar e a hilaridade nas filas da oposición. Así, por exemplo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ironiza con que o feito de que "a sesión de investidura, pendente da voda do alcalde de Madrid" semella "un titular de El Mundo Today" malia ser "real". "Estas son as prioridades de Rueda con Galiza", sinala.

Debate de investidura dende o día 9

A presidencia do Parlamento confirma un calendario que leva a fin do debate de investidura ao día 11 e a toma de posesión, ao 13 de abril. Faino, asegura, por razóns regulamentarias

Coa cuestión a axitar o primeiro día da lexislatura, a presidencia do Parlamento deu en confirmar este martes unha proposta de calendario que desbota a colisión entre voda madrileña e toma de posesión galega. A rolda de consultas do presidente Santalices cos grupos para a designación do candidato á Xunta non se celebrará ata o 2 de abril e o debate de investidura non comezará ata unha semana máis tarde, o día 9. Concluirá o xoves, día 11 e Rueda tomará posesión o devandito sábado 13.

Este calendario, aseguran dende o Parlamento, "está condicionado polos prazos que fixa o Regulamento da Cámara para a constitución dos grupos parlamentarios" e mais das comisións, 5 e 10 días hábiles a partir da sesión constitutiva, respectivamente. O primeiro prazo expira o vindeiro luns, día 25, e o segundo o 1 de abril, polo que mesmo levándoos ao límite -son prazos máximos fixados nos artigos 23 e 45, pero non é obrigatorio esgotalos- habería marxe para celebrar a investidura nesa mesma semana.

A elección do 13 de abril implica que pasarán 26 días entre a constitución do Parlamento e a toma de posesión do presidente, a segunda maior demora dende a fin do fraguismo, só superada polo acontecido en 2020. Daquela, en plena pandemia e en pleno mes de agosto, o Parlamento elixido nas eleccións do 12 de xullo constituíuse o 7 de agosto, pero Feijóo non tomou posesión por cuarta e derradeira vez ata o 5 de setembro.

Hai catro anos Feijóo, en plena pandemia e en agosto, Feijóo tardou 29 días en tomar posesión dende a constitución do Parlamento. Nas súas primeiras lexislaturas foran apenas dúas semanas, como Touriño en 2005

Tamén en 2016 Feijóo tardou máis de vinte días en tomar posesión do cargo que revalidara nas eleccións do 25 de setembro. O Parlamento conformouse o 21 de outubro e a toma de posesión celebrouse o 12 de novembro.

Nas súas dúas primeiras lexislaturas como presidente (2009 e 2012) tardara 17 e 15 días, exactamente os mesmos que pasaran dende que se constituíu o primeiro e único Parlamento con maioría de esquerdas, o 18 de xullo de 2005, ata que tomou posesión como presidente o socialista Emilio Pérez Touriño, o 2 de agosto.

Interesouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.