A presidenta de Adif recibe as vítimas de Angrois, que piden ao Defensor do Pobo Europeo unha investigación independente

Protesta de vítimas de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Os afectados salientan que España segue sen realizar unha investigación técnica independente do sinistro como obriga a normativa comunitaria e lle vén reclamando a Comisión Europea

A presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, recibirá este xoves á plataforma de vítimas de Angrois, que leva meses pedindo un novo encontro co ministro de Fomento, José Luis Ábalos. A reunión coa responsable de Adif, empresa pública que ten un cargo imputado na causa xudicial polo accidente, prodúcese ao tempo que os afectados veñen de reclamar ao Defensor do Pobo Europeo que os ampare ante a inexistencia aínda, case seis anos despois, dunha investigación técnica independente do sinistro, que vén sendo reclamada pola Comisión Europea pero que España aínda non realizou.

Tras o accidente, a investigación oficial do sinistro concluíu facendo responsable do mesmo só ao maquinista do tren. Esa investigación non foi considerada independente nin polos xuíces nin pola Axencia Ferroviaria Europea. A causa xudicial, de feito, pon tamén o foco na falta de seguridade da liña ferroviaria, polo que imputou a un cargo de Adif. Pola súa banda, a Comisión Europea vén reclamando a España que realice a investigación técnica independente que esixe a normativa europea, pero o Goberno, tanto co PP como co PSOE, argumenta que a entidade encargada desas análises, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), agora xa si é independente e non pode darlle esa orde, mentres que esa comisión vén rexeitando cumprir coa esixencia comunitaria.

Andrés Cortabitarte, ex-xefe de Seguridade de Adif, acusado polo accidente de Angrois, nos xulgados de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Ante esa situación, as vítimas piden ao Defensor do Pobo Europeo que as ampare e propoña algún tipo de solución á situación. A investigación independente está sen facer porque o Goberno de España di que non ten capacidade de obrigar á CIAF e á súa vez a Comisión Europea reclámalla a España pero sen dar ningún paso a maiores. Tamén piden ao Defensor que obrigue á Comisión Europea a facilitarlles o contido do procedemento sancionador que abriu contra España por incumprimentos da normativa ferroviaria e que o executivo comunitario rexeita facer público.

Con esta situación pendente de resolverse, e mentres no eido xudicial a causa está pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña resolva os recursos presentados contra a decisión do instrutor de xulgar o maquinista e o cargo de Adif imputados, este xoves as vítimas reuniranse coa presidenta de Adif. A ela preguntaranlle por esa investigación técnica independente aínda non realizada e pediranlle que cese o cargo imputado, que segue a ocupar un posto de libre designación pero de menor relevancia e alleo a cuestións de seguridade. A reunión producirase uns días despois de que Praza.gal revelase que Adif gastou 14.900 euros en "asesorar" aos comparecentes na comisión de investigación política sobre o accidente celebrada no Congreso dos deputados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.