A Comisión Europea lembra que segue aberto un procedemento de infracción mentres a Xunta ten paralizada desde hai 14 anos a ampliación dos espazos protexidos e incumpre desde hai 11 anos medidas de protección
"A Comisión considera que Galicia non fixou obxectivos de conservación e medidas de conservación suficientemente específicos para cada lugar". Así vén de pronunciarse novamente o executivo comunitario ante os incumprimentos da Xunta na protección da Rede Natura 2000. Uns incumprimentos que se manteñen desde hai 11 anos e que se suman á paralización desde hai 14 anos da ampliación dos espazos protexidos, considerada daquela "urxente".
O novo pronunciamento da Comisión Europea sobre a situación da Rede Natura en Galicia chega tras unha pregunta da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que como o socialista Nicolás González Casares leva tempo preocupándose pola situación.
A resposta da UE lembra que ten aberto un procedemento de infracción contra España -INFR(2015)2003, iniciado en 2015 e ampliado en 2020- "pola designación incompleta de lugares de importancia comunitaria (LIC) como zonas especiais de conservación (ZEC) e o establecemento de obxectivos e medidas de conservación específicos para as ZEC". No caso de Galicia, lembra a UE, designáronse 59 LIC, pero o decreto de 2014 que declarou as ZEC e aprobou o plan director da Rede Natura 2000 "non fixou obxectivos de conservación e medidas de conservación suficientemente específicos para cada lugar en todas as súas ZEC".
Os incendios deste verán afectaron ao 11% da superficie protexida por Rede Natura, que a Xunta consideraba "urxente" ampliar en 2011 sen que nunca concretase esa extensión, nin pedíndollo o PP
Pero a estes 11 anos de incumprimento das medidas de conservación hai que engadir 14 anos de insuficientes espazos protexidos, cuestión analizada noutro procedemento de infracción -INFR(2023)2037-. Logo de que a UE considerase "insuficiente" a lista de lugares de importancia comunitaria declarados en Galicia, a finais de 2011 a Xunta considerou "urxente iniciar os trámites para completar a Rede Natura 2000 galega, e dar así cumprimento ao mandato da Comisión".
O Goberno galego chegou a presentar unha proposta de ampliación, coa designación de novos espazos protexidos e a extensión dalgúns dos xa declarados, pero aos poucos meses paralizou a tramitación e nunca máis volveu retomala. Non o fixo nin despois de que maio de 2021 o Parlamento, co voto a favor do PP, instase á Xunta "a rematar os traballos para ampliación e revisión" da rede.
Así, a Rede Natura 2000 abarca actualmente unhas 350.000 hectáreas, o mesmo 12% do territorio de Galicia que hai década e media, fronte ao 27% no conxunto do Estado. Nesta situación chegouse aos incendios deste verán, que queimaron unhas 38.000 hectáreas de Rede Natura, o 11% da superficie protexida.
Fronte a inacción da Xunta en terra, hai agora dous anos o Estado ampliou os espazos protexidos para as aves a toda a costa galega
Fronte a esta inacción da Xunta sobre os espazos protexidos en terra, os da súa competencia, hai dous anos o Goberno de España ampliou a Rede Natura 2000 no mar, a zona da súa competencia, declarando toda a costa galega Zona de Especial Conservación para as Aves.