A Xunta atribúe agora á "configuración da conta" dunha letrada que acabase en 'spam' un correo co que perdeu 293.000 euros

Mar Pereira, máxima responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A directora da axencia informática asegura no Parlamento que a Asesoría Xurídica tomou medidas para que non se repita e agora as comunicacións envíanse por triplicado, mentres o PSdeG mantén que “nunha empresa privada esa neglixencia implicaría dimisións”

Máis de dous anos despois de ocorridos os feitos, e máis de medio ano despois de que Praza.gal revelase a resolución xudicial que certificou que xa non había solución, o Goberno galego deu este mércores explicacións por primeira vez no Parlamento de Galicia sobre como perdeu 293.000 euros nun preito por sobrecustos na Cidade da Cultura por non contestar a un requirimento xudicial. Foi, asegura, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, porque o correo electrónico enviado á letrada que debía atender do caso no que se lle comunicaba esa notificación xa recibida pola Xunta “foi dirixido de forma automática por parte da plataforma [de xestión de preitos] á carpeta do correo non desexado do seu buzón en base á configuración da súa conta particular de correo”. “Non foi debido a un funcionamento inadecuado do sistema”, engadiu.

Malia non querer concretar responsabilidades, e ante as críticas do PSdeG que considera que “nunha empresa privada esa neglixencia implicaría dimisións”, Pereira asegurou que a Asesoría Xurídica da Xunta xa tomou medidas para que non se repita o ocorrido e agora comunicacións como esa envíanse a tres persoas distintas.

Informe da Amtega sobre o correo que acabou en 'spam', no que nada se di sobre a "configuración" da conta de correo da letrada que o recibiu, na que este mércores puxo o foco Mar Pereira CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os feitos remóntanse a xaneiro de 2020, cando a Xunta acusou recibo pero non contestou a un aviso dun xulgado de Santiago relacionado cun preito por sobrecustos nas obras da Cidade da Cultura. Ante a falta de resposta da Xunta o xulgado deu por válida a valoración realizada pola construtora, o que segundo a estimación do propio Goberno galego supuxo un “grave dano ao erario” que cuantificou en 293.000 euros.

Na súa comparecencia na Cámara, máis de dous anos despois do ocorrido, a responsable da Amtega asegurou que "non foi debido a un funcionamento inadecuado do sistema” e puxo o foco na Asesoría Xurídica como responsable das melloras para que non se volva repetir

A Xunta tentou argumentar ante a Audiencia da Coruña, sen éxito, que se producira un erro no sistema informático interno de xestión dos preitos xudiciais. Segundo dixo, ese erro fixo que o aviso se recibise pero que cando foi reenviado á letrada que o levaba acabase na súa carpeta de spam ou correo non desexado, o que lle impediu velo e contestalo.

Tras a negativa de varios departamentos da Xunta a dar explicacións polo ocorrido a este medio, Praza.gal solicitou, en aplicación da Lei de Transparencia, o informe que os servizos informáticos presentaron no xulgado, ao que a Audiencia da Coruña contestou desbotando as alegacións do Goberno galego e salientando que está en mans de quen configura a carpeta de spam facelo correctamente. Tras un longo proceso no que a Xunta incumpriu en varias ocasións a Lei de Transparencia e foi apercibida pola Valedora do Pobo, o informe informático finalmente obtido, dun único folio, limitábase a constatar que o correo “foi dirixido de forma automática por parte da plataforma de correo á carpeta de correo non desexado” da letrada responsable do caso, sen concretar o motivo.

Comparecencia este mércores no Parlamento da directora da Amtega, Mar Pereira, para contestar ao socialista Pablo Arangüena, en primeiro termo CC-BY-SA Praza Pública

Sobre o ocorrido formulou unha pregunta parlamentaria á Xunta o deputado socialista Pablo Arangüena, que este mércores provocou a comparecencia na Cámara da responsable da Amtega. Na súa intervención Mar Pereira informou de que o letrado que levaba o caso estaba de baixa polo que tras recibirse a notificación xudicial no sistema de seguimento de preitos a comunicación “dirixiuse á letrada suplente”. 

Porén, Pereira introduciu unha novidade a respecto do que a Amtega sinalou no curto informe oficial remitido ao xulgado. Segundo a súa explicación, a letrada suplente non tivo coñecemento da notificación “xa que o correo relacionado con este caso foi dirixido de forma automática por parte da plataforma á carpeta do correo non desexado do seu buzón en base á configuración da súa conta particular de correo”. Un engadido, o de que se produciu “en base á configuración da súa conta particular de correo”, que non figura no informe oficial.

Pereira asegurou que o ocorrido “non foi debido a un funcionamento inadecuado do sistema”, e ademais de poñer o foco na configuración informática da conta de correo, atribuíu á Asesoría Xurídica as medidas que a Xunta tomou para evitar que se volva repetir o ocorrido, que cualificou como “situación excepcional”. Segundo asegurou, agora “cada letrado recibe a primeira hora da mañá un correo do sistema cos trámites que rematan ese día xunto cun recordatorio no que se revisa periodicamente o calendario do sistema no que figuran os prazos de próximo vencemento”. 

Por outra parte, “se por calquera incidencia o trámite que vence non ten letrado asignado, envíase unha comunicación á oficina do gabinete correspondente ao letrado xefe” para que adopte as medidas axeitadas. E no caso de que o letrado do caso estea ausente, como foi o caso, “envíase unha comunicación tripla” que chega tamén “á oficina do gabinete correspondente ao letrado xefe”.

O deputado socialista Pablo Arangüena, que preguntou á Xunta polo ocorrido CC-BY-NC-SA PSdeG

O socialista Pablo Arangüena considera “absolutamente incomprensible que unha administración pública cometa un erro desta magnitude e ninguén responda por ese erro”

Pereira tamén puxo cifras ao volume de notificacións que xestiona o sistema de seguimento de preitos da Xunta. Se o informe desvelado por Praza.gal sinalaba que aquel día a letrada afectada recibira 74 notificacións, este mércores a responsable da Amtega indicou que o sistema envía cada ano 124.000 notificacións a letrados e 76.000 a órganos da xunta, a unha media de entre 2.000 e 3.000 “episodios procesais” ao ano por letrado, máis nos casos dos xefes.

Pola súa banda o socialista Pablo Arangüena criticou que o informe que a Amtega entregou no xulgado “nin sequera fala de erro” e non explica como puido acabar o correo en na carpeta de spam. “Non se sabe como tivo lugar unha neglixencia que vai custar como mínimo 300.000 euros ao erario público”, criticou, para engadir que é “absolutamente incomprensible que unha administración pública cometa un erro desta magnitude e ninguén responda por ese erro”.

“Nunha empresa privada esa neglixencia implicaría dimisións, asunción de responsabilidades, se un avogado cometese esa neglixencia tería que indemnizar o seu cliente”, insistiu o socialista, que lamentou que a comparecencia de Pereira non afondase nas causas do mesmo. “A súa neglixencia causou un custo de 300.000 euros ao erario público”, concluíu.

A Audiencia da Coruña concluíu que o ocorrido non foi "imprevisible ou inevitable” como argumentaba a Xunta xa que “se se configura unha conta de correo coa posibilidade de recibir notificacións na carpeta de ‘spam’ é previsible que algunhas vaian ser enviadas a esa carpeta”

No seu momento, as alegacións que o Goberno galego formulou ante a Audiencia da Coruña empregando o informe da Amtega, no que nada se falaba da “configuración” da conta de correo, á que este mércores se referiu Pereira, foron descartadas polo tribunal. Naquel momento, como xa avanzou Praza.gal, o xulgado concluíu que “se se configura unha conta de correo corporativo coa posibilidade de recibir notificacións que serán remitidas á carpeta de ‘spam’ é previsible que algunhas notificacións vaian a ser enviadas a esa carpeta”.

Está en mans de quen configura a conta corporativa suprimir a carpeta ‘spam’ ou introducir os filtros necesarios”, incidiu o tribunal, que engadiu mesmo a posibilidade de que “de forma máis simple, dar instrucións aos titulares das contas para que examinen os correos incluídos na carpeta de ‘spam’”. O ocorrido, concluíu a Audiencia da Coruña, “non é un acontecemento imprevisible ou inevitable”, e polo tanto foi responsabilidade da Xunta.

Auto da Audiencia da Coruña no que rexeitou o recurso da Xunta porque estaba nas súas mans configurar mellor o correo electrónico CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.