A Xunta avanza cartos para "captar" rutas aéreas "coa mesma contía" na Coruña, Santiago e Vigo

Un avión aterrando no aeroporto de Lavacolla, en Santiago Dominio Público AENA

O conselleiro Calvo asegura no órgano de coordinación impulsado por Aena estar disposto a que os fondos para "promoción turística en orixe" teñan a "mesma contía para cada terminal e cada nova ruta"

O eterno debate da "coordinación" dos tres aeroportos tivo este 17 de marzo nova parada na segunda xuntanza do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia. No marco do encontro deste organismo, constituído por Aena a finais de 2025 con representantes da Xunta, dos concellos con aeroporto e representantes empresariais, o Goberno galego anuncia a súa disposición a seguir achegando fondos para "captar" rutas aéreas como nos últimos anos, pero variando a fórmula.

Dende hai algo máis dunha década o Goberno galego substituíu as achegas directas ás aeroliñas para atraelas a voar cara a Galicia -a etapa na que a Xunta de Feijóo falaba en termos de "cidade única" e de Alvedro, Lavacolla e Peinador como un único aeroporto "con tres terminais"- pola "promoción turística en orixe". Agora, di o conselleiro de Presidencia, que nesta lexislatura ten as competencias de Mobilidade, vaino facer "coa mesma contía" para A Coruña, Santiago e Vigo.

Reunión do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea, este 17 de marzo no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago CC-BY-SA Mónica Arcay Carro / Xunta

"A Xunta non vai financiar voos, colaborará no marco da busca dun modelo de coordinación na que se impliquen todas as administracións, na promoción turística" das tres cidades, di Diego Calvo. "Habilitarase unha bolsa destinada a captar novas rutas nos tres aeroportos, coa mesma contía para cada terminal e cada nova ruta" con fondos que "se sumarían aos que decidan mobilizar os concellos ou a propia Aena", sintetiza sen bosquexar posibles cantidades.

Na década pasada o Goberno de Feijóo contratara un "plan estratéxico" para os aeroportos, instara a que os tres funcionaran como un só "con tres terminais" e acabara retirándose da cuestión alegando que se trata dunha competencia estatal

Cifra Calvo nuns 13 millóns de euros anuais os fondos que o Goberno galego está a dedicar na actualidade "para facer máis atractivo o noso territorio e incentivar que cada vez nos visiten máis persoas". Agora, di, disponse a seguir facendo esa promoción "directamente" ou mediante "convenios cos concellos", se os fondos se destinan a "promoción en orixe", reitera.

O actual Grupo de Traballo de Conectividade Aérea substituíu o antigo Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, creado en tempos de Mariano Rajoy no Goberno de España. Naquela etapa o gabinete de Feijóo dera en contratar por por 30.000 euros a elaboración dun "plan estratéxico" para os aeroportos mentres o na altura chamado Ministerio de Fomento elaboraba o seu e instaba as cidades a poñerse de acordo. Apenas un ano despois de facelo, en 2014, o propio Feijóo retirárase dialecticamente da cuestión alegando que a competencia era estatal e polo tanto, debera ser o Goberno de España o que a exercese.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.