A Xunta cifra agora en 400 os espazos a incluír no Inventario de Zonas Húmidas que mantén baleiro desde hai dúas décadas

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na lagoa de San Pedro de Muro, en Porto do Son, este sábado CC-BY-SA Praza Pública

Unha semana despois de que os PP dixese no Parlamento que o inventario “non implica un réxime de protección” a Consellería de Medio Ambiente admite que “a finalidade do rexistro é protexer” eses espazos

Hai case dous anos Praza.gal revelou unha resposta oficial da Xunta que admitía que “non hai ningunha zona húmida inscrita no Inventario de Humidais de Galicia”, rexistro creado por lei en 2001. Case dúas décadas despois, e tras gabarse o PP hai unha semana de que leva “anos traballando no inventario”, este sábado a Consellería de Medio Ambiente, co gallo da celebración o próximo xoves, 2 de febreiro, do Día Mundial das Zonas Húmidas, asegurou que agora “impulsa a inclusión de 400 espazos naturais” no inventario que sumarán 43.000 hectáreas.

Zonas húmidas na serra da Groba © SOS Groba

A inscrición no inventario é requisito previo para que un espazo poida ser declarado Zona Húmida Protexida, pero hai unha semana, cando o PSdeG lle reprochou no Parlamento de Galicia o abandono dese eido, o PP asegurou que o inventario ten “efectos estatísticos e de investigación, pero non implica a aplicación dun réxime de protección”. Porén, este sábado a Consellería de Medio Ambiente admitiu que “a finalidade do rexistro é protexer”. 

Medio Ambiente sinalou este sábado que “as zonas húmidas son espazos naturais escasos e delicados, que proporcionan un gran número de recursos e constitúen un valioso patrimonio cultural e natural”. Por iso, di agora prever a inclusión no inventario de 400 zonas que suman máis de 43.000 hectáreas.

Brañas do Monte Inxerio, en Ordes © Ecoloxistas en Acción

En 2004 a UE advertiu de que a Rede Natura, non ampliada desde aquela, non protexia o suficiente as turbeiras das terras altas, entre outros hábitats

Xa en 2004 a Unión Europea advertiu que a Rede Natura 2000 galega non protexía suficientemente zonas húmidas como as turbeiras das terras altas, entre varios tipos de hábitats. En 2011 o Goberno galego presentou unha proposta de ampliación da Rede Natura na que incluíu diversos espazos con turbeiras, pero nunca rematou a súa tramitación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.