A Xunta contrata espazos publicitarios en valos e autobuses ata mediados de 2024

Alfonso Rueda, enfocado por unha cámara na comparecencia de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 2 de marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O 5 de maio de 2022 Alberto Núñez Feijóo presidiu o seu derradeiro Consello da Xunta. A decisión máis relevante daquela reunión do Goberno en funcións foi o cesamento como Secretaria Xeral de Medios de Mar Sánchez Sierra, principal asesora de Feijóo que, canda el, abandonaba o Goberno galego para incorporarse á dirección estatal do PP. Mentres se celebraba a reunión daquel Consello, ás 10:23 daquel xoves, Sánchez Sierra asinaba a formalización do contrato para contratar por 314.607 euros soportes publicitarios da Xunta en valos e autobuses por un ano, ata maio deste 2023.

O vindeiro maio expira o contrato de publicidade exterior asinado pola ex-secretaria de Medios Mar Sánchez Sierra o día do seu cesamento para marchar con Feijóo a Madrid

Aquel derradeiro contrato rubricado por Sánchez Sierra está a piques de concluír e a súa sucesora na secretaría xeral de Medios -con funcións non equiparables en canto a poder político no Goberno e no PP-, Silvia Valdés, vén de comezar a tramitar o seguinte. Como noutras decisións nestes meses, a alto cargo con dependencia orgánica directa do presidente, Alfonso Rueda, reproduce case exactamente o aprobado pola súa antecesora para contratar espazos publicitarios ata mediados do que -agás en caso de adianto- sería o ano electoral de 2024. 

Campaña publicitaria da Xunta nun autobús na contorna do complexo administrativo de San Caetano en 2021 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Cun orzamento de 449.998 euros (apenas dous euros menos que o anterior contrato, aínda que a oferta do adxudicatario, a empresa Quattro, o rebaixou ata os devanditos 314.607), a Secretaría Xeral de Medios pide dispoñer de 58 valos publicitarios dos quen un mínimo do 50% e un máximo do 75% teñen que estar nas sete principais cidades, pero tendo en conta tamén que non se poden instalar nas provincias menos poboadas, Lugo e Ourense, máis do 40%. Todo cunha duración dun ano, o que levaría o novo contrato ata a primavera do ano vindeiro.

O Goberno galego volve contratar 58 valos, dos que cando menos a metade teñen que estar nas cidades, e espazos publicitarios en tres autobuses urbanos, un deles en Santiago e os outros dous rotando nas restantes seis urbes. Volve ofrecer ata 450.000 euros

Nese orzamento global, como no anterior contrato, inclúese tamén a contratación de tres espazos publicitarios noutros tantos autobuses urbanos nas cidades galegas. Un deles debe ser permanentemente un autobús urbano de Santiago -cidade na que a normativa de publicidade exterior en valos é moito máis restritiva- e os outros dous, rotando "nas seis restantes cidades galegas de maior poboación". Como actualmente, esa contratación inclúe "rotulación integral da traseira e dos laterais" do vehículo, "ocupando a maior parte comercializable" do bus.

O contrato que tramita a Secretaría Xeral de Medios do Goberno que agora preside Rueda reproduce tamén os motivos esgrimidos polo gabinete de Feijóo. "O Goberno é necesariamente suxeito e obxecto de información e valoración política" pero, engade, "en canto responsable último da Xunta" é "emisor dunha serie de mensaxes dirixidas aos cidadáns", campañas institucionais "ao estrito servizo das necesidades intereses" da cidadanía, indica, e que "facilitan o exercicio dos seus dereitos e promoven o cumprimento dos seus deberes".

Este novo contrato chega ata o remate unha lexislatura que, como as anteriores, volverá rematar sen que a Xunta envíe ao Parlamento para a súa aprobación a lei de publicidade institucional que o PP galego prometeu en numerosas ocasións a través tanto de Feijóo como de Rueda. Non en van, no programa electoral que Feijóo defendeu na campaña tras a que logrou ser presidente por primeira vez en 2009 os populares manifestaban o compromiso de "aprobar unha Lei de Publicidade e Comunicación Institucional da Xunta de Galicia", unha medida que Rueda vía "urxente" realizar, pero que nunca chegou a concretarse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.