A Xunta dá visibilidade e promete obras á alcaldesa de Boimorto tras confirmala o PP como candidata malia ‘coarse’ na vacina da COVID

O conselleiro de Medio Rural e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, á dereita, nunha imaxe divulgada o pasado domingo pola propia Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego divulga unha reunión de María Jesús Novo co conselleiro de Medio Rural para “avaliar as demandas e necesidades de Boimorto”

Hai dúas semanas o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, confirmou que a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, que deixou o partido hai dous anos tras coarse na vacinación da COVID, será novamente a candidata desa formación nas eleccións do próximo 28 de maio. Este pasado domingo o Goberno galego deulle visibilidade e comprometeu publicamente actuacións en Boimorto a través dun comunicado oficial da Xunta acompañado dunha fotografía de Novo co conselleiro de Medio Rural, José González.

María Jesús Novo, alcaldesa de Boimorto, coa conselleira Fabiola García, na residencia do municipio CC-BY-SA Xunta

A saída de Novo do PP hai dous anos facilitou que se pechase sen conclusións o expediente que a formación abrira sobre ela, pero non supuxo que o partido deixase de apoiala. Así o veñen facendo os concelleiros populares na vila. E un ano máis tarde o propio Feijóo recibiuna no seu despacho de presidente da Xunta como alcaldesa supostamente independente. Novo tamén vén participando neste tempo en actos do PP, segue figurando na web do PP da Coruña e o Goberno galego vén tratándoa como a outros cargos populares que nos últimos anos deixaron o partido pero na práctica seguiron traballando baixo as consignas populares.

Novo seguiu participando en actos do PP, foi recibida mesmo por Feijóo e mantense como alcaldesa desa formación na web do PP da Coruña

Agora, segundo o comunicado oficial divulgado o domingo, a reunión de Novo co conselleiro de Medio Rural e coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, “serviu para avaliar as demandas e necesidades de Boimorto en relación co agro” e “avanzouse nos traballos conxuntos entre Concello e Consellería para mellorar as súas infraestruturas rurais, especialmente no que atinxe ás vías de comunicación”.

Feijóo e a alcaldesa de Boimorto no despacho do presidente da Xunta un ano despois de que ela deixase o PPdeG CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

“Na xuntanza tamén se puxo en valor a próxima celebración en Boimorto, os días 25 e 26 de marzo, da feira de maquinaria agrícola, forestal e de produtos ecolóxicos Magreco, que inclúe poxas de gando e exposicións, tanto de aparellos como de producións ecolóxicas da nosa comunidade”, engade o comunicado da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.