O Goberno galego volve avisar as concesionarias da realización de 1.974 inspeccións e mesmo das liñas e momentos do día nas que porá o foco: "Horas punta nas conexións Ferrol-A Coruña e Santiago-Vigo", en mans de Monbus
A Xunta leva varios anos desvelando as datas do ano nas que realiza inspeccións 'secretas' ás concesionarias de bus para valorar a calidade do servizo, con persoal que se fai pasar por pasaxeiros empregando. Aínda así, a calidade segue caendo, como constatou hai uns días o último balance anual do servizo, con faltas de información e puntualidade como principais eivas.
Publicado ese último balance, agora a Consellería de Presidencia, competente en materia de mobilidade, informa de que a campaña deste ano comeza este luns e vai prolongarse oito semanas. O Goberno galego mesmo permite que as empresas saiban en que liñas se vai centrar o foco.
Desde que a finais de 2020 a Xunta renovou o sistema de transporte público por estrada en Galicia véñense realizando, a través dunha consultora externa, avaliacións da calidade dos servizos. Ademais de enquisas aos usuarios fanse inspeccións supostamente secretas a través da técnica do "cliente misterioso", que consiste en que persoal cualificado se fai pasar de forma anónima por usuarios dos autobuses para valorar diversos aspectos do seu funcionamento.
Nos primeiros anos esas inspeccións secretas realizáronse en distintas datas da primavera ou o verán que só se coñeceron posteriormente, coa publicación das memorias de resultados, que revelaron un empeoramento do transporte público. Pero nos últimos anos a Xunta está facendo públicas as datas desas inspeccións con comunicados difundidos aos medios e colgados na súa web. Así o fixo en setembro de 2023 e maio de 2025. E así o volve facer agora cun comunicado feito público este domingo.
Malia desvelar as inspeccións 'secretas', estas reflicten cada ano un progresivo deterioro da calidade do servizo
Se o primeiro ano só facilitou as datas nas que se realizarían as inspeccións, o segundo ano a Xunta tamén sinalou que poría o foco nas liñas A Coruña-Lugo, en mans de Arriva, e no concello de Ribeira, onde a concesión é de Monbus. E neste terceiro ano no que desvela as inspeccións, un total de 1.974 coa figura do "cliente misterioso", a Xunta engade un dato máis: os momentos do día. Así o Goberno galego di que vai facer unha "análise detallada dos servizos en horas punta nas conexións Ferrol-A Coruña e Santiago de Compostela-Vigo", en mans de Monbus.