A Xunta é condenada a indemnizar un traballador temporal ao que negou a excedencia tras perder dous preitos contra el

Sala de vistas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

O Tribunal Superior ratifica que o Goberno galego vulnerou os seus dereitos fundamentais e lembra que o persoal temporal “ten iguais dereitos” que o fixo

A Xunta terá que indemnizar con 7.500 euros “por danos morais” a un traballador indefinido non fixo (temporal a efectos da xustiza) ao que denegou unha excedencia argumentando que só o persoal fixo tiñan dereito a ela. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) di que vulnerou así o “dereito fundamental” do traballador “á igualdade e non discriminación”. Algo que o Goberno galego fixo despois de que o empregado lle gañase previamente dous preitos xudiciais distintos. 

Sede central da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a sentenza agora feita pública polo TSXG, o traballador estaba considerado indefinido a xornada completa tras unha sentenza dun xulgado do Social de Lugo despois ratificada polo propio TSXG. Tras a primeira sentenza do xulgado do Social, a Xunta botouno cun despido declarado nulo tanto polo mesmo xulgado do Social como polo TSXG.

O TSXG lembra que o Estatuto dos Traballadores e a xurisprudencia din que o persoal temporal "ten iguais dereitos que o persoal fixo"

Medio ano despois do segundo pronunciamento xudicial definitivo ao seu favor, o traballador solicitou unha excedencia voluntaria por un ano, que a Xunta denegou por “non ter o solicitante a condición de persoal laboral fixo”. O traballador recorreu novamente á xustiza e outro xulgado do Social deulle a razón ao considerar que o Goberno galego vulnerara o seu dereito á igualdade e non discriminación, polo que ademais condenou á Xunta a indemnizalo “por danos morais”. O Goberno galego recorreu esa nova sentenza e agora o TSXG ratifica a súa condena. 

Segundo o Tribunal Superior, a Xunta argumentou “que o persoal indefinido non fixo non ostenta dereito algún ao reingreso no posto e que a comparación para determinar a existencia de discriminación debe efectuarse co persoal indefinido non fixo, non co persoal fixo”. Porén, o tribunal di que o seu argumento “non pode ser atendido” xa que o Estatuto dos Traballadores di que “os traballadores con contratos temporais e de duración determinada terán os mesmos dereitos que os traballadores con contratos de duración indefinida” salvo no que se refire ás condicións da extinción do contrato. 

Sentenza do TSXG que condena á Xunta por non conceder unha excedencia solicitada por un traballador indefinido non fixo CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG tamén di que “é doutrina xa reiterada a que sinala que o persoal temporal (o indefinido non fixo ostenta tal condición) ten iguais dereitos que o persoal fixo, a excepción da estabilidade no emprego”, tamén o dereito “a colocarse en situación de excedencia voluntaria ser reúne os requisitos”, dos que di que no caso agora xulgado non foron discutidos pola Xunta.

A Xunta tamén foi condenada a pagar as costas xudiciais do caso

O tribunal mesmo argumenta que a Xunta ten varios mecanismos para cubrir a praza do traballador temporal que solicita unha excedencia e que “os posibles problemas de interpretación sobre o reingreso non son obstáculo ao recoñecemento do dereito”.

A sentenza do TSXG tamén avala a indemnización de 7.500 euros por danos morais imposta á Xunta polo xulgado do Social na súa sentenza previa e di que a súa cuantificación depende do que libremente considere o xuíz xa que “non atende ao reintegro dun patrimonio, senón que vai dirixida principalmente a proporcionar na medida do humanamente posible unha satisfacción como compensación ao sufrimento que se causou”. Ademais, o TSXG condena á Xunta a pagar as costas xudiciais do caso. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.