A Xunta nega que subvencione os peregrinos: "Debe terse en conta o valor inmaterial que conleva"

O presidente Rueda facendo un treito do Camiño de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Consello de Contas salienta que non valora a decisión política sobre o modelo de albergues públicos senón "a eficacia e eficiencia na xestión da sociedade Xacobeo", que ve moi mellorable

Para o Consello de Contas a rede pública de albergues para peregrinos é ineficiente, pero para a Xunta aínda así é rendible porque "debe terse en conta o valor inmaterial que conleva". Así pode resumirse a auditoría sobre a sociedade de xestión do Xacobeo que este martes fixo pública o ente fiscalizador, constatando que a Xunta subvenciona a metade do que custa cada aloxamento nun albergue público, fronte ao que o Goberno galego presentou alegacións que Contas desbotou.

Contas sinala na primeira páxina da súa auditoría que "non é obxecto deste informe avaliar o impacto económico e social que ten o Camiño de Santiago que, en ningún caso, se cuestiona" senón que "analizar e valorar a eficacia e eficiencia na xestión da sociedade Xacobeo" coa que a Xunta xestiona os albergues públicos para peregrinos, 75 en 2023, o ano da análise. É esa análise da eficacia e eficiencia a que conclúe sinalando eivas, que o Goberno galego tentou rebater nas súas alegacións a Contas amparándose no retorno para toda a sociedade do gasto que fai nos albergues, sen rebater que a súa xestión é mellorable.

Para o Goberno galego "aínda que a actividade da rede pública de albergues sexa deficitaria, segundo a análise económica realizada polo Consello de Contas, a riqueza e desenrolo económico en torno ao Camiño de Santiago que se vén producindo tanto a nivel local, social como a nivel económico compensa con creces os custos soportados, que son devoltos á cidadanía mediante a riqueza xerada tanto localmente como rexionalmente". Iso leva a Xunta a dicir qeu "non se están subvencionando aos peregrinos que se aloxan nos albergues, senón que é unha moi importante forma de promoción e visibilidade das localidades por onde pasa o Camiño e a creación de riqueza que conleva para as mesmas e para Galicia en xeral".

O Goberno galego defende os albergues como "un servizo público de inestimable valor simbólico, representativo, identitario e cultural co que conta Galicia"

O Goberno galego explica que a rede de albergues está deseñada como unha "alternativa" para "cubrir os déficits da oferta privada" tanto na distribución xeográfica como na súa apertura todo o ano, fronte aos privados que pechan en inverno. Tamén salienta que, a medida que se foron abrindo albergues públicos desde o Xacobeo de 1993, ao seu arredor foron creándose outro tipo de aloxamentos privados complementarios. 

O presidente Rueda nun albergue de peregrinos nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo a Xunta, "o valor da rede de albergues non só pode analizarse dende o punto de vista cuantitativo, senón que debe terse en conta o valor inmaterial que conleva, sendo un aloxamento tradicional e auténtico que preserva o espírito do Camiño que serve de base para o sustento do resto dos sectores económicos que se desenrolan en torno ao mesmo e que permite que non se vexa como un simple negocio ou un produto turístico máis". Un "valor intanxible" que "é sinal de identidade do Camiño de Santiago, un servizo público de inestimable valor simbólico, representativo, identitario e cultural co que conta Galicia". 

Todas estas alegacións foron desbotadas polo Consello de Contas, que insiste en que non valora a decisión política de subvencionar os albergues. Pero tamén incide en que máis alá da rendibilidade social do Camiño de Santiago a súa auditoría constata que a xestión dos aloxamentos por parte da Xunta é mellorable: "En ningún intre o informe do Consello de Contas considera que a rede de albergues públicos debe ser 'un negocio', nin sinala que a sociedade debe ter beneficios económicos, nin indica que o custo de funcionamento debe ser integramente pagado polos peregrinos e non cuberto por subvencións públicas. Agora ben, o que si dicimos, e isto e aplicable para calquera servizo público e actividade administrativa, é que debe ser prestado ou realizado baixo os principios de economía, eficacia e eficiencia, é dicir, avaliamos se o servizo estase a prestar correctamente en termos de racionalidade económica e boa xestión", conclúe o ente fiscalizador.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.