O Goberno galego sumou aos 13 coches de representación híbridos que xa tiña outros 10 de combustión dos que evita dar explicacións á Cámara máis alá de que son "un número ínfimo" comparado con todo o parque móbil
En xaneiro Praza.gal revelou que a Xunta vén de mercar 10 novos coches de alta gama por medio millón de euros só tres anos despois da última renovación do seus vehículos de representación, os que usan os membros do Goberno galego. Uns novos coches de combustión que se suman aos 13 híbridos que xa existían e dos que de momento non se vai prescindir, polo que pasou a haber 23 vehículos de representación malia que o Goberno galego está formado por 13 persoas.
Ante esta compra o BNG formulou varias preguntas no Parlamento de Galicia que este trasladou á Xunta, preguntas que o Goberno galego elude responder á Cámara limitándose a xustificar que os novos coches son "un número ínfimo en relación coa totalidade de vehículos do parque móbil da Xunta". Entre as cuestións que non contesta está a de cantas multas por exceso de velocidade reciben os coches do presidente e os conselleiros, pregunta formulada aos tres días de que José Manuel Baltar fose condenado por circular a 215 por hora ao volante dun coche da Deputación de Ourense.
A Xunta conta desde 2022 cun DS-9 e 12 DS-7, todos híbridos, obtidos mediante leasing. Pero hai uns meses decidiu adquirir en propiedade dez Skoda Superb L&K: 2 de gasolina de 266 CV e 8 diésel de 194 CV. Uns vehículos que a marca checa presenta como "un coche luxosamente equipado".
O Goberno galego xustificou a adquisición indicando que os novos Skoda, berlinas coa carrocería máis baixa, son máis estables que os DS-7 tipo SUV, que provocaban queixas entre os seus usuarios pola súa comodidade. "Foron unha mala elección", chegaron a afirmar a Praza varias fontes da Xunta, pero de momento o seu leasing segue activo e non se vai prescindir deles.
Cando Praza.gal revelou a compra dos novos coches fontes oficiais do Goberno galego explicaron que os anteriores SUV van seguir sendo empregados por algún conselleiro e noutros cometidos, que se elixiu adquisición e non leasing porque agora esa opción supón mellores condicións económicas, que os novos coches son máis seguros e estables ou que son máis rendibles en canto ao consumo de combustible que outros modelos empregados antes. Porén, nada disto se lle explica ao Parlamento de Galicia.

Tras a condena de Baltar por exceso de velocidade, o BNG preguntou tamén cantas multas reciben os coches do presidente e os conselleiros, pero a Xunta non dá os datos ao Parlamento
Tras revelar Praza.gal a compra, o BNG formulou varias preguntas: por que se abandonaba a tecnoloxía híbrida nos coches dos conselleiros, cantos quilómetros fan eses coches, cal é o consumo dos DS-7 e canto se prevé que consuman os novos Skoda Superb ou cal é o modelo de mobilidade da Xunta.
As preguntas foron formuladas só 3 días despois de que o 27 de xaneiro José Manuel Baltar fose condenado polo Tribunal Supremo por circular a 215 quilómetros por hora ao volante dun coche oficial da Deputación de Ourense. Así que entre elas tamén había unha que preguntaba "cantas multas por exceso de velocidade dos vehículos asignados ao Goberno galego".
Pero ningunha das cuestións trasladadas polo Parlamento de Galicia á Xunta teñen resposta. Na contestación do Goberno galego, asinada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, a Xunta limítase a dicir que "continúa a apostar por vehículos que contan cun menor consumo de combustibles fósiles, cun menor gasto de mantemento e cuns menores niveis de emisión de gases e partículas contaminantes", coa prioridade de adquirir vehículos de etiqueta ECO ou 0 "sempre que sexan compatibles co uso ao que están destinados".
"Con todo, continúa a ser necesario contar con vehículos de combustibles fósiles", engade, pero matizando que "supoñen un número ínfimo en relación coa totalidade de vehículos do parque móbil da Xunta".
O consello de Contas afirmou en 2020 non ser quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta en coches oficiais tras a campaña de Feijóo contra o "luxo"
Tras a campaña de 2009 de Feijóo contra o "luxo" do anterior goberno de coalición, os executivos populares veñen argumentando que coas súas políticas co parque móbil da Xunta as arcas públicas lograron "un aforro superior a 26 millóns de euros". Porén, en 2020 o Consello de Contas afirmou non ser quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta en vehículos oficiais nese tempo.