A piques de rematar a ampliación do complexo con dous novos edificios por 35 millóns, o Goberno galego xa non considera prioritario remodelar todo o interior dos edificios máis vellos senón que só fará obras puntuais
A Xunta está a piques de rematar a construción por preto de 35 millóns de euros de dous novos edificios administrativos a carón da súa sede central no complexo de San Caetano, no lugar no que antes se emprazaba a estación de autobuses de Santiago antes de ser trasladada a carón da estación de tren. Cando lanzou ese proxecto de ampliación, e ao tempo que facía melloras no exterior do actual complexo de San Caetano, o Goberno galego anunciou que tamén acometería una reforma xeral interior dos edificios actuais por preto de 30 millóns de euros. Porén, esa actuación deixa de ser unha prioridade e agora a Xunta só fará obras puntuais.
Levantado hai máis dun século, o complexo de San Caetano foi rehabilitado en 1985 como sede administrativa central da Xunta, que ten a súa sede institucional formal no Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro. Está composto por cinco edificios históricos unidos entre si con outras dependencias mesmo soterradas aos que posteriormente se engadiu un sexto bloque de catro andares con fachadas de cristal na parte posterior esquerda.
Antes da construción dos dous novos edificios, a Xunta xa investira outros 11 millóns na reforma exterior do complexo histórico
Co espazo de San Caetano ao límite, o traslado en 2021 da estación de autobuses da cidade a carón da estación de tren liberou ese emprazamento que a Xunta aproveitou para construír dous novos bloques de oficinas, cunha reserva de espazo para un futuro terceiro bloque. A demolición da estación de buses, o concurso de ideas para os edificios e a súa construción, xunto con outros gastos anexos, supuxo un investimento duns 35 millóns de euros que está a piques de rematar, pendente de amoblar o interior dos dous novos edificios.
De xeito paralelo, a Xunta acometeu en 2017 unha reforma do exterior dos edificios máis antigos de San Caetano por 6,8 millóns de euros e en 2021 do exterior do sexto edificio de cristal por 5,3 millóns. E lanzou en 2019 un concurso de ideas para a reforma interior do complexo histórico.
Esa reforma interior, que suporía a renovación de todas as instalacións interiores e o redeseño de todos os espazos de traballo, foi calculada nuns 29 millóns de euros, ao que habería que engadir o custo do propio concurso de ideas e outros gastos anexos. Ese concurso resolveuse e a Xunta chegou a adxudicar en 2020 por 859.000 euros a redacción do proxecto.
Entre as obras puntuais que fará a Xunta a falta da remodelación integral do interior do complexo está a reforma dun salón de actos por 432.000 euros logo de que quedase deserto un concurso previo por 50.000 euros menos
Agora, co remate dos dous novos edificios cun ano de demora con respecto ao previsto, parte dos departamentos e do funcionariado vai ser recolocado, pero a operación non vai ser aproveitada para a reforma interior dos edificios máis vellos. A Xunta sinala que esa actuación "non está orzamentada" e que "a prioridade" é poñer en marcha os novos edificios. Si admite que no vello complexo se están a facer "obras puntuais", como a reforma que agora vén de sacar a concurso dun salón de actos. Esa actuación foi primeiro licitada a mediados do pasado ano por 374.000 euros pero o concurso quedou deserto e agora a Xunta volve convocar outro proceso elevando o importe a 432.000 euros.
Similares actuacións de reformas puntuais, de menor importe, veñen rexistrándose nos últimos anos en varios dos edificios máis vellos de San Caetano. Unhas actuacións que o Goberno galego do PP vén desenvolvendo tras empregar hai dúas décadas como arma política contra o PSOE outras reformas parciais realizadas nun dos edificios do complexo no que tamén se emprazan as oficinas da Presidencia da Xunta. Un ataque que tamén se dirixiu contra o mobiliario que se instalou no despacho do presidente, do que Feijóo asegurou que prescindiría pero que segue a ser o mesmo.