O alto tribunal di que "incluso podería ser conveniente" que o Goberno galego fixese un documento de xestión do parque máis regulador, pero desbota esa reclamación da Sociedade Galega de Ornitoloxía porque a Lei de Parques de 2014 fíxoo "optativo"
En 2019 a Xunta aprobou o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas sen incluír nel unha regulación expresa da pesca que protexese mellor a determinadas especies de aves ameazadas, o que levou á Sociedade Galega de Ornitoloxía a recorrer o documento ante a Xustiza.
En 2021 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desbotou o recurso da organización ecoloxista, pero esta recorreu ante o Tribunal Supremo, que a pasada semana fixo pública unha sentenza na que avala a decisión xudicial previa e o documento da Xunta. Este, di, podería protexer mellor as aves, e admite que "incluso podería ser conveniente", pero conclúe que ese contido foi considerado "optativo" pola Lei de Parques nacionais aprobada en 2014 polo PP de Mariano Rajoy.
A Sociedade Galega de Ornitoloxía considera que o Plan Reitor das Illas Atlánticas aprobado pola Xunta debía incluír a respecto de varias especies de aves como o corvo mariño cristado, en perigo de extinción, "obxectivos de conservación específicos e medidas que aseguraran a compatibilidade da pesca artesanal en relación ás áreas nas que se solapan a alimentación de tales especies e a actividade pesqueira". Porén, o Supremo vén avalar a decisión da Xunta de non facelo.
Segundo o alto tribunal, "é indubidable que o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia podía ter abordado esas cuestións" que esixe a Sociedade Galega de Ornitoloxía. "Incluso podía ter sido conveniente, pero ao non ser un contido regulado que se deduza da normativa", engade o tribunal, o plan da Xunta segue sendo válido.
O Supremo di que "de existir insuficiencias regulatorias" non serían imputables ao Plan das Illas Atlánticas senón ao Plan da Rede Natura, tamén elaborado pola Xunta e que a Comisión Europea vén considerando insuficiente
O Tribunal Supremo lembra que a Lei 30/2014 de Parques Naturais, impulsada polo Goberno popular de Mariano Rajoy, "distingue os contidos obrigatorios do Plan Reitor e os meramente potestativos". E a reclamación da Sociedade Galega de Ornitoloxía entraría dentro dos segundos. O artigo 20 desa lei, di o Supremo "sinala como contido optativo -non obrigatorio- dos Plans Reitores as medidas encamiñadas a asegurar a compatibilidade da actividade tradicional e o desenvolvemento económico da contorna coa conservación do parque nacional".
O Supremo salienta que a lei estatal permite que esa cuestión pode regularse "noutros instrumentos normativos". "Así pois, en materia de protección de aves, de existir insuficiencias regulatorias como as que denuncia [a Sociedade Galega de Ornitoloxía] estas serían imputables ao Plan Director da Rede Natura 2000 Galicia antes que ao Plan Reitor do Parque Nacional", di o tribunal.
Nese outro eido normativo, o da Rede Natura, a Comisión Europea vén apercibindo a España desde hai anos pola insuficiente protección da mesma entre outros lugares en Galicia. "A Comisión considera que o Plan Director elaborado por Galicia para a xestión dos espazos Natura 2000 non cumpre os requisitos" e non fixa "obxectivos e medidas de conservación detallados e específicos", insistiu o executivo comunitario hai só catro meses.