Os dous quilómetros da autoestrada autonómica do Val Miñor necesarios para acceder ao complexo deportivo desde a circunvalación de Vigo serán gratuítos para ese percorrido
A Xunta publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación definitiva da Cidade Deportiva do Celta como proxecto de interese autonómico, o que axilizará a súa ampliación como complexo hostaleiro e de ocio a partir das instalacións xa iniciadas de xeito ilegal en 2019 nun monte comunal de Mos. O plan agora aprobado ratifica que o principal acceso ao recinto, tras as dificultades do Goberno de España para conectalo con outras infraestruturas estatais moito máis próximas, será dando un rodeo a través da autoestrada autonómica AG-57 Vigo-Val Miñor. Será nun punto separado da cidade deportiva por outros 4 quilómetros de estradas convencionais que atravesan o campus universitario de As Lagoas-Marcosende.
Para facilitar o acceso a ese novo enlace e ao complexo impulsado pola familia Mouriño, propietaria do Celta, a Xunta quitará a peaxe dos dous quilómetros da AG-57 entre ese punto e a circunvalación de Vigo (VG-20).
O novo enlace que se construirá na AG-57 como principal acceso ao complexo deportivo do Celta será pagado por esa sociedade anónima deportiva, que calcula o seu investimento en 4,6 millóns de euros. Terá entradas e saídas tanto en dirección ao norte cara á VG-20 e o nó de Puxeiros como en dirección sur cara ao Val Miñor. Estará no punto quilométrico 20 da autoestrada, que remata outros dous quilómetros máis adiante, no punto quilométrico 22, onde enlaza coa circunvalación estatal de Vigo VG-20. Dous quilómetros que quedarán sen peaxe para eses percorridos e que facilitarán especialmente o acceso ao complexo desde a VG-20, que conecta co estadio de Balaídos.
O novo enlace a iniciativa do Celta vén dar resposta a unha histórica petición do Val Miñor e a Universidade de Vigo para conectar o campus de As Lagoas-Marcosende coa autoestrada que pasa ao seu carón
Ese novo enlace, a iniciativa do Celta, virá paradoxalmente a dar resposta a unha petición longamente reclamada tanto desde o Val Miñor como desde a Universidade de Vigo, que vían como a autoestrada AG-57 pasa a carón do campus de As Lagoas-Marcosende sen que existise unha conexión directa. Esa conexión, que facilitará as comunicacións aos universitarios das comarcas do sur da cidade, executarase agora grazas ao proxecto da sociedade anónima deportiva.
Na mesma AG-57 hai, no Val Miñor, outros percorridos posibles de similar lonxitude ao novo que agora se vai crear que teñen peaxe. Así, entre o polígono comercial de Porto do Molle, en Nigrán, e a estrada que conecta A Ramallosa con Gondomar hai un percorrido posible pola autoestrada de 3 quilómetros polo que actualmente os vehículos lixeiros pagan 0,35 euros. Igualmente, entre ese último punto da Ramallosa e a primeira saída da autoestrada en Baiona hai 4 quilómetros cunha peaxe de 0,70 euros.
A Xunta xustifica que implantar peaxe nun treito tan curto non compensaría porque sería mínima para uns custos elevados
Ante esta situación confirmada este mércores no DOG este diario formulou varias preguntas á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. A Xunta xustifica que ese treito de dous quilómetros quede sen peaxe porque sería "mínima" e "implicaría uns custos operativos e de execución, nunha área topograficamente complicada e con cautelas arqueolóxicas, de liñas eléctricas, etc., condicións nas que é moi difíficl o establecemento físico dunha área de peaxe".
O Goberno galego tamén xustifica que o novo enlace non vai dar só servizo ao Celta senón que beneficiará "especialmente á Universidade de Vigo", sen aclarar por que daquela non se executou antes. A Xunta mesmo chega a asegurar que tamén beneficiará "indirectamente ao Hospital Álvaro Cunqueiro ou o polígono de Valadares, ao descargarse de tráfico a glorieta de intersección da VG-20 con Clara Campoamor".

Sobre a compensación á concesionaria da AG-57 polos novos tráficos que non pagarán peaxe, a Xunta limítase a admitir que "será necesario, en calquera caso, unha modificación concesional para a construción do novo enlace", e pon como exemplo a que requiriu en Santiago a posta en servizo do novo enlace Orbital ao norte da capital. Nese caso un treito similar da AP-9 quedou sen peaxe para os tráficos con orixe ou destino nese enlace Orbital pero non se reduciu a peaxe na porcentaxe correspondente ao resto de tráficos que circulan pola autoestrada.
A Xunta non responde á pregunta sobre se valora a posibilidade de eliminar peaxes dentro do Val Miñor nos anteditos percorridos de similar lonxitude. Sobre esa cuestión limítase a reiterar os diversos descontos que foi implantando nos últimos anos nas dúas autoestradas autonómicas como ás familias numerosas ou ás viaxes nocturnas.
O complexo impulsado pola familia Mouriño terá finalmente 30 hectáreas, sen centro comercial nin pavillón, e as súas zonas verdes públicas estarán ao fondo do complexo, nunha zona de aparcamento
A publicación este mércores no DOG do plan finalmente aprobado pola Xunta para a complexo do Celta confirma as súas cifra finais, notablemente rebaixadas a respecto do proxecto lanzado pola sociedade anónima deportiva en 2018. Se aquel proxecto afectaba a un total de 86,4 hectáreas e incluía un gran centro comercial, o agora aprobado ten 30,1 hectáreas e non contará nin con centro comercial nin con pavillón, tras recortar a empresa as súas aspiracións para así evitar novos procesos xudiciais.

Os planos do agora aprobado pola Xunta reflicten tamén que os espazos libres e zonas verdes públicas que está obrigada a ceder toda actuación urbanística de semellante envergadura foron situados ao fondo do complexo, nunha zona de aparcamento á que se accede tras bordear todo o recinto, sendo o resto de espazos libres e zonas verdes de tipo privado.