A Xunta revela as vivendas baleiras da banca ao Parlamento tras ter que publicalas por Lei de Transparencia

A conselleira e o secretario xeral de Vivenda, María Martínez e Heriberto García, na xunta de accionistas da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia a principios de xullo CC-BY-SA Xunta

Vivenda entregou o 6 de xullo ao PSdeG na Cámara os mesmos datos do seu censo de pisos baleiros propiedade dos bancos que lle negara un mes antes

A principios de xuño a Consellería de Vivenda constatou a súa negativa a revelar ao Parlamento os datos do seu censo de vivendas baleiras. Trátase dunha ferramenta creada polo propio Goberno galego en 2016 para, entre promesas dun xiro social, "coñecer a situación real das vivendas baleiras propiedade das entidades financeiras".

En resposta a unha pregunta que o PSdeG formulara en abril, o Goberno galego argumentou que non achegaba os datos á Cámara porque aquela norma de hai unha década estaba concibida para fornecer de información á propia Xunta para "facilitar a planificación das políticas públicas de vivenda" e "non se establece en ningún artigo a publicación do censo por ningún medio", o cal non implicaba prohibición ningunha.

Pouco despois Praza.gal reclamou eses mesmos datos ao abeiro da Lei de Transparencia. Dado que a petición se axustaba á normativa, Vivenda tivo que acceder a revelalos, o cal concretou nunha resposta datada no pasado 29 de xuño. Os datos, publicados e liberados integramente por este xornal poucos días despois, chegaron tamén apenas unha semana máis tarde ao mesmo Parlamento e ao mesmo grupo ao que a Consellería se negara a informar ao respecto.

Pouco antes desta nova resposta Praza.gal obtivo a información ao abeiro da Lei de Transparencia e publicouna xunto cunha liberación íntegra dos datos

Foi, concretamente, o pasado 6 de xullo ás 11:46 cando quedou rexistrada no Parlamento unha nova contestación da Consellería de Vivenda ao PSdeG a outra das preguntas que formulara sobre a mesma materia. Nela o Goberno constata que "dispón da información estatística" e anexa unha listaxe "elaborada a partir das fontes de referencia e correspondente aos últimos datos dispoñibles". 

Trátase da mesma relación que Vivenda tivo que revelar ao abeiro da Lei de Transparencia tras a reclamación de Praza.gal. Inclúe algo máis de 4.000 vivendas baleiras en 130 concellos, coa Coruña como municipio con máis destes pisos (algo máis de 300) e coa Sareb, o 'banco malo' promovido polo Estado e entidades financeiras durante a gran recesión, como principal entidade propietaria.

Os socialistas xustificaran esta petición de datos resaltando que, cando xa transcorreran dez anos, "non existe unha publicación transparente, sistemática e accesible dos datos que se obteñen a través deste censo nin se coñece a súa distribución territorial". "Esta falta de información pública impide avaliar a eficacia das políticas desenvolvidas", consideraban.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.