A Xunta saltou a lei para impedir que Adega comprobase como sanciona as plantacións ilegais de eucaliptos

Imaxe de plantacións de eucaliptos en Begonte divulgada por Adega © Adega

Medio Rural argumentou que cortar frondosas sen permiso para repoboar con eucaliptos “non implica necesariamente” incidencia no medio ambiente, nun proceso agora resolto polo TSXG no que impediu durante catro anos que os ecoloxistas coñecesen a tramitación das súas denuncias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de avalar que a asociación ecoloxista Adega ten dereito a ser considerada pola Xunta parte interesada e así poder supervisar os procedementos administrativos que derivaron de denuncias que formulou en 2014 contra plantacións ilegais de eucaliptos en Begonte. Durante catro anos a Consellería de Medio Rural impediu á organización ecoloxista comprobar como estaba a tramitar esas denuncias con argumentos como que os feitos, que o TSXG define como “corta sen autorización de frondosas” e “posterior repoboación con eucaliptos”, “non implican necesariamente unha incidencia ambiental”.

Sentenza do TSXG que recoñece o dereito de Adega a ser parte interesada e coñecer os expedientes abiertos a plantacións ilegais de eucaliptos CC-BY-SA Praza Pública

Tras denunciar formalmente ante Medio Rural as plantacións ilegais de eucaliptos en varios lugares do concello de Begonte, a asociación ecoloxista reclamou á consellería información sobre o estado de tramitación das denuncias e solicitou “personación ou recoñecemento como parte nos procedementos”. En marzo de 2017 a xefatura territorial de Lugo de Medio Rural denegoulle tanto o acceso e copia dos expedientes sancionadores que iniciara como o recoñecemento como parte interesada, argumentando que a petición de Adega non podía sosterse no dereito legal a solicitar e recibir das administracións “información ambientalmente relevante”.

Se as plantacións non tiñan incidencia ambiental, viña dicir a consellería, o solicitado non era “información ambientalmente relevante” e polo tanto non tiña por que ser entregado a Adega

Segundo argumentou Medio Rural, as actuacións tipificadas como infracción pola Lei de Montes que denunciara Adega, que a propia Xunta acabou recoñecendo que eran ilegais, “non implican necesariamente unha incidencia ambiental”. Se as plantacións non tiñan incidencia ambiental, viña dicir a consellería, o solicitado non era “información ambientalmente relevante” e polo tanto non tiña por que ser entregado a Adega por parte da administración. Medio Rural mesmo engadía que “esa incidencia no medioambiente tampouco pode sosterse por non constituír a totalidade do territorio forestal desta provincia un espazo natural protexido nin ter un réxime legal aplicabe ao efecto”, co que restrinxía o posible efecto ambiental das plantacións ilegais a só os espazos naturais protexidos.

Resposta da consellería a Adega indicando que os incumprimentos da Lei de Montes, como o denunciado de plantacións ilegais de eucaliptos, "non implican necesariamente unha incidencia ambiental" CC-BY-SA Adega

Tras denunciar as plantacións en 2014 e negarlle a Xunta ser parte nos expedientes en 2017, un xulgado deulle a razón a Adega en 2019, pero o Goberno galego recorreu e agora o TSXG ratifica que a organización ecoloxista tiña razón

Adega recorreu na vía administrativa e a consellería de Medio Rural rexeitou novamente as súas peticións en xaneiro de 2018, polo que a organización ecoloxista recorreu á xustiza ordinaria. En decembro de 2019 un xulgado do contencioso administrativo de Lugo deulle a razón e confirmou que a Xunta tiña que atender as súas peticións porque a lei, derivada do convenio internacional de Aarhus, prevé o acceso a información ambiental, especialmente a unha organización que ten como fin protexer o medio ambiente. “Non sería lóxico negar o interese desta asociación para ser parte nun procedemento sancionador que foi incoado xustamente á súa instancia, porque se isto fose así se lle estaría negando o dereito a recorrer eventuais resolucións que no marco do mesmo se ditasen que fosen contrarias, ao seu entendemento, da protección do indicado medio ambiente que constitúe o seu principal obxecto social”.

“Que fose denunciante tampouco a priva da súa condición de interesada en atención aos fins que prevén os seus estatutos", di o TSXG de Adega

A Xunta recorreu esa sentenza ante o TSXG e agora, catro anos despois da resolución administrativa coa lle negou ser parte interesada, o tribunal ratifica a sentenza anterior, o que debe dar a Adega acceso a todo o procedemento administrativo. O TSXG salienta que “por ser denunciante, de maneira automática non se converte en parte interesada no procedemento”, pero engade que “que fose denunciante tampouco a priva da súa condición de interesada en atención aos fins que prevén os seus estatutos, máxime cando se trata de procedementos en que tras a presentación da denuncia e correspondente sanción, finalizaron coa imposición de sanción”.

Plantación de eucaliptos en Begonte denunciada por Adega © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.