Tras desviar fondos da partida de imprevistos para mercar un local de tres plantas na principal avenida da capital arxentina, agora o Goberno galego volve mudar os seus orzamentos para engadir máis cartos cos que reformar tanto o interior como a fachada
Pase o que pase coa campaña xudicial da dereita para que o 29 de novembro non poidan votar as persoas que obtiveron a nacionalidade española grazas á Lei de Memoria Democrática vixente desde hai catro anos, en Arxentina seguirán podendo facelo unhas 180.000 persoas inscritas previamente no Censo de Residentes Ausentes (CERA) nalgunha das circunscricións galegas. Ese colectivo de emigrantes e descendentes, o maior da diáspora galega, sempre foi especialmente atendido polas administracións galegas e agora a Xunta está embarcada nun proxecto de renovación da súa sede institucional na capital arxentina, Bos Aires, co que seguir coidando esas relacións.
Hai uns meses o Goberno galego autorizou a compra dun céntrico local nesa cidade por 1,4 millóns de euros que tivo que desviar da partida de imprevistos dos seus orzamentos. E agora volve evidenciar a falta de planificación desa compra ao modificar novamente os seus orzamentos deste 2026 para engadir máis cartos á operación, 368.000 euros, cos que reformar tanto o interior como a fachada do local.
O local que vén de mercar a Xunta para a súa nova sede en Bos Aires sitúase formalmente no número 990 da avenida Belgrano, onde ata finais de 2024 funcionou unha sucursal do Banco Galicia. Pero é unha esquina que dá tamén á Avenida 9 de Xulio, a principal rúa da capital arxentina, na que a uns poucos centos de metros está o famoso e recoñecible Obelisco.
Cunha superficie de 730 metros cadrados distribuídos en tres niveis -subsolo, baixo e primeiro andar-, o Executivo galego dixo mercar o local coa intención de "ampliar a capacidade de servizo á cidadanía" e "reforzar a visibilidade institucional". Mesmo antes do inicio das reformas para as que agora vén de modificar os seus orzamentos, a Xunta instalou un gran letreiro corporativo no exterior dun espazo para o que contempla funcións administrativas e tamén a celebración de eventos culturais, "encontros institucionais e reunións empresariais", así como finalidades de promoción turística.
Todo, baixo o principio político xeral do "compromiso da Xunta coa comunidade galega no exterior, con especial atención á Arxentina" e a Bos Aires, que enxalza coa "tradicional" consideración de "quinta provincia galega".
Foi en maio cando o Goberno galego tramitou unha modificación dos seus orzamentos deste 2026 por 1,42 millóns de euros saídos da partida de imprevistos e destinados a mercar o local de Bos Aires. E agora a Xunta vén de comunicar ao Parlamento que en setembro aprobou unha segunda modificación orzamentaria de 368.000 euros "para acometer a reforma do inmoble adquirido".
A nova sede xa foi presentada polo responsable de Emigración da Xunta e o delegado en Bos Aires, os dous con cargos tamén relevantes na captación do voto emigrante dentro da dirección estatal do PP de Feijóo
Segundo di, "para adaptalo a este novo uso é necesario facer unha obra de reforma dos espazos interiores, así como actuar sobre a súa fachada". Será cuns cartos que inicialmente estaban previstos para outras actuacións da Consellería de Emprego e Emigración: 150.000 euros para traballos de asesoramento en materia de emprego, 135.000 euros para actuacións "urxentes" de mellora enerxética nas súas propias instalacións e 83.000 euros de bolsas á mocidade emigrante.
Tras mercar o local e antes de poñer en marcha a súa reforma a Secretaría Xeral da Emigración organizou a comezos de xullo unha presentación da nova sede para "representantes dos centros galegos e membros da colectividade galega", acto presidido polo seu titular, Antonio Rodríguez Miranda, e mais polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro. Ambos cargos foron integrados en 2022 por Feijóo na dirección estatal do PP como "secretario no exterior" e "representante en Iberoamérica", respectivamente. Isto é, dous cargos fundamentais para a captación do voto emigrante. Miranda, de feito, vén de ser integrado no actual comité de campaña do PP para o 29N como responsable de "voto exterior".