Rueda espera que facilite "a transmisión de case 140 explotacións ata 2026" despois de que outra medida similar para aldeas abandonadas implantada en 2021 só incorporase seis inmobles en dous concellos
A finais de 2020 Alberto Núñez Feijóo prometeu que no marco da nova lei de recuperación da terra agraria de Galicia que impulsaría o PPdeG incluiría a creación dun Banco de Explotacións para facilitar a continuidade de granxas cuxos propietarios quixesen abandonar a actividade, por xubilación ou outros motivos. Aquela lei comezou a tramitarse a comezos de 2021, con esa e outras medidas como a moratoria de novas plantacións de eucalipto ou un novo impulso ao Banco de Terras, creado polo BNG en 2007 e criticado daquela polos populares como unha "incautación" de terras ou "sovietización encuberta".
Se o Banco de Terras pretende mobilizar terras improdutivas e alugalas a quen queira traballalas, o Banco de Explotacións diríxese a unha fase previa, ao momento en que o propietario dunha explotación agrícola, gandeira, forestal ou mixta dalgún deses tipos quere deixala polo motivo que sexa. Nese momento pode comunicar esa situación á Xunta e mesmo o prezo de venda ou alugueiro, e o Goberno galego incorpora esa explotación ao banco para que posibles interesados nela teñan coñecemento da súa situación.
A medida foi prometida por Feijóo a finais de 2020 e aínda agora vén de ser activada pola Xunta
A lei que regula o Banco de Explotacións entrou en vigor en maio de 2021, pero non é ata agora, case catro anos despois, que a Xunta activa esa medida, que na práctica é un visor como os que empregan as inmobiliarias. O inicio do seu funcionamento foi anunciado o luns polo presidente Rueda como unha medida "que vai promover a remuda xeracional no agro galego" e evitar "o peche" de empresas agrogandeiras coa previsión de que o novo instrumento poida "facilitar a transmisión de case 140 explotacións ata 2026".
A web habilitada polo Goberno galego xa está dispoñible, de momento sen ningunha explotación cargada á espera de que se lle comecen a comunicar por parte dos interesados cun modelo de solicitude que vén de ser publicado no DOG este mércores.
Un visor similar foi tamén creado pola Xunta en 2021 para publicitar aldeas e inmobles abandonados no rural. Unha medida que se incluíra na lei de rehabilitación aprobada en 2019 e que tamén tardou máis de dous anos en activarse. En todos estes anos a web só incorporou seis inmobles en dous concellos.