A Xunta xustifica a fin da xestión presencial das fianzas de alugueiros en que grandes propietarios abusaban do sistema

A conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai un mes que as oficinas nas sete cidades do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) deixaron de tramitar o obrigatorio depósito ou devolución de fianzas, o que para o BNG só beneficiará a xestorías privadas

O pasado agosto as oficinas do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS) suprimiu a tramitación presencial do obrigatorio depósito ou devolución das fianzas de alugueiros. Para os dous trámites hai que presentar un impreso de autoliquidación, pero se ata hai un mes ese impreso podía ser cuberto nas propias oficinas do IGVS polo seu persoal cos datos que lle facilitaba a persoa interesada e xa quedaba alí rexistrado o trámite, agora nas oficinas só facilitan asesoramento, pero o interesado terá que cubrir el mesmo o impreso e presentalo noutro rexistro. 

Segundo o director xeral do IGVS, Heriberto García Porto, o cambio, que segundo o BNG afecta a persoas maiores que non son quen de facer os trámites pola súa conta, foi motivado porque grandes propietarios de vivendas abusaban da tramitación presencial. 

Alexandra Fernández, deputada do BNG e voceira da formación en materia de vivenda no Parlamento © BNG

As mudanzas na xestión presencial das fianzas por parte do IGVS foron avanzadas por Praza.gal a comezos de agosto, cando o instituto fixo pública unha nota na súa web cos cambios. Este diario comprobou con fontes internas do IGVS e cunha chamada a unha oficina que a mudanza supuña suprimir a tramitación presencial das fianzas e limitar a atención ao público das oficinas nese eido a un asesoramento "ata certo punto".

"É certo que asesorar e informar non é o mesmo que realizar o trámite de cumprimentación da solicitude", admite o director do IGVS, que di que "non estaban solicitando ese servizo os pequenos propietarios senón os grandes"

Ante estas mudanzas o BNG presentou unha pregunta parlamentaria e este mércores o director do IGVS compareceu no Parlamento. Segundo dixo, "é certo que asesorar e informar non é o mesmo que realizar o trámite de cumprimentación da solicitude, que foi o único que se fixo coa nota aclaratoria do mes de agosto". Porén, García Porto limitou o alcance da supresión e asegurou que "non estaban solicitando ese servizo os pequenos propietarios senón os grandes", no que presentou como un abuso da tramitación presencial por parte dos segundos, que teñen capacidade para facer as xestións por outras vías telemáticas.

Web do IGVS na que informa dos novos procedementos de tramitación das fianzas de alugueiros a partir do 15 de agosto de 2023 CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa banda, a deputada do BNG Alexandra Fernández criticou que a redución de servizos nas oficinas do IGVS só beneficiará ás xestorías privadas ás que poden ter que recorrer as persoas que non sexan quen de facer os trámites pola súa conta, como xa está a ocorrer noutros moitos eidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.