Anova non participará en ningunha das candidaturas que concorrerán nas circunscricións galegas para as eleccións xerais do 28 de abril. A menos de doce horas para o peche do prazo legal do rexistro de coalicións, ás 23:59 deste venres 15 de marzo, a formación impulsada por Xosé Manuel Beiras e actualmente liderada por Antón Sánchez constatou que as negociacións con Podemos e Esquerda Unida non frutificaron nunha coalición a tres bandas e desbota, asemade, outras opcións como presentarse en solitario.
Aspectos como a designación das persoas para encabezar as listas da Coruña e Pontevedra tornaron en obstáculos insalvables nas negociacións, que se prolongaron ata este xoves
As negociacións para esta alianza estendéronse durante as últimas semanas e chegaron ata este mesmo xoves, segundo fontes consultadas por Praza.gal. No entanto, aspectos como a adscrición das persoas que encabezarían as candidaturas pola Coruña e Pontevedra, nas que a priori a alianza tería máis posibilidades de obter representación, tornaron en obstáculos insalvables.
Pola banda de Podemos e EU, que en gran parte das circunscricións xa teñen pechada a súa alianza baixo o nome Unidas Podemos, apostouse por Antón Gómez-Reino como número un da candidatura coruñesa e por Yolanda Díaz nese mesmo posto en Pontevedra. Gómez-Reino e Díaz foran primeiro e segunda na lista de En Marea nas anteriores xerais, nas que Miguel Anxo Fernán-Vello, de Anova, encabezara a candidatura por Lugo e Alexandra Fernández, a de Pontevedra. As formacións tampouco deron pechado un acordo sobre eventuais quendas nos escanos no caso de non obteren representación todos os socios da alianza.
"Non se dan as condicións condicións políticas para que Anova poida asinar un acordo semellante ao que deu orixe á coalición En Marea"
Na súa explicación da decisión de non concorrer Anova subliña que a súa aposta foi a de crear "unha fronte ampla para as eleccións xerais" e que por iso "mantivemos conversas con Podemos Galicia e con EU, forzas coas que vimos compartindo espazos e alianzas", pero "non conseguimos pechar un primeiro acordo que pode trasladar a outras forzas políticas". "O BNG desbotou a oferta de diálogo e En Marea fixo outro tanto, remitíndonos ao seu proceso de primarias", agregan.
Neste escenario consideran que "non se dan as condicións políticas para que Anova poida asinar un acordo semellante ao que deu orixe á coalición En Marea" nos comicios xerais de 2015 e 2016 porque esas condicións "pasan pola imprescindible coralidade do espazo en clave de ruptura" aínda que "a proximidade das eleccións municipais fixo que as mareas municipalistas" non se "implicasen" neste proceso. Así e todo, agregan, esta decisión é independente dos comicios locais, cara aos que "seguiremos o proceso de diálogo para apoiar e impulsar candidaturas de unidade popular".
Deste xeito, o que en 2015 e 2016 foi unha única opción electoral baixo as siglas En Marea, daquela como coalición, serán definitivamente dúas e en ningunha delas participará Anova. Por unha banda concorrerá En Marea, que esta fin de semana fará oficial a presentación das súas candidaturas ao 28A unha vez concluído o seu proceso de primarias. Por outra presentarase a coalición de Podemos e Esquerda Unida, que nas últimas semanas barallaron a marca Galicia en Común entre as posibilidades para denominar a alianza con Anova que, finalmente, non se producirá.