Aval institucional á procura de medio cento de asasinados polos golpistas en Narón coa Xunta ausente

O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada na Coruña, María Rivas, representantes do Concello de Narón e do grupo Histagra, no cemiterio naronés do Val © Delegación do Goberno de España en Galicia

No cemiterio do Val "seguen a aparecer indicios que apoian a hipótese da localización da fosa", onde estudarán se é tecnicamente posible exhumar os restos das vítimas, para o que cumprirían as autorizacións das familias

Dende o pasado día 4 están outra volta en marcha no cemiterio naronés do Val os traballos coordinados polo grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago á procura dos restos de ata medio cento de persoas asasinadas polos golpistas. A maioría eran mariños de varios buques, foron fusilados a finais de 1936 e os seus corpos, guindados á considerada como unha das maiores foxas comúns de Galicia.

Este pasado xoves os labores a pé de foxa foron visitados por unha ampla comitiva institucional encabezada polo delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, como representante do Executivo que financia os traballos ao abeiro do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática. Ese financiamento é realizado a través de transferencias aos Orzamentos da Xunta, que se limita a achegalos ao devandito grupo universitario mediante un convenio, evitando calquera significación pública.

Traballos á procura dos restos de persoas asasinadas polos golpistas no cemiterio do Val (Narón), este 7 de novembro durante a visita institucional

Esa ausencia da Xunta volveuse producir no reinicio dos traballos do que será a parte final do primeiro Plan Cuadrienal -o Goberno de España ten previsto lanzar outro para o período de 2025 a 2028-. Así o Executivo galego non participou na visita de Blanco (PSdeG) canda á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro (Terra Galega), outros membros do goberno local e da corporación municipal naronesa. Pero tampouco o fixo de maneira independente, cunha visita específica como a que si realizou nos últimos días, por exemplo, o secretario xeral o PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

O delegado do Goberno de España en Galicia, a alcaldesa de Narón e outros representantes institucionais e locais visitan o reinicio dos traballos mentres que a Xunta, que canaliza os fondos achegados polo Estado ao grupo Histagra da USC, evita achegarse

Deste xeito, a intervención da Xunta volveuse limitar á sinatura a través de internet do convenio para asignar a Histagra os cartos que corresponderon a Galicia para 2024 dentro do Plan Cuadrienal. As sinaturas foron as do conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, e mais a do titular de Cultura, José López Campos. Ao contrario que noutros convenios, ningún dos dous dirixentes optou por celebrar acto presencial ningún.

Os fondos achegados as Galicia pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática superan os 435.000 euros e case a metade canalizáronse a través da Xunta, lembrou Pedro Blanco na visita ao cemiterio naronés, onde recibiu explicacións dos traballos por parte do catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, coordinador de Histagra. "Supón unha media de 103.000 euros ao ano para investigacións, publicacións e exhumacións" que procuran "restituír a memoria das vítimas do franquismo; un acto necesario para que as familias poidan dar sepultura aos seus seres queridos como merecen".

Traballos á procura da foxa común do Val, durante a visita institucional deste 7 de novembro de 2024 © Delegación do Goberno de España en Galicia

No caso concreto de Narón, explican dende Histagra, "a intervención en curso abarca diferentes catas na zona frontal dos nichos localizados ao fondo da parte antiga do cemiterio e unha das esquinas laterais". "Seguen a aparecer indicios que apoian a hipótese de localización da fosa nese lugar e falta por ver en que medida afectou a construción dos nichos á súa integridade", especifican.

O Goberno de España vén de encomendar a Histagra elaborar o primeiro censo estatal de vítimas do franquismo, unificando coa súa metodoloxía os diversos censos existentes no Estado

Esta fase dos traballos tenta determinar se sería tecnicamente posible realizar unha exhumación. Se o fose, a fase seguinte pasaría por contactar coas familias das persoas asasinadas para autorizárena. Por parte do goberno local, destacan que "trasladaron ao equipo o apoio do Concello naquelas áreas nas que fose preciso para continuar avanzando nestes traballos e saldar unha débeda histórica cos milleiros de persoas asasinadas na Guerra Civil e na posguerra".

O labor en materia de memoria histórica do equipo coordinado por Histagra, tanto ao abeiro do Plan Cuadrienal como anteriormente no proxecto interuniversitario Nomes e Voces, é recoñecido polo Goberno de España non só co apoio ás pescudas en Galicia. Así, Blanco ratifica que o gabinete de Pedro Sánchez "vén de encargar" a Histagra "os traballos para unificar os censos" de vítimas do franquismo para elaborar o primeiro censo estatal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.