Ayuso tiña moi claro o inimigo do Partido Popular nestas eleccións galegas e cargou con toda a artillería contra o BNG e, de paso, contra todos os proxectos nacionalistas
Ayuso tiña moi claro o inimigo do Partido Popular nestas eleccións galegas e cargou con toda a artillería contra o BNG e, de paso, contra todos os proxectos nacionalistas. O medo, xa se sabe, pode ser unha poderosa arma de persuasión. “Non respectan as tradicións nin os gustos da xente. Únense aos violentos para infundir terror. Non hai nacionalismo sen o seu sicario ao lado. Agora sabemos que o BNG vai ir ás eleccións europeas cunha lista cunhas confluencias encabezadas por un etarra”, relatou
A presidenta do Partido Popular de Madrid irrompeu este xoves en Vigo na campaña galega para arroupar o candidato Rueda nun mitin celebrado na Estación Marítima, que se encheu de simpatizantes ata ateigar o lugar. Había ata quen portaba unha parcarta co lema da presidenta: “Me gusta la fruta”. “A todos nos gusta a froita, en Vigo e en Galicia, así que benvida”, dixo a presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, nun dos seus últimos actos no cargo.
"Cando teña a sorte de pasear entre montes de eucaliptos, quero ter a certeza de que sigo a facelo na miña casa, en Galicia"
“España non aguanta máis nacionalismos nin máis caraduras. Eu veño desde Madrid a pedir a Galicia que apoie a España enteira”, dicía unha emocionada Ayuso, que alertaba de que o Goberno socialista do Estado está a empregar estas eleccións para afundir a Galicia no nacionalismo mediante un proxecto de desmembramento de España “perfectamente organizado desde Moncloa”.
A presidenta da Comunidade de Madrid relatou incluso o caso dunha persoa andaluza que vive en Galicia e que ten medo de que cambie o goberno porque entón terá que marchar. “Eu quero saber que cando aterre na Baía de Vigo, espectacular, entre bateas e hórreos, ou teña a sorte de pasear entre montes de eucaliptos, quero ter a certeza de que sigo a facelo na miña casa, en Galicia”, asegurou mentres algún que outro rostro expresaba sorpresa pola referencia á especie invasora.
Entre o público -1.500 persoas, segundo a organización- atopábanse simpatizantes do PP procedentes doutros países latinoamericanos que portaban algunhas bandeiras. Ayuso referiuse a eles expresamente: “Veñen do futuro e dinnos sempre: ‘xa perdín un país, non quero perder outro’. Fáganlles caso”, dixo, deixando caer, outra vez, a semente do medo a un goberno de esquerdas.
Tamén entre o público estaba Rafa Cuíña, quen fora membro do Partido Popular como o seu pai, Xosé Cuíña -conselleiro con Fraga-. O ex alcalde de Lalín relataba vía Twitter o que estaba a ver en Vigo.
“O nacionalismo, é dicir, o BNG, non é amor a Galicia, é odio ao alleo, ao outro”
Aínda que facía pequenas concesións, Ayuso non desviaba o tiro, que ía directo á formación liderada por Ana Pontón. “O nacionalismo, é dicir, o BNG, non é amor a Galicia, é odio ao alleo, ao outro”, dixo, ao tempo que alertaba de que tamén queren expulsar á Garda de Civil de Galicia.
Tampouco faltaron Cataluña e a aministía durante o mitin de Ayuso e a consecuente ameaza de que en Galicia se repitan políticas similares. “Iso é o que queremos en Galicia, que marchen os médicos porque fan as cousas dun ou doutro xeito, son mellores ou peores galegos, estamos niso?
O AVE de “agárrame el cubata”
A presidenta madrileña asegurou que non lembra “unha campaña tan sucia”. Son “cinco contra un: Moncloa, PSOE, Sumar, BNG e ata o Congreso” dixo, e aludiu ás numerosas mentiras que tiveran que escoitar como por exemplo sobre a súa oposición ao AVE Vigo-Lisboa.
Para a popular iso foi unha ocorrencia do alcalde de Vigo, que buscaba meterse un pouco con ela, e teatralizou unhaposible conversa entre o rexedor e un compañeiro. Caballero: “Pois vou dicir que se o AVE non chega a Vigo é culpa súa”. Compañeiro: “Non terás valor” e Caballero di “suxéitame o cubata”.
“A min, que non me invitan nin ás inauguracións dos AVE, agora dependen de min os trazados. Claro”, ironizou
Rueda apela aos "socialistas de boa fe"
Pola súa banda o candidato do PP á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, tamén se referiu ao tren. “Estou desexando que haxa cantas máis liñas de AVE mellor”, dixo.
Rueda seguiu a estela da suá antecesora na palabra e apelou á liberdade ante “esas imposicións que empezan dicindo como tes que falar para pasar inmediatamente a como hai que pensar”, indicou. Defendeu que Galicia vai a seguir a reclamar “o que nos corresponde sen romper nada”, asegurou.
Durante o seu discurso volveu facer un chamamento aos “votantes socialistas desencantados, alucinados e descontentos” que “non recoñecen o que fora o seu partido de toda a vida” porque, segundo indicou, está renunciando aos seus principios para que “o xefe siga máis no seu posto”.
O candidato popular apelou aos “socialistas de boa fe que senten que as cousas poden facerse doutra maneira, que non queren separatismo en Galicia” e díxolles que “esta vez poden confiar en nós”.