Besteiro: "Mentres unha familia con dúas fillas paga 700 euros en libros, o PP baixa impostos a quen máis ten"

José Ramón Gómez Besteiro amosa libros de texto e o tícket que acredita un custo superior a 700 euros pola súa compra CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG exemplifica co gasto dos libros dunha estudante de 6º de Primaria e doutra de 3º a ESO os "malabarismos" económicos das familias galegas no inicio do curso pola ausencia da gratuidade dos manuais, que reivindica como "modelo socialista"

O secretario xeral do PSdeG acudiu este luns ao Parlamento acompañado de libros de texto e dun tícket de compra no local onde foron adquiridos. É o dunha familia galega cunha filla que esta semana principia 6º de Primaria e outra, 3º da ESO. En total, 702,89 euros aos que cómpre engadir o material escolar de cada unha e outros libros aínda pendentes.

"Esta é só unha dos milleiros de familias galegas que teñen que facer malabarismos" estas semanas para afrontar "os máis de 600 euros por estudante" que, sinala José Ramón Gómez Besteiro, vén supoñendo en cifras redondas o inicio de curso. Isto sucede, di, mentres o Goberno do PP se nega a recuperar a gratuidade dos libros de texto, pero tamén "mentres segue a baixarlle os impostos aos que máis teñen".

Besteiro amosa o tícket que acredita un custo superior a 700 euros para a compra dos libros de texto de dúas irmás dunha familia galega

Lamenta Besteiro que, a efectos prácticos, "a Xunta descargue sobre as costas das familias" custos coma estes "mentres as súas bonificacións fiscais para as familias máis ricas" supoñen en total, calcula, "deixar de ingresar 685 millóns de euros de cartos públicos". "Disto tamén é do que se fala cando falamos de financiamento da Xunta", sinala.

Besteiro advirte de centros que principian o curso 24-25 "sen titores asignados nin profesorado de apoio"

Neste contexto, o líder do PSdeG insta a contrastar "o modelo do PP", que consiste en "nada de gratuidade" e "facer máis custosa a suba de setembro" para as familias" co "modelo socialista, que xa se puxo en práctica" en Galicia durante o período do Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño coa "gratuidade dos libros de texto". Ese é o modelo que o PSdeG reclama recuperar a través dunha moción que o Parlamento vota este martes para reclamar que a Xunta "asuma o custo dos materiais curriculares obrigatorios" no ensino público.

Besteiro subliña esta demanda cara a un inicio de curso que, di, tamén está a caracterizarse pola "descoordinación e a falta de previsión" que dá lugar, por exemplo, a que o curso principie nalgúns centros "sen titores asignados nin profesorado de apoio" ou ao "incumprimento por parte da Consellería de Educación do acordo asinado con sindicatos educativos para fixar o número de alumnos por aula". "Marca PP, asinar acordos para non levalos a cabo", lamenta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.