Caballero conclúe que a Xunta "non resolve as carencias" de prazas para maiores ata que intervén a Fundación Amancio Ortega

Gonzalo Caballero e membros dos grupos parlamentarios do PSdeG, este domingo 15 de setembro en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Gonzalo Caballero: "Témoslle que recoñecer á Fundación Amancio Ortega os seus esforzos para cumprir coas necesidades sociais de Galicia alí onde Feijóo non cumpre"

Esta semana a Xunta rubricaba coa Fundación Amancio Ortega polo cal a entidade asumirá a construción das sete residencias de maiores, unha en cada unha das principais cidades galegas, que o Goberno galego anunciaba dende 2017. Finalmente non será a Xunta a que asuma o curso do que Alberto Núñez Feijóo anunciara como principal proxecto en materia de atención á dependencia no horizonte de 2020 e non estarán construídas nesta lexislatura. Tampouco custarán os 47,7 millóns inicialmente calculados polo Executivo nin os 66 despois reflectidos nos Orzamentos Xerais, senón 90 millóns achegados dende a entidade creada polo fundador de Inditex. 

O anuncio fixo rexurdir outra volta en diferentes ámbitos o debate sobre o papel das doazóns desta fundación que xa estivera presente no debate público galego cando, por exemplo, a entidade sufragou en 2015 os equipamentos médicos para o tratamento do cancro cuxa compra a Xunta tramitaba dende 2013 e non daba culminado. A ese debate sumouse este domingo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Recreación dunha das residencias, nunha imaxe divulgada pola Xunta e a Fundación Amancio Ortega © Xunta / Fundación A.Ortega

Para o tamén candidato socialista á presidencia cómpre "recoñecer á Fundación Amancio Ortega os seus esforzos para cumprir coas necesidades sociais de Galicia". Pero tamén subliñar outra volta "teñen que ser iniciativas dende a sociedade civil e dende o ámbito privado as que suplan o que a Xunta debería prover por si mesma". Non en van, advertiu en declaracións á prensa no marco da xuntanza da Interparlamentaria do seu partido, Galicia padece unha "fenda de 14.000 prazas en residencias de maiores" a respecto do marcado "nos baremos da OMS" e Feijóo "non o resolveu" nos seus dez anos no poder.

O PP retruca preguntándose se o líder do PSdeG "quere dicir que, se el gobernase, non aceptaría doazóns que mellorasen os nosos servizos sociais"

"As carencias que Feijóo non foi quen de cubrir téñenas que cumprir dende outros ámbitos como a Fundación Amancio Ortega", resume Caballero, para quen "nestas últimas xornadas" cadraron dúas circunstancias que evidencian que "o proxecto político de Feijóo" está "esgotado" e "non cumpre". Nestes dez anos Galicia padeceu "recortes en políticas sociais sen precedentes", dixo en referencia ao recente informe Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais e ao tempo, un deses "déficits" non é cuberto ata que intervén a devandita entidade privada.

Mentres Caballero presenta esta coincidencia como mostra de que o "tempo político de Feijóo" está "finado", pola banda do PPdeG cargaron contra o socialista por estas declaracións poucas horas despois. A través das redes sociais a formación conservadora preguntouse se Gonzalo Caballero "quere dicir que, se el gobernase, non aceptaría doazóns que mellorasen os nosos servizos sociais". "O líder dos socialistas galegos debería aclarar estas declaracións", agregan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.