A mellora do ferrocarril entre os dous estados segue pendente de datas certas á espera de que avancen os estudos previos aínda non rematados aos dous lados da fronteira
O mosteiro da Rábida, en Palos da Fronteira, Huelva, acolle este venres 6 de febreiro a XXXVI Cimeira Ibérica. Un encontro internacional que se vén celebrando case todos os anos desde 1983 pero que Galicia só acolleu en dúas ocasións, a última hai máis dunha década. Desta volta, como nos últimos anos, a atención volverá estar posta na mellora das conexións ferroviarias transfronteirizas, aínda sen datas certas á espera de que avancen os estudos previos todavía non rematados nas dúas beiras do Miño.
Desde o comezo das cimeiras ibéricas en Sintra en 1983, con Mario Soares e Felipe González, estes encontros bilaterais veñen celebrándose de xeito alterno nun ou noutro estado case todos os anos, con lixeiras demoras duns meses agás entre xaneiro de 2009 e maio de 2012, cando non se celebrou ningunha. Das 36 reunións incluída a deste venres, Galicia só acolleu dúas, en 2004 en Santiago e en 2015 en Baiona.
Toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a terceira máis antiga de toda a Unión Europea, só acolleu nove encontros, sumando sete no norte de Portugal aos dous de Galicia. Unhas cifras que son superadas pola decena de reunións que España decidiu celebrar na Meseta, con catro en Madrid e Estremadura e tres en Castela e León. España mesmo chegou a levar as cimeiras a lugares tan afastados da fronteira como Mallorca e Valencia.
Na última cimeira, en outubro de 2024 en Faro, Portugal priorizou o AVE Vigo-Porto e España situouno dous anos despois do Madrid-Lisboa
No que respecta ao encontro deste ano, o tren, como en anos anteriores, segue concitando as principais expectativas. Na última cimeira, en outubro de 2024 en Faro, Portugal, a declaración final non incluíu datas concretas sobre os enlaces ferroviarios.
Tiveron que ser as preguntas dos xornalistas as que fixeron que o conservador portugués Luís Montenegro declarase a "prioridade" da "ligação Lisboa-Porto-Vigo-Madrid" situando como "segunda prioridade" de Portugal a conexión "Lisboa-Madrid vía Évora-Badaxoz".
Pola contra, desde o lado español Pedro Sánchez dixo manter o "compromiso" de que a conexión Lisboa-Madrid por Badaxoz estea rematada "en 2030", mentres que no referente á conexión Porto-Vigo "o compromiso que compartimos co Goberno portugués é 2032".
Porén, todas esas datas están aínda no aire xa que ningún dos dous estados rematou aínda os estudos previos nin sequera para definir o trazado concreto entre Vigo e Tui no caso de España e entre Braga e Valença no caso de Portugal.
O Ministerio de Transportes vén de adiar un ano máis o remate do que vai ser o quinto grande estudo para a saída sur de Vigo
En España o Ministerio de Transportes vén de adiar un ano máis o remate do que xa é o quinto grande estudo para a conexión directa baixo terra entre Vigo e O Porriño sen dar un rodeo por Redondela que resulta clave para unha futura liña de alta velocidade ao Porto. Despois aínda haberá que facer a avaliación ambiental, redactar o proxecto e contratar e executar as obras dunha liña que todos os partidos presentan como prioritaria desde hai un cuarto de século.
Lonxe queda xa a XIX Cimeira Ibérica de Figueira da Foz na que en 2003 foi asinado o primeiro memorando entre os dous estados para impulsar unha nova conexión ferroviaria Vigo-Porto.