Cinco anos despois de prometelos Feijóo aínda non hai data para os centros de coidados intermedios

Rueda, Feijóo e a conselleira de Política Social, Fabiola García, á dereita de todo, e sucesivos contratos para os centros de coidados intermedios, aínda sen data © Imaxe: PPdeG | Montaxe: Praza Pública

Anunciados no debate da autonomía de 2021, Política Social non dá prazos tras gastar xa 1,1 millóns na adaptación en Santiago do infrautilizado Cegadi e mentres destina outros 11,6 millóns á rehabilitación do antigo hospital do Rebullón en Mos para o mesmo fin

No debate de política xeral de 2021, similar ao que comeza este mércores no Parlamento de Galicia, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciaba que crearía "as primeiras unidades de coidados intermedios da historia de Galicia, nas que se atenderá ás persoas que, tras recibir a alta hospitalaria, necesitan acompañamento social durante un tempo determinado, antes de volver ás súas casas". 

Cinco anos despois eses centros de coidados intermedios aínda non existen e a Consellería de Política Social, que xa destinou a eses centros máis de 12 millóns de euros, parte deles transferidos polo Estado, non é quen de dar un prazo para a apertura do primeiro nin indicar se estará en Santiago ou en Mos. Ao tempo, o Defensor del Pueblo vén poñendo o foco no volume de persoas que ven prolongada a súa estancia en hospitais "por razóns de etioloxía social" e xa non por necesidades sanitarias e o pasado decembro pediu á Xunta que contabilice eses casos.

Feijóo durante o debate de política xeral de 2021 no que anunciou os centros de coidados intermedios © Parlamento de Galicia

Foi durante a pandemia da Covid-19 cando xurdiu a necesidade de crear centros de coidados intermedios para persoas que non precisaban unha atención tan específica como a hospitalaria pero que tampouco estaban en condicións de retomar a súa vida previa fose nos seus domicilios ou en residencias de maiores. Tras o anuncio de Feijóo no debate sobre o estado da autonomía de outubro de 2021, a Xunta tirou de fondos europeos no marco do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno de España para impulsar o que supostamente ía ser o primeiro centro de coidados intermedios en Santiago.

Política Social anunciou que o primeiro centro de coidados intermedios, en Santiago, abriría a comezos de 2024, pero agora non é quen de dicir cando será ou se o de Mos pasou a ser prioritario

Como parte da liña de acción dese plan estatal de modernización dos servizos sociais, a Consellería de Política Social convocou a finais de 2022 un concurso público para remodelar, novamente, o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) e habilitar nel ese primeiro centro de coidados intermedios. Pensado en 2008 pola Xunta de PSdeG e BNG como o gran centro de discapacidade de Galicia, a construción do Cegadi rematouse en 2013 e permaneceu sen uso ata 2018. Despois a Xunta reubicou nese mesmo edificio a súa fundación de tutela de persoas adultas (Funga) e o centro de coidados intermedios viña ser un novo xeito de dotar de contido un edificio infrautilizado.

Política Social adxudicou o contrato de 1,1 millóns de euros para remodelar o Cegadi e habilitar nel "o primeiro centro de coidados intermedios" a comezos de 2023 e a conselleira, Fabiola García, anunciaba daquela que estaría aberto a principios de 2024 con 60 prazas. Tamén avanzaba que se abriría un "segundo centro destas características no antigo hospital do Rebullón, en Mos".

Instalacións do infrautilizado CEGADI no barrio compostelán de Salgueiriños CC-BY-SA Praza Pública

Pero o prazo dado pola conselleira para a apertura do centro de coidados intermedios de Santiago no Cegadi pasou hai xa dous anos sen que se producira tal feito. E agora Política Social vén de convocar un concurso, aínda pendente de adxudicación, para a remodelación do antigo hospital do Rebullón de Mos tamén como centro de coidados intermedios, desta volta cun orzamento de 11,6 millóns de euros, dez veces máis do xa destinado ao centro de Santiago. 

Ante a demora de máis de dous anos na apertura do centro de coidados intermedios de Santiago e o anuncio do novo investimento dez veces superior no centro de Mos este diario preguntou en varias ocasións nos últimos dous meses -desde a convocatoria do segundo concurso- a Política Social polos seus plans ao respecto. Praza.gal preguntou que previsións hai para a apertura do centro no Cegadi de Santiago, que uso teñen os espazos nos que se realizaron as obras hai xa máis de dous anos e que prioridades ten en xeral a consellería a respecto dos centros de coidados intermedios prometidos hai cinco anos. Política Social rexeitou responder en reiteradas ocasións. 

Área de hospitalización nun hospital galego CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O Defensor del Pueblo abriu unha actuación de oficio en todo o Estado sobre o volume de pacientes que ven prolongada a súa estancia en hospitais sen necesidade

Por outra banda, o Defensor del Pueblo, abriu unha actuación de oficio en todo o Estado sobre a situación de pacientes que "por distintas razóns ven prolongada a súa estancia en centros hospitalarios de agudos a pesar de resolverse o seu proceso agudo de enfermidade e estar en condicións de recibir a alta hospitalaria". O Defensor pediu á Consellería de Sanidade que desenvolva "nos diferentes sistemas de información dos centros hospitalarios de agudos, un indicador de xestión comprensivo do número de días de prolongación da estancia hospitalaria por razóns de etioloxía social" para así ter información adecuada sobre o volume dun problema para o que os centros de coidados intermedios suporían unha solución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.