Condenado por defraudar 665.000 euros á Seguridade Social o líder de Xóvenes Agricultores, o disolto 'sindicato' afín ao PP

Pérez Miramontes, líder de Xóvenes Agricultores, nunha xuntanza con responsables da Xunta en 2012 CC-BY-SA Xunta

A Audiencia da Coruña constata un "entramado" de entidades arredor de Pérez Miramontes -tamén investigado por trata de mulleres- co que "transvasou" empregados e actividades entre organizacións para non pagar a Seguridade Social

Mentres presidía Xóvenes Agricultores, organización profesional agraria disolta en 2016 polas súas débedas malia as subvencións públicas que recibía, Juan Pérez Miramontes compartía actividades e iate nos veráns en Sanxenxo coa plana maior do PP, encabezada por Mariano Rajoy. O seu sindicato organizaba actos conxuntos cos populares, que o consideraban organización agraria de referencia, ao nivel de Unións Agrarias ou do Sindicato Labrego Galego. 

Agora Pérez Miramontes vén de ser condenado por fraude de 665.000 euros á Seguridade Social co "entramado de empresas nas que participaba", entre elas Xóvenes Agricultores e outras asociacións "cuxo principal obxectivo era conseguir subvencións" e coas que "transvasou" empregados e actividades para evitar pagar as cotas sociais. Ademais deste proceso xudicial agora rematado, Pérez Miramontes segue investigado por un delito de trata de mulleres para explotación sexual que en 2019 o tivo varios meses en prisión provisional.

Pérez Miramontes, nunha imaxe de arquivo do desaparecido sindicato Xóvenes Agricultores © Xóvenes Agricultores

A sentenza agora emitida pola Audiencia da Coruña, con data do 20 de xullo, foi pronunciada tras un acordo de conformidade entre as partes. No seu relato de feitos probados dise que entre 2012 e 2015 Pérez Miramontes utilizou o "entramado de empresas nas que participaba", entre elas Xóvenes Agricultores, a Asociación Mujeres y Familias del Ámbito Rural Gallego ou a Asociación Dinamización do Mundo Rural, "con ánimo de defraudar os intereses da Seguridade Social". 

A sentenza di que o "principal obxectivo" das entidades era "a consecución de subvencións e axudas estatais ou autonómicas para o ámbito rural galego", e que o condenado, "sabedor de que para optar ás referidas subvencións as asociacións optantes tiñan que estar ao corrente do pago na Seguridade Social, transvasou a actividade e os empregados dunhas a outras para concorrer a ditas subvencións, evitando desta forma facer fronte ao pago das cotas da Seguridade Social". Durante eses anos, conclúe a sentenza, xerouse unha débeda coa Seguridade Social no total das empresas de 666.598,16 euros.

A condena por conformidade a seis meses de cadea suspéndese durante cinco anos a condición de que durante ese tempo vaia pagando o defraudado

Por estes feitos Pérez Miramontes é condenado a seis meses de cadea e a indemnizar á Seguridade Social co importe defraudado. A sentenza tamén concede a suspensión da execución da pena de prisión durante cinco anos coa condición de que o condenado pague a débeda durante ese prazo "salvo que ao final do mesmo sexa insolvente ou incapaz de abonar estas cifras". A sentenza tamén establece que "en todo caso" o condenado ten que pagar nun prazo de 18 meses cando menos 100.000 euros que obteña da venda dunha finca. Venda de cuxas xestións e condicións ten que informar ao xulgado e as partes implicadas durante a fase de execución da sentenza que xa está en marcha.

Antiga sede de Xóvenes Agricultores en Lugo, embargada en 2014 © Google

Xóvenes Agricultores foi disolto entre débedas en 2016, aínda que a Xunta non o deixou de considerar interlocutor no eido socioeconómico ata ano e medio máis tarde. Nos anos previos e xa desde a época de Manuel Fraga a organización recibira varios millóns de euros en subvencións da Xunta pola súa suposta representatividade no sector. 

Foi precisamente con Fraga na presidencia cando, en vésperas das eleccións de 2005 que o desaloxarían de San Caetano, o PP e Xóvenes Agricultores xuntaron 25.000 persoas no recinto feiral de Silleda nun acto no que o líder popular pedía evitar que Galicia caese "nas mans de tolos". Un ano máis tarde, xa co PP fóra da Xunta, Xóvenes Agricultores era o soporte clave para crear e dar eco a unha plataforma denominada SÓS contra o Lume, colectivo impulsado polos populares para protestar contra o Goberno de PSdeG e BNG pola vaga de incendios daquel ano.

En 2019 o Goberno galego ofreceu no Parlamento algúns datos parciais das axudas só da Consellería do Medio Rural ao "sindicato", como o cualificaba, pero sen remontarse á época de Fraga senón só á do bipartito de PSdeG e BNG. Segundo eses datos, a organización liderada por Pérez Miramontes recibira de Medio Rural 2,5 millóns entre 2005 e 2009 e 2,3 millóns entre 2009 e 2014, ano a partir do cal deixara de obter axudas e mesmo se lle abriran expedientes de reintegro por incumprimento de condicións.

Informe do Consello de Contas sobre como subvencións da Xunta a Xóvenes Agricultores acabaron beneficiando o presidente desa entidade, Pérez Miramontes CC-BY-SA Praza Pública

Xóvenes Agricultores organizou actos políticos co PP e a Xunta, que segundo constatou en 2016 o Consello de Contas, outorgoulle unha subvención que acabou beneficiando ao seu presidente 

As de Medio Rural non eran as únicas axudas que recibía Xóvenes Agricultores, pero estas en concreto si foron fiscalizadas polo Consello de Contas, que en 2016 emitiu un informe no que censurou que unha subvención de 2,1 millóns acabase beneficiando ao propio Pérez Miramontes. Era unha axuda para que o sindicato mercase inmobles para as súas sedes e estes acabaron sendo locais dos que era copropietario o seu presidente. A Xunta argumentou ao Consello de Contas que descoñecía eses datos, pero o ente fiscalizador replicoulle que os seus propios auditores así llo comunicaran persoalmente ao Goberno galego.

Tras a disolución de Xóvenes Agricultores en 2016, Pérez Miramontes volveu ser noticia en 2019, ao ser detido nunha operación policial internacional contra a trata de mulleres. A el atribuíanlle o financiamento da trama, que traía mulleres principalmente de Paraguai a pisos de Santiago de Compostela nos que eran obrigadas a exercer a prostitución. Estivo en prisión provisional medio ano pero o caso aínda non rematou. 

Intervencións policiais en pisos de Santiago no desartellamento da rede de proxenetismo da Operación Chipa © Policía

En 2019 Pérez Miramontes pasou medio ano na cadea tras ser detido nunha operación contra a trata de mulleres cuxa investigación aínda continúa nun xulgado de Santiago

En abril do pasado ano o xulgado de Instrución 3 de Santiago propuxo finalizar a investigación con Pérez Miramontes imputado, xunto con outras persoas, por integrar un "grupo criminal dedicado á explotación sexual de mulleres". Fontes xudiciais confirman que o procedemento, no que se analizan posibles delitos de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e tráfico de drogas  está pendente de que a maxistrada resolva diversos recursos presentados polas partes e decida se decreta a súa transformación en sumario ou continúa polos trámites do procedemento abreviado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.