Condenan a Medio Rural por retirar unha axuda de 44.000 euros a unha explotación por reducir empregos malia que os aumentara

José González Vázquez, conselleiro de Medio Rural cando aconteceron os feitos e agora titular de Emprego, nunha visita a unha explotación gandeira nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Tribunal Superior de Galicia evidencia as rixideces das subvencións agrogandeiras da Xunta e censura que penalizase a unha explotación que reduciu emisións contaminantes e creou emprego

A Consellería de Medio Rural vén de ser condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a outorgar a unha explotación gandeira unha axuda de 44.000 euros que lle recoñecera inicialmente e que despois lle retirou co argumento de que non cumprira os requisitos a que se comprometera en materia de redución de emisións contaminantes e de mantemento do emprego. O tribunal considera probado que a explotación mudara de xeito válido e co permiso da Xunta as actuacións a acometer en materia de emisións e que non só non reducira postos laborais, como argumentaba Medio Rural, senón que mesmo os aumentara. 

Vacas nunha explotación gandeira CC-BY Galería do Bem

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, Medio Rural outorgara en 2019 unha axuda de 44.000 euros para a mellora dunha explotación gandeira valorando entre outras cuestións o seu compromiso de renovar os seus equipamentos para xurros e de manter os postos de traballo. Cada unha desas cuestións foi valorada con 2 puntos para un total de 18 puntos que daban dereito á explotación a obter a axuda solicitada, que requiría superar unha valoración de 16 puntos. 

A explotación tamén foi penalizada por mudar, co permiso da Xunta, a renovación de instalacións para o xurro pola compra dun tractor menos contaminante, pero o xulgado considera que iso tamén cumpría os requisitos de redución de contaminantes

Tras ter recoñecida a axuda, a explotación solicitou en 2020 mudar por necesidades sobrevidas a renovación dos equipamentos para xurros pola compra dun tractor de menos emisións, o que foi autorizado por Medio Rural sen comunicarlle que iso supuña perder 2 puntos de valoración. E posteriormente a consellería analizou os postos laborais da explotación e considerou que se reduciran, o que supuña perder outros dous puntos e polo tanto quedar a súa valoración en 14, por baixo dos 16 esixidos, polo que lle retirou a axuda en setembro do pasado ano.

Porén, a visión do TSXG non é esa. Por unha banda considera que aínda que a explotación non renovase os seus equipamentos para xurros, a compra do novo tractor permitíalle seguir cumprindo os requisitos de redución de emisións esixidos pola Xunta e mesmo "merecería por ese concepto unha valoración adicional de 4 puntos".

Sentenza que condena a Medio Rural por retirar unha axuda de 44.000 euros a unha explotación por reducir empregos malia que os aumentara CC-BY-SA Praza Pública

Xa só con esa puntuación, di o tribunal, "perde relevancia a valoración" que fixo a Xunta da suposta redución de postos de traballo da explotación que a levara perder 2 puntos. Pero o TSXG analiza tamén esa penalización e conclúe que foi incorrecta. 

Segundo a Xunta, a explotación partía dunha situación inicial de 4 "unidades de traballo agrario" (UTA), unha delas un asalariado e as outras traballadores autónomos, e comprometíase a acadar unha ocupación laboral de 5 unidades de traballo. O único asalariado pediu a baixa voluntaria, que o xulgado considera probado que non foi un despido, e para substituílo a explotación tramitou a regularización de dúas persoas inmigrantes. Pero os servizos de estranxeiría demoraron a tramitación e mentres a explotación tivo que recorrer a traballadores autónomos de xeito puntual.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

"Non quedan xustificados os incumprimentos que motivaron a declaración de perda do dereito ao cobro da subvención", di o TSXG, que ordena á Xunta pagar os 44.000 euros comprometidos

Malia que estas incidencias, en plena pandemia, foron comunicadas pola explotación á Xunta, Medio Rural considerou que en global a explotación reducira o emprego, pero o tribunal considera que non foi así e que "a documentación final aportada revela a existencia de 5 unidades de traballo agrario, manténdose as altas dos tres autónomos existentes na situación inicial, ás que se engaden outras dúas contratacións de persoal asalariado".

Por todo isto o TSXG considera que "non quedan xustificados os incumprimentos que motivaron a declaración de perda do dereito ao cobro da subvención" e condena a Medio Rural a entregar a axuda de 44.000 euros máis os xuros correspondentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.