O TSXG rexeita a pretensión do Goberno galego de restrinxir unhas axudas ao crecemento de empresas á adquisición de equipamentos para novas actividades e salienta que tamén a actividade básica ou ordinaria é subvencionable
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena novamente á Xunta por denegar incorrectamente unha axuda ao emprendemento. Neste caso o Goberno galego alegara que un tractor non melloraría o traballo dunha empresa de silvicultura dedicada á preparación de terreos para plantacións. Pero o tribunal considera que non hai dúbida de que o tractor contribuiría a "incrementar a súa actividade económica" e obriga á Xunta a pagar á empresa os 13.200 euros que lle corresponderían pola axuda.
Segundo relata a sentenza, unha empresa agroforestal solicitou unha axuda ao emprendemento da Consellería de Emprego para subvencionar co 40% a compra dun tractor agrícola, pero foille denegada co argumento de que as axudas ían dirixidas á adquisición de equipos para a mellora das empresas, non para a realización das súas actividades ordinarias. Segundo a Xunta, un tractor sería un equipamento indispensable para o desenvolvemento da actividade básica da empresa forestal, polo que non podía ser subvencionado como unha mellora produtiva.
Porén, o TSXG discrepa do fondo da cuestión. O tribunal analiza a exposición de motivos da convocatoria de axudas e salienta que tiña como finalidade o fomento da "creación, implantación, desenvolvemento e crecemento de empresas, especialmente en tempos de crise". Por iso, di a sentenza, "tal finalidade é tan clara que non admite poñer en dúbida que os programas de incentivos non só van encamiñados a crear e implantar novas empresas, senón tamén a fortalecer o seu posterior desenvolvemento e crecemento, e de aí que non comparta esta sala a conclusión [da Xunta de] que a axuda pola adquisición do tractor non encaixaba dentro do destino ou finalidade que perseguía a orde de axudas de estimular o emprendemento, ao tratarse dun medio necesario para levar a cabo a actividade ordinaria da empresa e non a mellorar o seu proceso produtivo".
O tribunal considera que as axudas estaban dirixidas a "consolidar e fortalecer os emprendedores" mediante novos equipamentos, non só os dirixidos a actividades novidosas "senón tamén a actividade normal da empresa". E considera que o tractor era un equipamento subvencionable á empresa "para contribuír a incrementar a súa actividade económica e consolidar e fortalecer desta forma a súa actividade empresarial ordinaria". Por iso, a Xunta terá que entregar á empresa os 13.200 euros a que ten dereito.
Esta é unha máis das sucesivas condenas que vén recibindo a Xunta por denegar incorrectamente axudas ao emprendemento
A sentenza agora coñecida é unha máis das diversas que veñen condenando o Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións ligadas co emprego ou o emprendemento a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións coas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galego uns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa” a Xunta.