Un mes despois de fixar no DOG que tamén os empregos a tempo parcial se poderían beneficiar de axudas para transformar contratos temporais en indefinidos a Consellería de Emprego mudou os requisitos cunha "simple nota aclaratoria" á que o TSXG nega validez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén emitindo desde hai anos sentenzas que poñen en cuestión o xeito en que a Xunta tramita diversos tipos de axudas ao emprego. Agora o tribunal vén de facer pública unha na que censura que a Consellería de Emprego mudase, cunha "simple nota aclaratoria", as bases dunha liña de subvencións xa publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) desde máis dun mes antes. Unha modificación a posteriori que para o tribunal non é válida coa que o Goberno galego deixou sen axudas a cando menos catro contratos temporais a tempo parcial que pretendían converterse en contratos indefinidos a tempo parcial.

A sentenza agora feita pública polo TSXG dá a razón a unha empresa á que a Consellería de Emprego denegou unha axuda para que catro persoas mozas contratadas temporalmente a tempo parcial pasasen a ser indefinidas co mesmo horario a tempo parcial. A Xunta argumentou para denegar a axuda que estas só se podían dar cando a contratación pasase a ser a tempo completo. Pero iso non era o que puñan as bases da convocatoria publicadas no DOG o 26 de xullo de 2021.
Como recolle o TSXG, no DOG establecíase que para poderen ser subvencionados os contratos temporais a tempo completo se tiñan que transformar en contratos indefinidos a tempo completo. Pero tamén se contemplaba a posibilidade de que se beneficiasen igualmente das subvencións os contratos temporais a tempo parcial que se transformasen en contratos indefinidos a tempo parcial. O único requisito que se fixaba para eses casos era que "a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma".

O TSXG di que "de ningunha maneira" unha "simple nota" emitida pola consellería para "interpretar" as bases das axudas pode "restrinxir os requisitos de acceso"
"Parece evidente que o que a Orde [publicada no DOG coas bases da convocatoria] trata de preservar non é só a calidade do emprego senón tamén a cantidade de horas traballadas", di o TSXG. Porén, a Xunta denegou a axuda amparándose nunha "nota aclaratoria" que emitiu o 3 de setembro de 2021, algo máis dun mes despois de publicar no DOG as bases das subvencións. Pero para o TSXG "de ningunha maneira" esa "simple nota" pode "restrinxir os requisitos de acceso á subvención da convocatoria".
Para o TSXG esa "nota aclaratoria" emitida pola Xunta coa convocatoria xa en marcha "de ningunha maneira vincula a este tribunal, porque non innova o ordenamento xurídico" ao non ser unha modificación oficial das bases. De feito, engade o tribunal, na seguinte convocatoria, en abril de 2022, a Xunta xa si mudou as condicións nas bases, "aquí si, con rango regulamentario".
Así que o tribunal condena a Xunta a "recoñecer o dereito" da empresa recorrente "a obter a subvención" así como a asumir as custas xudiciais ata 1.200 euros.

“Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións que os tribunais veñen dirixindo ao Goberno galego no eido do emprego autónomo "que tanto pregoa"
A sentenza agora coñecida é unha máis das diversas que veñen condenando o Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións ligadas co emprego a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións coas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galego uns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa” a Xunta.
Un xeito de xestionar co que o Goberno galego deixou por exemplo sen axuda a mulleres paradas que querían emprender no rural por non revisar as súas solicitudes, a un autónomo porque fixo un ingreso nun banco e non unha transferencia ou denegou unha subvención a unha autónoma que xa tiña outra sen deixarlle elixir entre as dúas.