O presidente da Xunta nega o subrecusto de 470 millóns polo modelo de concesión privada para executar o proxecto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que certificou o Consello de Contas e centra as críticas no Goberno de Sánchez
“Non houbo sobrecustos, é o que di o informe do Consello de Contas”, afirmou o presidente da Xunta na Sesión de Control ao Goberno deste mércores no Parlamento. Alfonso Rueda negou a conclusión de dito informe, que certifica un sobrecusto de 470 millóns de euros pola escolla dun modelo de concesión privada para a execución do proxecto do novo hospital de Vigo.
Tras evitar comparecer na Deputación Permanente durante o verán, Rueda limitouse a desviar o foco con argumentos ligados ao bipartito de hai case vinte anos e volveu xustificar as decisións tomadas pola Xunta de Feijó en 2011 coa pandemia da COVID-19. “De que sobrecustos está falando?”, espetou a Besteiro, para a continuación lamentar que “lle arrincaran páxinas” do informe de Contas. “Pensei que a súa ía ser unha oposición un pouco máis centrada”, “pretende facerlle oposición ao Goberno da Xunta de hai catro lexislaturas?”, engadiu.
O portavoz do PSdeG na Cámara, José Ramón Gómez Besteiro, comezou a súa intervención preguntándose se o Consello de Contas ía recibir as mesmas “descualificacións” e “insultos” que obtivo como resposta o seu partido “cando mostrou a súa oposición ao modelo privado de concesión” do novo hospital de Vigo.
Besteiro fixo referencia aos datos aportados por Contas, sendo o principal que das “2.000 camas hospitalarias, que era o obxectivo, acadáronse 1.366 no período fiscalizado”. “Aínda é posible reverter esa situación”, sostivo, para reclamar a Rueda que deixe de “escapar”, aporte “explicacións públicas” e estea disposto a “asumir responsabilidades políticas”.
Besteiro incide en que "aínda é posible reverter" a concesión privada do novo hospital de Vigo e insta a Rueda a "asumir responsabilidades políticas"
Pola súa banda, o presidente replicou coa existencia dun informe encargado polo Goberno de PSdeG e BNG de 2005 a 2009 que preguntaba a unha consultora sobre o mellor sistema para a execución do novo hospital vigués. Segundo detallou Rueda, aquel informe –“que non executaron porque perderon as eleccións”– sinalaba como “mellor” opción a dunha “sociedade mixta, cun financiamento privado do 90%”. “Ese informe, que custou 70.000 euros, tivémolo que pagar nós. Iso si que é un sobrecusto real”, aseverou Alfonso Rueda.
Ana Pontón celebrou a creación da comisión de investigación que vai analizar os contratos da Xunta con empresas ligadas a familiares de Feijóo, os contratos de emerxencia durante a pandemia e o sobrecusto certificado polo Consello de Contas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, “a pesar do seu voto en contra”. “Dálle urticaria que haxa transparencia sobre todos os sobrecustos que se están producindo no Goberno da Xunta”, afirmou a portavoz do BNG.
A líder da oposición instou o presidente a “non vetar ningunha comparecencia” nesa comisión parlamentaria, e referiuse en concreto á participación do expresidente Feijóo e a del mesmo, “nin o acceso a ningunha documentación ou aos contratos con empresas vinculadas a familiares de Feijóo”. Para Pontón, Rueda manifesta a “actitude propia de quen ten medo da transparencia”. Neste sentido, a nacionalista incidiu en que o obxectivo da comisión é “reclamar que teñamos a chave dos nosos cartos, que haxa transparencia e un control do gasto de cada euro público”.
Pontón insta a Rueda a "non vetar ningunha comparecencia" na comisión de investigación dos sobrecustes nos contratos da Xunta, "nin o acceso a ningunha documentación"
“Teño que ver se finalmente resiste con esa comisión”, respondeu Rueda tras a intervención de Pontón, para engadir: “Sexa valente, estámolo desexando”. “A prioridade agora mesmo é que non nos rouben desde o Goberno de Madrid, dígalle aos seus socios que se planta”, continuou o presidente da Xunta, con referencias ao congreso da UPG e á independencia de Galicia, a Venezuela ou a Rusia. “Leva 25 anos de deputada na oposición co mesmo rollo”, dixo.
“É moito máis fácil falar de independencia que do sobrecusto de 470 millóns por un hospital máis pequeno e con menos servizos, ou dos contratos con empresas amigas do PP e vinculadas con familiares de altos cargos do seu partido. Menos escapismo e máis dar explicacións neste Parlamento”, reclamou Ana Pontón, quen definiu a Rueda como “un presidente servil e submiso a Madrid até límites nunca vistos”. “Vai defender unha quita para Galiza, si ou non? Vai permitir que Galiza sexa a única nación histórica que non teña a chave dos seus cartos, si ou non?”, interpelou a nacionalista. “Demostre que é capaz de rectificar cunha axenda de prioridades a favor de Galiza”, concluíu Pontón.