"Non haberá traslado dos fondos documentais depositados no Arquivo Militar de Ferrol", afirma o ministerio tras a alerta de colectivos de defensa da memoria histórica sobre un posible traslado a Madrid
"Os ferroláns poden estar tranquilos". Nas últimas semanas, a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña recibiron unha alerta. Unha empresa de mudanzas, advertiron, estaba a visitar instalacións militares de Ferrol para orzamentar o traslado a Madrid dos fondos documentais dos tribunais militares da denominada rexión noroeste que permanecen custodiados no Arquivo Intermedio Militar Noroeste da cidade departamental.
As entidades memorialistas expresaban a súa inquietude pola relevancia do Arquivo Militar de Ferrol no estudo da represión franquista en Galicia. Ese desacougo aumentou cando o xornal La Voz de Galicia requiriu do Ministerio de Defensa e da Dirección do Arquivo Militar de Ferrol unha confirmación dos posibles plans de traslado, e o departamento que dirixe Margarita Robles evitou confirmar como desmentir a posibilidade, o cal si fan agora.
"Non haberá traslado dos fondos documentais depositados no Arquivo Militar de Ferrol", asegura o Ministerio nun comunicado remitido este 20 de novembro aos medios. "O Ministerio de Defensa ten unha posición clara sobre o Arquivo Militar de Ferrol, que se vai manter na localidade coruñesa", di a nota oficial.
O Arquivo Militar de Ferrol é clave para a investigación da represión franquista en Galicia
"Esta -agregan- é a afirmación que parte dende o Ministerio de Defensa a propósito dos fondos desta institución". "O valor do patrimonio que atesoura o Ministerio de Defensa nos territorios é esencial para difundir a cultura de defensa", argumentan. E por ese motivo, aseguran, "non está previsto, tal e como se sostén dende algúns ámbitos, que haxa ningún tipo de movemento.
É nese contexto no que apelan á "tranquilidade" en Ferrol. "O Arquivo Militar fica en Ferrol, unha cidade cunha estreita vinculación ao traballo que desenvolven as Forzas Armadas e a industria da defensa", conclúen.
As entidades de defensa da memoria histórica veñen subliñando nas últimas semanas que entre os fondos do arquivo ferrolán destacan as "sentenzas de penas de morte e outras condenas que se ditaron por tribunais militares ilexítimos, que forman parte da memoria da represión franquista". Vén sendo clave, por exemplo, para "fornecer investigacións sobre a represión en todo o territorio galego como o proxecto Nomes e Voces" ou para documentar a demanda que permitiu recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.