DÍA 2 | De invitados e nacionalidades

Ángel Gabilondo, portavoz do PSOE en Madrid, este sábado en Santiago Dominio Público @PSdeG

Tras parar as actividades durante o Día de Todos os Santos, o PPdeG relanza con Pablo Casado unha campaña na que os partidos galegos están a dar protagonismo a políticos de fóra

A primeira xornada da campaña electoral, o venres, Día de Todos os Santos, o PPdeG decidiu convocar un único acto público: un paseo da número 2 da lista do PP de Madrid, Ana Pastor, por Pontevedra, a cidade na que vive. Sen mitins, os populares parecían dar a entender que ese día festivo os seus cargos eran máis útiles nos cemiterios polos que pasou parte da poboación que axitando unha bandeira do partido. Algo similar xa fixeran na anterior campaña xeral, en abril, cando reduciran tamén ao mínimo os seus actos tanto o Xoves como o Venres Santo. Porén, desta volta, cunha campaña acurtada á metade, a cousa non estaba como para respectar tamén o Día de Defuntos deste sábado e os populares optaron por fixar nel o mitin central da súa campaña en Galicia coa visita de Pablo Casado. 

O aspirante á presidencia do Goberno polo PP viaxou este sábado a Galicia para dicir que lle parece mal que os Reis viaxen a Cuba, xusto tras as eleccións, na que será a primeira visita oficial dun monarca español á illa. Para Casado esa viaxe é unha imposición de Sánchez que “vai forzar os Reis a visitar a ditadura cubana”. Así o dixo diante dun Feijóo que, como el, cando aínda estaba na oposición tamén criticaba as viaxes do daquela presidente Touriño. Despois, xa na Xunta, o propio Feijóo deu a man na Habana a un Castro, como tamén fixera Manuel Fraga.

Feijóo, con Raúl Castro en 2016 © Estudios Revolución

O portavoz do PSOE na Asemblea de Madrid, Ángel Gabilondo, acompañou a Gonzalo Caballero poñendo o foco no escoramento do PP cara á dereita

Pero nin os Reis serán os únicos que visiten Cuba durante o réxime dos Castro nin Casado o único político chegado de fóra ao que os partidos galegos dean protagonismo nesta campaña. Se o venres era a ministra de Economía, Nadia Calviño, a que centraba a campaña do PSdeG, este sábado o invitado foi o ex-ministro de Educación e actual portavoz do PSOE na Asemblea de Madrid, Ángel Gabilondo, quen acompañou ao líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, en varios actos nos que os dous puxeron o foco no escoramento do PP cara á dereita. Este domingo pasarán tamén por Galicia a vicesecretaria xeral do PSOE Adriana Lastra e a ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo.

O ex-deputado de En Comú Podem Xavier Domènech proclamou que “España é plurinacional, Catalunya é unha nación, Galicia é unha nación”

Tamén En Común tirou de políticos invitados para, á espera do mitin central de Pablo Iglesias este domingo na Coruña, celebrar varios actos este sábado co ex-deputado de En Comú Podem Xavier Domènech. E se Casado negou “a plurinacionalidade de España”, o profesor de Historia da Autónoma de Barcelona salientou que “España é plurinacional, Catalunya é unha nación, Galicia é unha nación”. Domènech tamén botou unha man aos candidatos de En Comú asegurando que “os cataláns sempre nos sentimos orgullosos do traballo, da forza e da honestidade dos deputados galegos”.

Domènech, segundo pola esquerda, nun acto de En Común este sábado © En Común

Ciudadanos tamén contou coa presenza en Galicia do secretario do seu grupo parlamentario no Congreso, Miguel Gutiérrez, nun acto no que criticaron que Mossos e Ertzaintza cobren máis que a Policía e a Garda Civil. E o mesmo fixo Máis País, que trouxo a Vigo ao seu deputado na Asemblea de Madrid Eduardo Rubiño para falar de dereitos LGTBI+.

O BNG eloxiou que o deputado do PNV Aitor Esteban non dese a man ao deputado de Vox Iván Espinosa de los Monteros

Este sábado ata o BNG apelou a políticos de fóra de Galicia para salientar a ausencia do país no debate televisivo entre os sete partidos con grupo parlamentario no Congreso organizado na noite do venres por RTVE. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, igual que outros cargos do partido, lamentou en Twitter que o único galego do debate fose o presentador pero dixo sentirse “dignificada co xesto dun nacionalista que non lle dá a man a esa extremadereita xenófoba e machista coa que pacta o PP de Feijóo”, en referencia ao xesto do deputado do PNV Aitor Esteban co deputado de Vox Iván Espinosa de los Monteros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.