Día 3 | A pola quinta maioría (agora en España) desde a praza de touros, ter memoria e 'influencers' da democracia

Feijóo no mitin deste domingo na praza de touros de Pontevedra CC-BY-SA PPdeG

Terceiro día de campaña cara ao 23X cun multitudinario acto do PP con Feijóo desde a praza de touros de Pontevedra, un mitin en Foz do BNG con Pontón, un encontro coa mocidade socialista en Lugo e a proposta de "nacionalizar" a AP-9 de Sumar Galicia

Terceiro día da campaña do 23X e previo ao 'cara a cara' que protagonizarán Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez en Atresmedia na noite deste luns. Único espazo no que o candidato e presidente do PP confrontará as súas propostas, tras rexeitar participar no debate organizado pola televisión pública. TVE emitirá un debate electoral o vindeiro 19 de xullo –ao que Feijóo segue convidado– co candidato socialista á reelección, a candidata de Sumar Yolanda Díaz e o candidato de Vox Santiago Abascal.

"Non serei Pedro Sánchez, serei o que coñecedes e votastes: un convencido das posibilidades que ten este país e un presidente para todos, voten por min ou non", subliñou Feijóo diante das 12.000 persoas presentes no mitin do PP na praza de touros de Pontevedra, un espazo que o partido recupera e vincula coas catro maiorías de Feijóo na Xunta desde 2009

Ana Pontón e Daniel Castro nun mitin en Foz CC-BY-SA BNG

Feijóo presentouse como un presidente "honesto e coherente", con constantes referencias á súa etapa á fronte do Goberno galego. "A Sánchez dánselle mellor os platós que a xestión, a min pásame o contrario", sostivo, para engadir que os socialistas serían "incapaces" de mobilizar a tanta xente como o PP este domingo. "Presidente, a por ellos", díxolle a cabeza de lista ao Senado por Pontevedra Pepa Pardo na súa intervención.

"Cando fala dos dereitos das mulleres, recordarlle que en Galiza financiou a Red madre antiabortista", díxolle Pontón a Feijóo

Con novas insinuacións sobre a ocultación de parados nas cifras do paro facilitadas estes días e referencias a Bildu, ao delito de sedición ou á lei do só si é si Feijóo sentenciou, acompañado do ex-presidente do Goberno de España Mariano Rajoy e do presidente da Xunta Alfonso Rueda, que "os españois xa non nos fiamos e por iso imos votar". 

Contra unha forza "machista, racista e profundamente antigalega"

"En Galiza sabemos que é Feijóo: menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública e máis ataques á nosa lingua", argumentou a portavoz nacional do BNG desde Foz nun mitin no que acompañou o candidato ao Congreso por Lugo, Daniel Castro, que pediu o voto para rematar coa "discriminación das forzas estatais" que "ten consecuencias para Lugo" porque "as empresas non veñen a un territorio mal comunicado e todo iso fai que a xente moza marche". "Vós credes que se houbese unha focha coma a da Areoura en Madrid ou se tivese caído un viaduto que é unha vía principal seguirían agardando? Claro que non!", aseverou Castro.

Valentín González Formoso e José Ramón Gómez Besteiro nun encontro con mocidade socialista en Lugo CC-BY-SA PSdeG

Ana Pontón lembrou este domingo que o ex-presidente da Xunta dicía en Galicia que non pactaría con Vox "porque é un partido que está contra Galiza" e agora quere gobernar con esa mesma extrema dereita "machista, racista e profundamente antigalega". A líder nacionalista contestou o discurso de Feijóo e afeoulle a súa colaboración cunha entidade antiabortista.

"Cando fala de boa xestión, dígolle que triplicou a débeda pública, ao tempo que recortou en educación e en sanidade; e cando fala dos dereitos das mulleres, recordarlle que en Galiza financiou a Red madre antiabortista, baixou as axudas as vítimas da violencia machista e agora branquea o negacionismo do seu amigo Abascal e de toda a caverna da extrema dereita", denunciou Pontón.

Besteiro salientou a reflexión da mocidade galega de "ser verdadeiros influencers da democracia" e aplaudiu o seu compromiso

Mocidade influencer da democracia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou nun acto con mocidade socialista xunto o cabeza de lista por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, no que demandaron o voto xuvenil fronte ás opcións de dereita que "tratan a mocidade deste país como borregos". 

Besteiro salientou a reflexión da mocidade galega de "ser verdadeiros influencers da democracia" e aplaudiu o seu compromiso na defensa dos valores e liberdades do país fronte a unha "vida pasada" dunha España "peor" con "ditaduras e censuras que non recordaban" porque non naceran. O candidato fixo fincapé  no descenso do paro xuvenil "a niveis que non se viviran en toda a democracia" grazas á xestión do Goberno de Pedro Sánchez "por e para" as persoas máis novas.

Marta Lois e Manuel Lago este domingo en Santiago CC-BY-SA Sumar Galicia

"A nosa proposta é transformar a subvención en investimento, recuperando para o público a AP-9", salienta Marta Lois

Formoso pediu o voto para un PSOE consolidado como "columna vertebral e correa de transmisión da maioría social", fronte a unha dereita que "cada vez que goberna coarta a capacidade formativa subindo as taxas universitarias e reducindo o orzamento en bolsas". 

AP-9 de xestión pública

Desde Sumar Galicia avanzaron este domingo a súa proposta para "nacionalizar" a autoestrada AP-9 e que "o Estado resolva a débeda que ten con Galicia". A candidata ao Congreso pola Coruña, Marta Lois, acompañada de Manuel Lago e Borja San Ramón, números dous e tres da lista, explicou desde Santiago que "75 anos de peaxe e enriquecemento privado" é unha "situación inaceptable que afecta gravemente á mobilidade e á articulación territorial"do país. 

Lois considerou que esta "anomalía" debe ser resolta "de forma moi diferente ás medidas parciais e ineficientes adoptadas ata o de agora". "A nosa proposta é transformar a subvención en investimento, recuperando para o público a AP-9", salientou, para engadir que unha vez sexa de xestión pública "o Estado ten que transferirlla ao Goberno galego".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.